O Secretario nacional da CIG-Ensino reclama a retirada da LOMCE na súa comparecencia na Comisión de Educación no Congreso dos Deputados

Anxo Louzao aclarou que o PP en Galiza négase a participar de ningún debate sobre o tema, até o punto de non levar a LOMCE a debate ao Consello Escolar de Galiza

Hoxe, 15 de xullo, iniciouse no Congreso dos Deputados o debate en pleno da LOMCE en sesión extraordinaria celebrada no Senado. Anxo Louzao compareceu na súa calidade de Secretario Nacional da CIG-Ensino e membro do Consello Escolar do Estado, convidado polo BNG, a quen agracedeu no inicio da súa intervención a oportunidade de poder explicar ante a Comisión as razóns polas que a CIG-Ensino e tamén a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeitan este proxecto na súa totalidade. NO INTERIOR DA NOVA TES LIGAZÓN AO TEXTO COMPLETO DA INTERVENCIÓN ASÍ COMO AO VÍDEO DA INTERVENCIÓN.

Anxo Louzao manifestou que “O verdadeiro motivo da LOMCE é impregnar todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal e así avanzar na privatización e na mercantilización da Educación.” Sinalou que “A LOMCE centraliza e uniformiza o sistema educativo, rexeitando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español. Reforza aínda máis a confesionalidade do ensino. Conforma un sistema educativo máis selectivo, elitista e clasista. Segrega o alumnado, mediante itinerarios que o condenan a titulacións diferentes no ensino obrigatorio. Impide o acceso das clases populares á educación. Infravalora o profesorado e elimina a xestión democrática dos centros.” Por tanto, “a LOMCE conduce a un sistema educativo cada vez menos equitativo, que cuestiona o dereito universal á educación, descarta a igualdade de oportunidades, fortalece o papel españolizador, destrúe a diversidade cultural e nega o dereito a ter un ensino científico e laico.” Sen esquecer que “desterra a coeducación como principio que debe imbuír o sistema educativo”

O Secretario nacional da CIG-Ensino indicou que “Por primeira vez, unha lei orgánica educativa regula os modelos lingüísticos das nacións do Estado, co obxecto de impedir o ensino nas linguas propias de cada territorio.” Ademais a LOMCE invade competencias educativas de Galiza e asume todas as atribucións para poder fixar os currículos das materias troncais. “Os contidos galegos estarán vetados nas reválidas que serán centralizadas, deseñadas, elaboradas e cualificadas mediante criterios dictados polo MEC.” O centralismo desta lei ponse de manifesto tamén nas que se recollen como competencias do Estado: “a ordenación e organización do sistema educativo, as avaliacións externas, as competencias e a composición dos órganos colexiados, o sistema de elección dos cargos directivos, a concesión de becas, os días lectivos, o horario lectivo do profesorado, as substitucións do profesorado, a admisión do alumnado nos centros, os concertos educativos, ....”

Anxo Louzao fixo fincapé en que “O establecemento da reválidas ao final da ESO e do Bacharelato, como requisito imprescindíbel para conseguir a titulación respectiva que permita acceder ao seguinte nivel educativo, responde, exclusivamente, a unha concepción elitista da educación e persegue unha dobre función: expulsar a unha parte importante do alumnado do sistema educativo e uniformar e centralizar o ensino.” Indicou tamén na súa comparecencia que “A LOMCE contempla a creación de centros de elite, de especialización curricular e de excelencia para un alumnado selecto. As avaliacións xerais de diagnóstico, de etapa e as reválidas tamén servirán para configurar unha clasificación dos centros, atendendo aos resultados escolares do alumnado, cando a extracción social, os recursos familiares, a contorna social e cultural, a porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais e os recursos de cada centro son determinantes para considerar o rendemento escolar.” 

Anxo Louzao rematou a súa comparecencia reclamando a retirada da LOMCE porque: “Desde a Confederación Intersindical Galega apostamos por outro marco lexislativo estatal que se fundamente no recoñecemento e na asunción do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado; que asuma a defensa inequívoca dun ensino público, laico e democrática, que facilite a igualdade de oportunidades e o dereito universal a unha educación de calidade.”

Ao finalizar a súa intervención Anxo Louzao foi felicitado pola claridade da súa exposición e por ter tratado os puntos esenciais que explican a oposición á LOMCE. Recibiu máis de 40 preguntas dos representantes dos 5 grupos parlamentarios presentes.

En resposta á preguntas do BNG e de CiU, Anxo Louzao sinalou que o ensino en galego non acada o 5% dos centros no caso da Educación Infantil nas cidades e que no resto das etapas o alumnado non adquire, como reclama a Lei de Normalización Lingüística, competencia plena na nosa lingua. Anxo Louzao criticou que, nesta situación, o goberno galego procedese a promulgar un Decreto que, no canto de actuar sobre o ensino en galego para procurar a normalización da nosa lingua, o que fixo foi prohibir que materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía se impartisen en galego, aínda que si se poden impartir en inglés. Un Decreto que, como logo lle respondería á deputada do PP foi anulado polo TSXG. Sobre o tema da lingua, e na resposta á deputada popular, Anxo Louzao lembroulle que quen rompeu o consenso no seu día foi o PP, pois o Decreto 124 derrogado por Feijoo, fora elaborado co consenso de todas as organizacións políticas e sindicais e emanaba do Plan Xeral de Normalización de 2004, aprobado tamén por unanimidade do Parlamento Galego.

Anxo Louzao sinalou que o PP tamén pretende dar carta de legalidade con esta lei ao que foi declarado ilegal polos tribunais, este é o caso da regulamentación do idioma, mais tamén o caso dos centros que segregan o alumnado por sexo, que con esta nova Lei se pretende favorecer e darlle carta de legalidade permitindo que o alumnado reciba así unha educación sexista que se subvencionará con diñeiro de todas e todos.

En resposta ao grupo de Izquierda Plural, sinalou que o trato recibido polos representantes sindicais no Consello Escolar do Estado foi de burla ao organismo, se se considera que se anunciou o día anterior que o borrador que se ía discutir nesa sesión xa estaba modificado ou que se pretendeu silenciar a algún dos membros do Consello, motivo polo que sindicatos, federacións de nais e pais e alumnado acabaron abandonando o organismo. 

Anxo Louzao aclarou que o PP en Galiza négase a participar de ningún debate sobre o tema, até o punto de non levar a LOMCE a debate ao Consello Escolar de Galiza, pregunta que foi realizada polo Grupo Socialista. 

Preguntado sobre a memoria económica para a posta en marcha da LOMCE, Anxo Louzao respondeu que cómpre unha memoria económica que sexa realista co que pretende, mais que non cabe agardar do actual partido no poder un compromiso efectivo con esa memoria económica, vista a política de recortes seguida até o de agora, como por exemplo a liquidación dun acordo acadado no seu día co goberno bipartito que supuxo o incremento de 1000 postos de traballo, ou a inexistencia dunha oferta de emprego suficiente para dotar os centros co profesorado necesario, elemento esencial para procurar a mellora da calidade no ensino.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino reiterou na resposta aos Grupos do PP e do PSOE, o que xa dixera na súa intervención: que a “LOMCE susténtase na visión máis negativa do artigo 27 da Constitución que consagra a “liberdade de ensino”, para garantir así a privatización da educación, mediante os concertos educativos, e o “dereito dos pais a que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral acorde ás súas propias conviccións”, consolidando así a impartición da relixión na escola.”. Anxo Louzao rematou a súa intervención indicando que efectivamente a CIG-Ensino se opuxo á LOGSE e á LOE e combateu os seus aspectos máis negativos. Mais a LOMCE vai aínda máis alá e empeora eses aspectos, pois é unha lei elaborada en base a intereses ideolóxicos e económicos coa que se pretende que todas e todos paguemos os centros de ensino privado concertado e o ensino da relixión.

Mañá martes, 16 de xullo, serán votadas no Pleno do Parlamento as emendas á totalidade. O Pleno comezará ás 16 horas.

 


Ligazón ao vídeo da intervención de Anxo Louzao

Ligazón á intervención completa de Anxo Louzao (PDF)

  • O Secretario nacional da CIG-Ensino reclama a retirada da LOMCE na súa comparecencia na Comisión de Educación no Congreso dos Deputados

Volver