O San Xerome dilapida 150.000 euros de axudas para indemnizar despidos

Pais e nais estudan solicitar unha auditoría das contas do centro de atención a persoas con discapacidade da Guarda

A dirección do centro de atención a discapacitados/as San Xerome Emiliani da Guarda négase a readmitir catro traballadoras/es despois da sentenza que declara improcedentes os despedimentos. Asume, deste xeito, o dispendio de case 150.000 euros procedentes de axudas públicas e doazóns solidarias para tapar un buraco xerado pola actitude despótica e anti-sindical da actual xerencia, que segundo o xuíz chegou a manipular as contas para xustificar os despedimentos.

Galería de imaxes

Está en risco o futuro do centro de educación especial San Xerome? Até onde chegará a pechazón e encirramento da actual dirección? Os e as numerosos/as pais e nais que asistiron onte á asemblea aberta convocada pola CIG-Ensino na Guarda amosaron publicamente a súa preocupación pola xestión do centro, logo de coñecer os detalles da sentenza que declara improcedentes os catro despedimentos practicados en 2013.

Nela, o Xulgado do social considera probado que existiu unha manipulación descarada das contas do centro para, en base a unha ficticia situación de insolvencia, xustificar o cese de catro traballadores/as “incómodos para a dirección” pola súa actitude reivindicativa e filiación sindical.

Así, e despois de analizar as finanzas do San Xerome, conclúese que nos días previos aos despedimentos, realizados o 5 de abril de 2013, as contas ficaron en vermello ao derivaren 68.912 euros a “investimentos financeiros a curto prazo”. Este motivo, para o xuíz “abonda por si só para declararmos a improcedencia do despedimento”.

Porén, unha vez coñecida a sentenza, a dirección comunicou que non optará pola readmisión, o que suporá dilapidar 148.600 euros do patrimonio da asociación (10.600 en gastos de liquidación e 138.000 en indemnizacións, incrementadas por non cumprir os prazos do preaviso), que ten como únicas vías de financiamento as axudas públicas e doazóns solidarias de particulares. Por todo isto, numerosos/as pais e nais plantexaron na asemblea aberta a posibilidade de solicitaren unha auditoría das contas.

Represión sindical nun centro sen ánimo de lucro

Os motivos reais dos despedimentos remóntanse ás numerosas sentenzas que desde 2008 leva gañado o colectivo de traballadores/as en base ao cumprimento do convenio, esixindo que non se lles aumentase o horario laboral. Despois dunha intensa campaña de desprestixio, en abril de 2013 prodúcense catro despedimentos de entre as nove que denunciaran a vulneración de dereitos.

Desde entón, e durante cinco meses consecutivos, a CIG-Ensino convocou mobilizacións diante do centro, ademais de dúas manifestacións na Guarda, en demanda da readmisión. Aínda así, e incluso despois de coñecida a sentenza, a dirección continúa as súas actitudes represivas negando horas sindicais e dificultando o labor dos representantes das e dos traballadores, como tamén se lembrou na asemblea.

Custe emocional para usuarios/as

Unha das consecuencias da situación de tensión xerada pola dirección é o do custe emocional para as e os usuarios/os do centro derivado do cese de profesionais que levaban 30,20, 8 e 9 anos exercendo no San Emiliani, respectivamente, e por tanto con “fortes vínculos afectivos” coas persoas discapacitadas. Segundo comentaron algúns pais, os seus fillos e fillas “choraban, querían velos, preguntaban onde foran”, situando os traumas psicolóxicos como o resultado da actividade autoritaria do xerente.

Por todo isto, afirmouse a necesidade de que desde o colectivo de pais e nais se esixa a rectificación da actual dirección, evitando prolongar unha situación que dana o normal funcionamento do centro e fai perigar o seu futuro económico. “Quen doará máis cartos para o San Xerome sabendo que o diñeiro vai ir destinado para indemizar despedimentos?” formulaba unha asistente.

Ao tempo que as nais e pais estudan solicitar unha auditoría de contas, a CIG-Ensino, pola súa banda, plantexa interpor un recurso de suplicación á espera dos novos pasos que dea a xerencia, que podería tamén elevar un recurso á sentenza do Xulgado do Social de Vigo.

Volver