O proxecto de orzamentos da Xunta confirma a estafa do Acordo con aínda máis trampas na redución de ratios

O anuncio da Consellaría de blindar por Lei o Acordo é unha falacia máis porque incorpora cláusulas que a Consellaría leva incumprindo 15 anos como o incremento do catálogo dos centros cando exista alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

A actitude da Consellaría segue a ser de burla e desprezo ao profesorado, acentuada ademais por uns sindicatos cómplices que agora escenifican indignación con quen leva desde o ano 2009 incumprindo o propio Acordo de catálogos dos centros ou o Acordo de interinos. Os artigos do proxecto de Lei de medidas confirman a progresividade da redución de ratios a 9 anos vista en infantil e primaria e introducen como novidade a aplicación en 4 anos da redución das ratios nos agrupamentos de aulas mixtas e unha redacción que busca evitar que  se produzan desdobres cando exista alumnado con discapacidade en grupos de entre 20 e 25 estudantes.

A Consellaría segue actuando con descaro e anunciando medidas que aínda agravan máis  o pésimo resultado  do acordo asinado hai agora un ano cunha minoría sindical. En concreto, anuncia que “blindará na Lei de Orzamentos Xerais da Xunta” os supostos avances do acordo. Como será a cousa que sempre aplaude na bancada sindical agora bota (unha vez máis) as mans á cabeza. A burla vai aínda máis alá do que xa foi nestes últimos meses ao incorporar medidas que empeoran o pacto sindical que xa era de por si de renuncias e non de melloras.

Para empezar incorpórase unha progresividade na aplicación da redución das ratios nas aulas que mesturan alumnado de distintas idades, etapas ou niveis que non se materializará até dentro de 3 cursos académicos. En concreto esta é a redacción que se propón no proxecto de Lei de medidas:

2. A redución das ratios por agrupamentos realizarase de forma progresiva, de acordo co seguinte calendario de aplicación:
a) Curso 2024-2025: Agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil pertencente a diferentes niveis.
b) Curso 2025-2026: Agrupamentos de alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria e agrupamentos do alumnado de Educación Infantil e de Educación Primaria.
c) Curso 2026-2027: Agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de Educación Primaria e agrupamentos do alumnado de Educación Primaria pertencente a toda a etapa.
d) Curso 2027-2028: Agrupamentos de alumnado do terceiro ciclo de Educación Primaria e o alumnado de Educación Primaria pertencente a distinto ciclo así como agrupamentos de alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil pertencente a diferentes niveis cando inclúa alumnado de tres anos.

Ademais desta “novidade” negativa tamén se mantén inalterábel a temporalización para a redución de ratios a 9 anos vista nas etapas de infantil e primaria e que non se comezará a negociar até o curso 26/27 a redución de ratios na ESO e Bacharelato, quedando fóra a FP e o resto de ensinanzas. Os datos de natalidade feitos públicos estes días, con Galiza á cola do Estado en número de nacementos, suporán que na práctica esta rebaixa xa se efectuará de forma natural, polo que a Consellaría está vendendo medidas que, como xa se demostrou este curso no que utilizou fondos europeos para parches e reforzos de profesorado e non orzamentos propios, teñen un custe cero.

A atención á diversidade, de novo castigada

Mais o que chama poderosamente a atención é un parágrafo que amplía a “flexibilidade” (ou manga larga) da Consellaría á hora de aplicar o acordo asinado coa minoría sindical. Neste curso xa aconteceu que os centros de secundaria, bacharelato, FP e outras ensinanzas viron que non computaba dentro das ratios máximas das aulas como dobre ou triplo o alumnado con trastorno de conduta, dependencia ou discapacidade. Agora incídese en que tampouco se facilitarán desdobres en infantil e primaria nestes supostos:

“3. Cando como consecuencia das regras establecidas no número 2.a) e b) [alumnado con discapacidade, etc..] o cómputo do alumnado excedese de 20 ou 25 segundo a aplicación progresiva do calendario, a consellería competente en materia de educación, mantendo o número de grupos que había en 4° de Educación Infantil, poderá dotar ao centro educativo con recursos docentes adicionais aos que lle corresponden por catálogo”.

Para que se entenda:

A Consellaría non vai desdobrar aulas que hoxe estean con 20 alumnos e alumnas en 4º de Educación Infantil ou con entre 20 e 25 en calquera curso dos outros niveis de Infantil e Primaria e que contando -dobre ou triplo- con alumnado con recoñecemento oficial de discapacidade, dependencia ou trastorno de conduta, superen esa cifra. Que vai facer no canto de cumprir o que pactou? Poderá (xa nin sequera afirma que o faga) aumentar con recursos docentes por riba do catálogo. 

Unha estafa? En toda regra, mais non só por non cumprir o acordo. Vexamos:

Esa referencia a poder aumentar docentes se existen necesidades, e que no borrador da Lei de Medidas aparece en dous artigos diferentes (23.3 e 24.3) e que substitúe a obriga de desdobrar aulas pola posibilidade de dotar con docentes a maiores do catálogo de postos de traballo que teñan recoñecidos os colexios de infantil e primaria non é ningunha novidade, senón que xa leva incluído expresamente no Acordo de Catálogos do Corpo de Mestres asinado, esta vez si por unha maioría sindical na que se incluía a CIG-Ensino en 2007, e que o PP leva incumprindo desde a súa chegada á Xunta hai 15 anos. En concreto, a literalidade daquel acordo dicía o seguinte:

“Naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL”.

A falta de diálogo coa representación sindical, tamén evidente neste proxecto de Lei

Por último, a CIG-Ensino aféalle á Consellaría que empregue a Lei de acompañamento dos orzamentos para modificar o Decreto de convivencia cando por lei sería preceptivo que pasase pola Mesa Sectorial e polo Consello Escolar de Galiza, furtando así a negociación e o debate coa representación do profesorado e co conxunto da comunidade educativa. Aínda que non se introduzan modificacións substanciais a CIG-Ensino entende como unha desconsideración que a Consellaría, con quen vimos de reunirnos nunha Mesa Sectorial hai tan só unha semana non tivese comunicado nada ao respecto destes cambios.

Volver