O profesorado novo, futuro do ensino público

5 de outubro. Día Internacional do Profesorado

A CIG Ensino considera que as novas incorporacións docentes que se produciron nos últimos anos en Galiza teñen ante si o reto de manter a defensa dos seus dereitos e do ensino público tras unha década nefasta de recortes, así como manter o compromiso coa nosa lingua e coa nosa cultura ante os continuos ataques normativos do goberno da Xunta.

A CIG-Ensino súmase este ano á conmemoración da Internacional da Educación o día 5 de outubro no que se celebra o Día Mundial do Profesorado e que este ano ten como protagonista o novo persoal docente. Ante as numerosas incorporacións destes últimos anos á profesión docente en Galiza e ás que se agardan na próxima década, na que se prevén moitas xubilacións, o sindicato sitúa como principais retos manter a defensa dos dereitos laborais e da calidade do ensino público.

Tras unha década de recortes continuados, coincidindo coa chegada de Feijóo ao goberno da Xunta e coa escusa da crise económica, o persoal docente viu drasticamente reducidos os seus dereitos laborais, con diminución de salario e pagas extras, aumento de horario e ratios, impartición de materias afíns, peche de unidades e centros, empeoramento das condicións para acceder á xubilación do profesorado ao que se lle nega a xubilación anticipada e se obriga a traballar máis anos, etc. É por isto que a necesidade de sindicarse e de organizarse na defensa destes dereitos, e por extensión do ensino público fronte a políticas claramente privatizadoras como as que marca a LOMCE ou a introdución da empresa directamente no sistema educativo a través da FP Dual, é máis necesaria ca nunca.

Neste sentido, a CIG-Ensino mantense como ferramenta de transformación social e permite fortalecer a cooperación entre o profesorado fronte a unha administración que repele a negociación e usa a inspección educativa como instrumento de control e de intimidación e non de colaboración.

O futuro da lingua galega

Ao igual que o novo profesorado é o garante da pervivencia do ensino público e da súa calidade, tamén xoga un papel fundamental á hora de manter o uso do galego e de asegurar o seu futuro. Cando se van cumprir 10 anos do Decreto do Plurilingüismo que practicamente eliminou o galego das aulas, coa prohibición expresa de empregalo en determinadas materias científicas e a redución considerable de materiais e recursos en galego e do seu uso nas etapas de Infantil e da FP sobre todo, cómpre rebelarse contra estes ataques normativos e espallar entre o alumnado o seu coñecemento e contribuír á súa normalización educativa e social.

 

Volver