O profesorado galego, moi por riba da media europea en horas lectivas
A recuperación das 18 e 21 horas de docencia directa colocaría o persoal docente de Galiza nunha situación intermedia dos países da Unión Europea
Nas últimas horas antes da folga do profesorado galego convocada para mañá xoves 12 de decembro pola CIG-Ensino e as demais organizacións sindicais do ámbito do sector público, queremos trasladar novamente a todas as compañeiras e compañeiros a necesidade de erguernos contra a negativa da Consellaría de se sentar a negociar o retorno ao horario lectivo anterior ao 2011 en primaria e infantil e 2012 en secundaria, FP e réxime especial.
Facémolo insistindo na necesidade de unidade dun colectivo que foi estigmatizado por quen nos goberna como unha especie de casta funcionarial privilexiada. Pois ben, levantemos tamén esa mentira: o profesorado galego non ten nin o primeiro privilexio. Temos dereitos e agora mesmo estamos pelexando por recuperar parte do que nos roubaron.
Na man de todas e todos está converter a xornada de folga do día 12 nunha contundente mobilización que sexa unha chamada de atención a un goberno illado e máis preocupado por favorecer o ensino privado, tamén o universitario, que por sentarse e falar co profesorado que sostén o sistema educativo co seu esforzo diario.
As cifras non menten, temos máis docencia que os colegas europeos
O informe da OCDE “Education at a glance 2018” confirma de novo unha realidade consolidada nos últimos anos: o profesorado galego, como o do conxunto do Estado español, imparte máis horas de docencia que as mestras e mestres da Unión Europea. Países como Finlandia, Noruega, Alemaña, Italia ou Portugal teñen menos horas lectivas que nós. A recuperación do noso horario lectivo só nos situaría na media Europea e aínda por debaixo destes países.
Non estamos, por tanto, demandando unha redución do noso horario de traballo. Exiximos reordenar o noso horario: reducir as sesións lectivas en aulas para podermos traballar nunhas mellores condicións sen a sobrecarga de docencia que temos así como das propias ratios de alumnado que atendemos, xa que impartir menos horas de docencia tamén implica reducir o alumnado co que traballamos e poder destinar máis tempo á planificación e a coordinación pedagóxica.
O profesorado sempre que loitou polos seus dereitos pelexou ao tempo pola mellora do ensino público e por evitar o seu deterioro. O xoves 12 de decembro temos unha nova oportunidade para demostralo. Fagámolo.
Novas relacionadas