O profesorado en prácticas suspende a Consellaría de Educación polas “xornadas de benvida”

Unha avaliación media inusualmente baixa (por debaixo do 3) e múltiples comentarios críticos son o resultado dunhas xornadas cun marcado carácter político que a CIG demanda que se suprimen ou reorienten

A Consellaría de Educación obrigou o profesorado que vén de aprobar as oposicións a desprazase a Santiago a un acto ofrecido como de “benvida” e no que interviñeron e tiveron unha presenza destacada tanto o conselleiro como todos os altos cargos da Consellaría, nun acto no que se alternaban intervencións prácticas e que nalgún caso foron ben valoradas polo colectivo docente, como é o caso da información proporcionada sobre MUFACE, con propaganda do traballo que realiza a administración educativa desde os seus servizos centrais.

Estas cuestións son precisamente as que centran a maior parte das críticas  e que levaron a facer comentarios que son accesíbeis para o total de asistentes sobre o desenvolvemento das xornadas, unha destinada a docentes de primaria e outra para secundaria. 

As valoracións e as notas medidas son practicamente idénticas, un 2,65 en Secundaria e un 2,77 en Primaria, sendo a nota de 3 a que fixa o suficiente. Esta baixa valoración non é habitual en xornadas organizadas polo servizo de de formación do profesorado, o que tamén debería obrigar a reflexionar a quen tomou a decisión de pasear o conselleiro e os altos cargos nun acto destas características.

Un elemento común nas críticas docentes está tamén no momento elixido para unhas xornadas obrigatorias que non achegan case nada nun inicio de curso para un novo funcionariado, especialmente aquel que ten escasa ou ningunha experiencia previa, que precisa centrarse en todo o traballo que implica comezar un curso: novo centro, novo alumnado e forte carga burocrática. 

Estas valoracións do profesorado reforzan as razóns que levaron á CIG-Ensino a criticar o formato e a exixir a supresión ou completa reorientación para vindeiros cursos, polo que tendo en conta tamén as valoracións críticas que lle traslada o profesorado á Consellarías, reiteramos e completamos as nosas demandas de cambio necesario:

  • Eliminación ou reorientación do formato destas xornadas. A información básica que debe recibir todo docente que comeza a súa andaina profesional debe formar parte da titorización no seu propio centro.
  • De se manteren xornadas fóra do centro, a CIG-Ensino considera que debe terse en conta o seguinte:

Non ten sentido que os cursos de igualdade e galego sexan online e esta xornada presencial, tendo ademais moita menos relevancia profesional que aqueles.

De se manter a presencialidade, debe ser unha formación máis próxima, por comarcas ou cando menos grandes cidades.

Se a Consellaría, como é habitual, desoe o profesorado e mantén o formato actual (un macro evento afastado do que demanda o profesorado) non pode ter baixo ningún concepto carácter obrigatorio e a administración debe sufragar os gastos que lle ocasiona ao profesorado.

A formación debe estar exenta de calquera intervención política e debe ser ofrecida por profesorado con experiencia e que forme parte habitualmente da titorización de novo funcionariado quen se encargue dela.

A Consellaría non dá resposta sobre o pago de desprazamentos

Nunhas das xornadas de “benvida” informouse por parte dun alto cargo  da Consellaría que os gastos de desprazamento ocasionados pola obriga de se desprazar a Santiago quedarían cubertos pola orde que regula o reintegro por gastos de formación unha orde que ten como prazo para solicitar eses reintegros até o 30 de setembro.

En contra do afirmado, esta orde exclúe expresamente a cobertura de gastos en xornadas formativas organizadas pola propia administración educativa. Así se recolle no seu artigo 1.2 no que se indica que “en ningún caso se concederán as axudas reguladas nesta convocatoria para a asistencia a actividadesorganizadas polas estruturas de formación da Consellaría”.

A CIG-Ensino reitera que, ao ter carácter obrigatorio, a propia administración debe cubrir de oficio os gastos de desprazamento desde o centros de destino sen que isto se lle repercuta aos centros educativos, como nalgunha ocasión se fai con docentes convocados a reunións na Consellaría.

Volver