O profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe non ten ordenadores nos centros Edixgal

Ve así dificultada e case imposibilitada a preparación das súas aulas.

Desde a CIG Ensino denunciamos que profesorado que traballa nos centros “Edixgal” das especialidades de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) non reciben os ordenadores que si reciben as súas compañeiras.

O profesorado de PT e AL non está sendo dotado do material necesario para poder impartir docencia nos centros Edixgal, algo que desde a CIG Ensino non logramos entender salvo que, coma sempre por parte desta Consellaría, o importante sexa aforrar uns poucos euros dentro do gasto que supón este programa.

Como pretende a Consellaría que o profesorado que, en moitos casos, ten que impartir apoio ou materias prepare as súas aulas e traballe co material de Edixgal?

A esta discriminación, que lle afecta tanto ao profesorado como ao seu alumado, súmase á que desde hai anos sofre todo o profesorado que imparte PT ou AL na ESO por parte da Consellaría.

Este colectivo non cobra o complemento de impartir docencia na ESO posto que, segundo a Consellaría, “non imparte docencia” na ESO, algo que desde a CIG Ensino levamos anos rebatendo. O profesorado de PT e AL ten que cobrar ese complemento, en igualdade de condicións coas súas compañeiras.

Esiximos que a Consellaría recapacite en ambos casos, que lle entregue o material necesario, neste caso ordenadores, a todo o profesorado que imparte docencia nos centros Edixgal, e que comece a pagar o complemento da ESO a todo o profesorado de PT e AL con funcións en Secundaria. Do contrario, a Consellaría demostra que a atención á diversidade é só unha frase publicitaria que tan pronto choca coa realidade desaparece. 

Volver