O profesorado de FP novamente refén da improvisación das administracións a 5 meses lectivos de que se implante a nova LOFP

A CIG-Ensino critica a Ministerio e Xunta por non ter contado co profesorado nin coa súa representación no deseño dunha norma que empeorará a calidade da FP ao restarlle peso aos módulos profesionais e introducir a dualización en todos os ciclos.

O sindicato maioritario no ensino público en Galiza insta ao MEFP e á Consellaría de Educación a convocar de inmediato tanto Mesas Sectoriais como os Consellos de FP para abordar todos os borradores de RD que modifican os actuais títulos de FP básica, Ciclos Medios, Superiores e Cursos de especialización nos que se aborda, entre outras cuestións, a desaparición dos módulos de FOL, EIE e FCT, se inclúen os módulos de nova creación e se incrementa o tempo de permanencia na empresa xa desde primeiro curso, así como tamén todos os proxectos de RD polos que se estabelecen os graos A, B e C de todas as familias profesionais. Para a elaboración de toda esta normativa, de enorme transcendencia e sobre a que este mes de febreiro terá que traballar unha comisión de profesorado en Galiza, non se contou coa opinión docente nin coa da súa representación legal. Así mesmo, critica a Xunta por anunciar que estivo en exposición pública o Decreto polo que se regula a regulación e a ordenación da FP en Galiza desde o pasado 16 de xaneiro, cando non é certo, e por non prever con antelación licenzas por formación e outras medidas que lle permitan ao profesorado preparar contidos e materiais dos novos módulos e graos que se van implantar a partir do vindeiro curso.

O curso 24/25 será outro exemplo de experimentación absoluta coa FP, como xa aconteceu noutras ocasións coa implantación do sistema de calidade e coas sucesivas reformas normativas, pero esta vez de forma totalmente abrupta e todo apunta a que tamén caótica. Mais o principal problema, alén unha vez máis da improvisación das dúas administracións educativas responsábeis e de non ter contado nin coa opinión do profesorado nin coa da súa representación sindical, será que a implantación da nova LOFP, tendo algunha cousa positiva, suporá en xeral un empeoramento na calidade da oferta formativa cando menos na oferta dos graos D e E. 

Ante a pasividade e falta de información oficial por parte da Xunta e do Ministerio, a CIG-Ensino intenta resumir cales son os principais cambios que, segundo o RD 278/2023, do 11 de abril, polo que se estabelece o calendario de implantación do Sistema de Formación Profesional establecido pola Lei Orgánica de FP terían que entrar en vigor en setembro deste ano, aínda que algunhas cuestións xa levan certo retraso. É dicir, tan só quedan 5 meses lectivos antes da súa aplicación e o profesorado, unha vez máis, comezará o vindeiro curso improvisando sobre a marcha sen coñecer con antelación nin poder preparar o que vai impartir. Para aclarar todo isto o sindicato tamén organiza un curso online de 30 horas homologado que se desenvolverá do 5 de marzo ao 4 abril para o que xa está aberta a matrícula na seguinte ligazón.

Principais novidades que entran en vigor o vindeiro curso

Ligazón: RD 659/2023 de ordenación e regulación do sistema da FP (BOE 22/07/2023) 

Ligazón: Proxecto de RD que o modifica


1.- Haberá un único sistema de formación profesional que integra as coñecidas como FP para o emprego, FP continua e FP regrada. A partir de agora organízase en 5 graos e cada un deles en 3 niveis de profesionalidade. Cada grao permitirá certificar unha formación específica e ofertaranse nos centros educativos: 

  • Grao A: Acreditación parcial dunha competencia. Microformación referida a un ou varios resultados de aprendizaxe
  • Grao B: Certificado de competencia. Formación modular asociada a estándares de competencia do Catálogo estatal. Entre 100 e 200 h.
  • Grao C: Certificado profesional. Conxunto de módulos asociados a estándares de competencia do Catálogo. Entre 600 e 1000 h.
  • Grao D: Ciclos Formativos
    • Nivel 1: CFGB. Título de técnico básico. Requisitos de acceso para alumnado entre 15 e 17 anos. 2000 h.
    • Nivel 2: CFGM. Título de técnico. Requisitos de acceso: grao básico, ESO, proba de acceso, superación de curso de acceso. 2000 h.
    • Nivel 3: CFGS. Título de técnico superior. Requisitos de acceso: grao medio, Bacharelato, proba de acceso ou superación de curso de acceso. 2000 h.
  • Grao E: formación similar aos posgraos e mestrados universitarios. Requisitos de acceso dependendo do tipo de formación. Entre 300 e 900 h 
    • Curso de especialización de FP de grao medio. Título de técnico especialista.
    • Curso de especialización de FP de grao superior. Título de Máster de FP.

2.- Dualízase toda a FP. Desaparece o módulo de FCT e o alumnado terá que adquirir xa desde 1º curso unha porcentaxe dos Resultados de Aprendizaxe de todos os módulos profesionais dos ciclos do grao D na empresa:

    • Ciclo formativo Básico: 20% (400 h) para maiores de 16 anos.
    • Ciclos formativos Medio e Superior:
      • Entre 25 e 35% na dual ordinaria. (500-700 h)
      • Entre 35 e 50% na dual intensiva. (700-1000 h)

Cotizará todo o alumnado durante o período de prácticas na empresa pero só o que participe na dual intensiva terá dereito a unha remuneración económica. A partir do ano 2029 será obrigatorio que exista contrato nesta modalidade. O profesorado dos centros será o responsábel, nun principio, da busca, relación e coordinación académica coas empresas.

3.- Cambios na oferta formativa. Diminúe o horario dos módulos profesionais e introdúcense novos módulos asociados ás competencias básicas ademais de incluírse obrigatoriamente un módulo de proxecto intermodular tanto nos ciclos básicos como nos medios e superiores. Este último desenvolverase ao longo de todo o ciclo, incluído 1º curso. A maiores ofertarase ou ben un módulo optativo nun único curso ou dous optativos ofertados en dous cuadrimestres, que terán entre 80 e 160 horas.

4.- Que módulos desaparecen?

- Formación e Orientación Laboral
- Empresa e Iniciativa Emprendedora
- FCT
- Proxecto fin de grao (CS)
- Inglés (existente nalgúns ciclos)
- Módulo de libre configuración (no caso de existir)
5.- Que módulos se implantan de novo e quen os impartirá?
  • Itinerario personalizado para a empregabilidade I e II (agora tamén obrigatorio na FP básica) Profesorado de Formación e Orientación Laboral
  • Dixitalización aplicada ao sistema produtivo. Depende do ciclo pero con carácter xeral as especialidades da familia profesional con atribución docente nese ciclo, FOL e nalgúns casos Inglés e Lingua estranxeira.
  • Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo. Con carácter xeral as especialidades da familia profesional con atribución docente nese ciclo, FOL e nalgúns casos Inglés e Lingua estranxeira.
  • Inglés profesional. Dependerá do ciclo pero inicialmente ou ben profesorado de Inglés de Secundaria ou da familia profesional. Pendente de regular.
  • Proxecto intermodular. Profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo.
  • Módulo optativo. Pendente de regular quen o impartirá. Este módulo incluíase no RD de ordenación do sistema da FP dentro do currículo que lle corresponde definir ás CCAA, pero no proxecto de RD que o modifica aparece a seguinte distribución do currículo básico a nivel estatal.

6.- Como se vai xestionar o tempo de formación na empresa?

Segundo a normativa, aínda provisional, os módulos que poderá asumir a empresa son os módulos profesionais ou os creados polas CCAA por necesidades do mercado. Este período formativo poderá realizarse en unha empresa ou organismo equiparado ou en varias. Obrigatoriamente esta formación terá que desenvolverse nos dous cursos, agás na FP básica no caso de menores de 16 anos, sectores excepcionais ou por razóns de mobilidade.

7.- A cotización do alumnado nas prácticas. Unha nova carga burocrática para o profesorado.

Desde o 1 de xaneiro deste ano a implantación desta medida, alén de ser unha arma política da Xunta do PP contra o goberno do Estado, apenas se materializou en Galiza porque neste primeiro trimestre non hai case alumnado na FCT, mais xa se produciu un incremento do traballo burocrático das docentes responsábeis tanto no relativo ás altas na Seguridade Social como na información ás empresas. Unha información que non flúe como debera desde a administración galega aos centros. Cómpre salientar que toda esta complexidade de trámites será maior o vindeiro curso ao empezar todo o alumnado de 1º con formación na empresa, polo que a CIG-Ensino esixirá máis persoas coordinadoras e maior liberación horaria para estas tarefas.

8.- Que novas figuras de coordinación docente se crearán?

Crearanse os postos de responsábeis de innovación; de internalización; de coordinación do servizo de orientación profesional, emprendemento e acreditación de competencias; ademais da titoría dual.

9.- O perigo da externalización da docencia

Este é un dos aspectos máis criticábeis da nova norma, que abre a porta a recorrer á contratación de persoal alleo para funcións docentes e de intermediación coas empresas, permitindo que poidan compatibilizar o traballo público e privado e establecendo unha relación laboral coa administración que pode dar lugar a problemas legais e denuncias xudiciais.

En concreto o novo RD de ordenación da FP contempla a posibilidade de incorporar á docencia a persoas expertas do sector produtivo, persoas expertas senior da empresa, persoas prospectoras de empresas e persoal de apoio especializado.

10.- Incidencia na privatización da FP

Ademais da dualización, da inxerencia das empresas na selección do alumnado na dual intensiva, e está por ver se na ordinaria, e da contratación de profesionais externos, un dos resultados palpábeis que xa se está vendo co “auxe” da Formación Profesional é o incremento da oferta privada e concertada, sobre todo de CM e CS malia seren ensinanzas postobrigatorias. Segundo un estudo recente de Caixabank, en Galiza incrementouse nun 62% en 12 anos o alumnado que cursa ciclos formativos en centros privados sostidos con fondos públicos, o triple que no ensino público.

A reforma do RD 659/2023 que prevé o MEFP tamén elimina o carácter gratuíto dos cursos de acceso a ciclos medios e superiores.

Galimatías de lexislación

Nestes momentos, polo que lle traslada o profesorado á CIG-Ensino, existe un absoluto descoñecemento nos centros sobre como se van implantar todos estes cambios normativos o vindeiro curso. Nalgunhas familias profesionais hai xa designada unha comisión docente para actualizar os contidos e reaxustar a distribución horaria dos módulos de cada ciclo pero resulta totalmente insólito que, a día de hoxe, a base lexislativa sobre a que teñan que traballar sexan tres borradores de RD (que modifican os RD polos que se estabelecían os títulos formativos de grao básico, medio e superior) que non pasaron aínda pola Mesa Sectorial do Estado. 

Tanto esta normativa como toda a que regula os aspectos específicos dos graos A, B e C das distintas familias profesionais que, lembremos, segundo o calendario de implantación da FP xa tiñan que están ofertándose a comezos deste curso e que seguen en fase de borrador, pode consultarse na seguinte ligazón da páxina do MEFP.

A CIG-Ensino amósase moi crítica con que tampouco se tivera en conta a opinión nin do profesorado nin da súa representación sindical para a elaboración destas normas. De feito, xa ten recibido queixas sobre a ponderación da carga horaria dos módulos de varios certificados profesionais no sentido de que existe un desaxuste absoluto entre as necesidades formativas en cada área. Hai que ter en conta que no RD de ordenación e regulación da FP, en vigor desde o ano pasado, se determina que o profesorado de FP poderá completar horario impartindo formación dos graos A, B e C nos centros públicos con oferta integrada, unha medida coa que a CIG-Ensino se amosou de acordo sempre que isto non supoña unha prolongación da xornada laboral. 

Así mesmo, tal e como se mencionou, existe outro Proxecto de RD polo que se modifica o RD 659/2023 de regulación e ordenación do sistema da formación profesional que vén de rematar o seu trámite de exposición pública e que pode consultarse nesta ligazón.

Mais se o proceder do Ministerio de Educación e Formación Profesional é moi cuestiónabel en canto ao retraso nos procedementos e falta de interlocución coa representación sindical cando menos os seus proxectos normativos están dispoñíbeis publicamente. Non acontece o mesmo co borrador de Decreto polo que se regula a ordenación e a regulación do sistema de FP en Galiza que a Consellaría de Educación anunciou que poñía en exposición pública o pasado 16 de xaneiro até o día 30 e que non pode consultarse no portal de transparencia da Xunta de Galiza. Tan só aparece unha descrición dos antecedentes e dos obxectivos que persegue unha norma que, dado que o RD estatal que ten que adaptar está publicado desde o pasado 12 de abril de 2023 no BOE, xa hai tempo que debera estar consensuada coa representación legal do profesorado galego e publicada no DOG. Neste caso o atraso na adaptación da norma básica do Estado é responsabilidade exclusivamente da Xunta de Galiza.

Demandas da CIG-Ensino 

É por isto que o sindicato maioritario en Galiza lles solicita urxentemente ás dúas administracións educativas a convocatoria de sendas Mesas Sectoriais para abordar como se pretende implantar, e con que incentivos de cara ao profesorado que ten que impartir os novos módulos, esta normativa cando restan só 5 meses para que remate este curso. Agardemos que non aconteza o mesmo que este ano que a Xunta decidiu incluír como obrigatorio o módulo de Inglés profesional en todos os ciclos da modalidade Dual e nestes intres no Banco de Recursos da Consellaría de Educación só existen dous cursos xenéricos deseñados para a FP a distancia con contidos que nada teñen que ver co inglés profesional aplicado aos diferentes sectores produtivos e que mesmo é sorprendente que teñan unha unidade didáctica denominada Gossip at the office. Non é serio que a administración galega pretenda que a súa gran aposta educativa quede de novo nas mans do voluntarismo e da profesionalidade do seu profesorado que, como non se produza unha rectificación inmediata, non coñecerá até o claustro do próximo inicio de curso os módulos que ten que impartir sen tempo nin recursos previos para preparalos. Desde a CIG-Ensino esiximos que este terceiro trimestre se abra unha convocatoria extraordinaria de licenzas por formación para que todo o profesorado de FP, priorizando aquel que teña interese en impartir estes novos módulos, poida preparar os materiais necesarios, alén de reservar un número importante de prazas na vindeira convocatoria do Piale tanto para o persoal docente de FP como o de Inglés de Secundaria co fin de que se actualicen e poidan tamén afondar no dominio deste idioma e, por último, se volvan abrir as estadías formativas en empresas no estranxeiro que desde a pandemia ficaron pechadas e se recupere a modalidade lingüística neste tipo de estadías, que agora si, e non no momento en que a administración as puxo en marcha, terían moita demanda.

Carreira pola dualización intensiva

A CIG-Ensino tamén denuncia a presión á que están sendo sometidas as persoas que ocupan os cargos da dinamización da FP dual para, nun curto espazo de tempo, ter que chegar a acordos con empresas con fin de implantar máis ciclos desta modalidade o vindeiro curso. Para o sindicato, ademais de estar en contra da extensión dunha tipoloxía de ensinanzas que lle outorga un peso preponderante ás empresas, que se está a comprobar que non favorece a inserción laboral do alumnado no mesmo centro de traballo onde cursa estes estudos e de que é un modelo dificilmente adaptábel á estrutura económica galega, esta fuxida cara adiante da Consellaría terá graves consecuencias no prestixio que acadaron estas ensinanzas nos últimos anos. 

Tanto esta aposta desmedida pola FP dual, como a recente teima da Consellaría de Educación, nunha estratexia moi diferenciada do resto do Estado, de incrementar até un 72% a modalidade a distancia, como a redución de carga horaria dos módulos profesionais para incluír outros de carácter máis transversal e que xa se estaban a impartir na actualidade nos distintos Resultados de Aprendizaxe, como que o vindeiro ano todo o alumnado de primeiro curso teña que acudir ás empresas vai supoñer claramente unha merma na calidade dos ciclos formativos.

O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, propaganda e opacidade 

A CIG-Ensino tamén esixirá información sobre o persoal que nestes intres está a traballar neste centro ubicado en Ourense, e que mantén a súa polémica estrutura dependente en boa medida da Deputación, reiterando a petición de datos sobre cantas persoas foron seleccionadas directamente pola Consellaría e cantas accederon a prazas mediante concurso. Así mesmo, solicitará que se lle informe do estado dos distintos proxectos que se están a levar a cabo nel porque na maior parte dos centros de Galiza descoñecen en que se está traballando e con que finalidade, alén de verse obrigados a participar en proxectos como o InnovaTech e outros de transferencia tecnolóxica ás empresas nos que, lamentan, perden toda a propiedade intelectual e o control sobre o traballo realizado co seu alumnado.

Incógnitas sobre a cotización das prácticas do alumnado de FP

Hai moitas dúbidas sobre unha medida que foi aprobada no RD-Lei 2/2023, de 16 de marzo, de medidas urxentes para a ampliación de dereitos das persoas pensionistas a través da disposición adicional 52ª que determina que o alumnado de FP queda asimilado a calquera persoa traballadora por conta allea dentro do Réxime Xeral da Seguridade Social. Despois de bastante incerteza, o Ministerio de Traballo asegurou que asumiría o 95% das cotizacións e o 5% restante sufragaríao o Ministerio de Seguridade Social pero só durante este ano. Semella que a partir do vindeiro serán as Consellarías de Educación as que teñan que asumir este custe. Entre as dúbidas máis frecuentes que xa xurdiron na FP dual e que se volverán presentar ao longo deste curso algunhas teñen resposta e outras aínda non. A CIG-Ensino esixirá que se informe claramente a profesorado e alumnado das casuísticas que poden producirse e que se resumen a continuación:

▶ O alumnado que está cobrando calquera prestación (pensión de orfandade ou subsidio por desemprego) poderá cotizar igualmente ao abeiro do indicado no BOE de 20 de decembro de 2023.
▶ Poderá permitirse a realización de prácticas do alumnado no propio centro e procederá a súa cotización previa autorización da dirección e información á inspección e á DX de FP. Esta podería ser unha solución á dificultade para atopar empresas suficientes sobre todo para o que curse 1º.
▶ O alumnado que traballe a quendas poderá realizar todas as prácticas que así llo permita o seu horario e cotizará sempre e cando sexa noutra empresa diferente na que traballa.
▶ O alumnado en situación de IT non poderá realizar as prácticas até estar en situación de alta. Cómpre aclarar como se vai xestionar todo o tema dos accidentes laborais que se produzan no período formativo, dado que até agora o alumnado estaba cuberto polo seguro escolar e é necesario saber se a súa condición mudará e quen se encargará das xestións e continxencias que se produzan.

CIG-Informa implantación RD FP setembro 2024

Documento


Volver