O profesorado alerta das diferenzas entre centros e etapas, da desprotección do persoal de risco e da falta de transparencia na información sobre contaxios

Segunda xornada de folga convocada pola CIG-Ensino e outras tres OO SS coincidindo co inicio das clases de forma gradual en secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Malia os servizos “máximos” impostos pola Xunta e o feito de que hoxe só tiñan lugar presentacións nalgúns niveis e grupos o persoal docente volveu responder contundentemente contra o protocolo e a xestión educativa da crise sanitaria por parte da Xunta de Galiza.

Hoxe ten lugar a segunda xornada de folga de profesorado convocada pola CIG-Ensino, CC OO, STEG e CSIF contra os sucesivos protocolos publicados pola Consellería de Educación (hoxe saíu unha nova versión coa modificación que inclúe os anteparos e a semipresencialidade como alternativas ao metro e medio de distancia) e a xestión xeral desta pandemia nos centros educativos. Malia todos os atrancos postos para que o persoal docente puidera secundar a folga (coa imposición de servizos mínimos abusivos que obriga a estar presente un profesor ou profesora de cada grupo e o inicio gradual que fai que hoxe practicamente só haxa presentacións nalgún curso), o profesorado volveu reaccionar contundentemente e participou en diversas concentracións celebradas en todo o país esta mañá. Na que tivo lugar en Compostela, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que segue habendo grandes diferenzas de seguridade entre as etapas educativas. “Mentres que en infantil, primaria e educación especial non se garante o metro e medio de distancia entre o alumnado, principal medida xunto coa diminución de ratios na aula para reducir a posibilidade de contaxio no caso de producirse un positivo, nos niveis superiores as diferenzas establécense entre centros. Estes días estamos vendo xa imaxes de aulas con mamparas que son unha auténtica aberración porque se manteñen cunha gran ocupación, eliminan espazo para o movemento do alumnado, dificultan a ventilación interior e supoñen unha maior complicación á hora de limpalas e mantelas hixienizadas”, apuntou.

Precisamente o criterio desigual aplicado pola Consellaría nos distintos centros dos niveis educativos que comezan hoxe o curso é un dos motivos que segue causando gran malestar nos institutos galegos. “Deixouse para o último momento a planificación ao respecto de buscar espazos que garantiran o distanciamento de seguridade de metro e medio e os desdobres e moitos centros que dispoñían desa solución ou que mesmo a podían ter buscado en colaboración cos concellos durante o verán víronse obrigados a optar pola semipresencialidade, o que implica unha merma importante da calidade educativa, unha atención desigual en función das condicións de conectividade e recursos do alumnado e aínda por riba unha sobrecarga de traballo para o profesorado que este ano xa ten que facer fronte a un curso cheo de incidencias e de novas instrucións. Polo demais, a solución dos anteparos, que conta cun rexeitamento frontal por parte de toda a comunidade educativa, parécenos aínda peor e cremos que ese orzamento se podería ter destinado a reforzar a seguridade das aulas coa contratación de máis profesorado de reforzo e a autorización de desdobres”, indicou Bermello.

A desatención da Consellaría ao persoal en risco

A maiores das queixas que está habendo nos centros pola xa escaseza de material de protección e o feito de que sexa o propio profesorado o que teña que custealo, “seguimos sen saber nada da reclamación de que se adapte o posto de traballo ao persoal con patoloxías graves ou mulleres xestantes. De momento non nos consta cal é a resposta que están dando os Servizos de PRL provinciais ás solicitudes que se teñen formulado tanto de persoal docente como non docente desde comezos de mes”, comentou o secretario nacional do sindicato maioritario no ensino público galego que instou á administración a negociar esta cuestión.

Opacidade na xestión dos contaxios

A CIG-Ensino aproveitou tamén a xornada de folga de hoxe para reclamarlle á administración transparencia e rigor á hora de facer públicos os datos de contaxios e a xestión das corentenas dos grupos ou dos centros afectados. “Non é de recibo que, despois de serlle demandada esta información por escrito ao conselleiro, para que se faga pública diariamente na páxina web da Consellaría (dado que tanto familias como profesorado e alumnado descoñecen o que está pasando nos seus centros), a administración informe só a algúns medios de comunicación da desagregación de datos por colexios e institutos. Toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral ten dereito a coñecer mediante un sistema público e transparente estes datos actualizados diariamente”, reclamou Suso Bermello, á vez que lembrou os problemas de conciliación que xa están a ter moitas e moitos docentes para coidar as súas crianzas cando se decretan corentenas na súa aula. Neste sentido, concluíu que “é preciso que se negocie canto antes un sistema de permisos retribuídos para estas casuísticas que serán constantes ao longo do curso e necesarias se queremos frear a transmisión da enfermidade dentro dos centros, á vez que reclamou unha Mesa Sectorial para tratar o tema da teleformación ou da semipresencialidade, porque implica cambios moi relevantes nas condicións de traballo do profesorado, e para a que a Consellaría segue sen ter un plan específico”.

Volver