O PP vota no Parlamento galego en contra de pagar o complemento de equiparación ao profesorado para extinguir do corpo de PTFP
Desde a CIG-Ensino critican esta actuación cando na última reunión co conselleiro de Educación este aseguroulle que se trataba dunha cuestión política e non económica
O sindicato maioritario no ensino público galego considera que as mensaxes e accións contraditorias que está a lanzar o PP, ben sexa no plano executivo ben no parlamentario, responden a un interese por alongar o conflito co Ministerio de Educación pero, na práctica, o que está é xogando coas expectativas dun colectivo docente moi relevante para o bo funcionamento das ensinanzas de FP.
O pasado 9 de febreiro tivo lugar unha reunión da Comisión de Educación e Cultura no Parlamento galego na que o grupo parlamentario popular presentou unha proposición non de lei que se resumía no seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a solicitar do Ministerio de Educación y Formación Profesional que non faga discriminacións dentro do corpo do profesorado técnico de FP e elabore unha nova normativa para regular que o profesorado técnico de FP se integre no corpo de profesores de ensino secundario, con independencia de que teñan ou non titulo universitario”.
A exposición de motivos da iniciativa incidía na crítica en como actuou o Ministerio de Educación e de FP tanto na elaboración da LOMLOE como na posterior Lei Orgánica da FP. A iniciativa tivo o respaldo do grupo parlamentario do BNG que coincidiu en que o goberno central debera ter blindado o paso ao grupo A1 de todo o profesorado técnico de FP.
Mais, chegados a este punto, tal e como así o entende a CIG-Ensino, a pelota está no tellado da Xunta de Galiza que é a que ten plenas competencias para, cando menos, eliminar a discriminación salarial entre o profesorado técnico de FP que quede a extinguir en calquera das especialidades do corpo de PTFP e aquel que se vai integrar no corpo de Secundaria por ter titulación universitaria e que é o único que vai pasar a ser do grupo A1.
No debate da iniciativa evidenciouse a incoherencia do PP, pois ante unha emenda presentada polo grupo parlamentario do BNG para garantir o pago dun complemento equiparado, o PP votou en contra de instar á Xunta de Galiza a que abone este complemento equitativo e mantivo a redacción orixinal da súa proposición non de lei na que lle pide ao Ministerio que elabore unha nova normativa, sen achegar as medidas que están xa nas súas mans.
Para a CIG-Ensino estas actitudes contraditorias que mantén o Partido Popular por un lado no plano institucional e por outro no parlamentario responden exclusivamente a interese partidarios e de confrontación co goberno do Estado. Na reunión celebrada o pasado 7 de febreiro entre membros da executiva da CIG-Ensino co conselleiro de Educación e dous altos cargos do seu departamento, Román Rodríguez, asegurou que este era un tema no que farían todo o posíbel por solucionalo e asegurou que non se trataba dunha cuestión económica senón política. Dous días despois atopámonos con que no Parlamento galego nin sequera instan a que desde a Xunta se busque unha alternativa.
Posicionamento público e claro por parte do conselleiro de Educación
Chegados a este punto, e tendo en conta que na reunión con Román Rodríguez a CIG-Ensino expuxo varias solucións para solucionar unha situación que está creando gran malestar nos centros, é hora de que o conselleiro se posicione publicamente e sen matices, indicando se o seu departamento vai ou non abonar este complemento e se se están facendo as xestións oportunas en coordinación coas universidades galegas, coas outras comunidades autónomas e co Ministerio de Universidades para facilitar que o profesorado que así o considere poida obter un grao e poder integrarse así no grupo A1. Desde a CIG-Ensino pediuse explicitamente que se deseñen licenzas por formación retribuídas para aquelas persoas que teñan que cursar parte destas ensinanzas toda vez que se lle validen créditos tanto pola súa formación previa como pola súa experiencia profesional.
Un proceso no que non quede ninguén atrás
Polo demais, a CIG-Ensino insta tamén ao titular de Educación a que manifeste se vai abonar con efectos retroactivos a equiparación salarial daquel profesorado que cumpra os requisitos para integrarse en PES e que estivera en activo no momento da entrada en vigor da LOMLOE ou comezara a traballar posteriormente. Neste punto, e tendo en conta que para a central nacionalista non pode haber ningún tipo de desigualdade entre o profesorado que imparte en FP e que desempeña o mesmo traballo, tamén se demanda que o profesorado interino tanto das especialidades que se van integrar en PES como das outras, teñan a titulación que teñan, deben cobrar con efectos retroactivos desde o momento en que estiveran en activo ou fora nomeado funcionariado en prácticas a partir do 19 de xaneiro de 2021.