O PP aséstalle unha nova puñalada ao ensino público ao aprobar o proxecto de LOMCE no Congreso e enviala ao Senado

A CIG-Ensino fai un chamamento a participar na folga do 24 de outubro e nas manifestacións convocadas para ás 11.30 horas da mañá

O PP asestoulle unha nova puñalada ao ensino público ao aprobar no Congreso do Deputados, coa súa maioría parlamentaria, o proxecto de LOMCE e enviala para o seu debate ao Senado. Diante deste novo paso adiante cara a aprobación da LOMCE, que ignora o rexeitamento da comunidade educativa e da sociedade galega no seu conxunto a esta lei educativa, a CIG-Ensino fai un chamamento a participar na folga do 24 de outubro e nas manifestacións que hai convocadas para ese día ás 11:30 horas nas sete cidades e en diferentes vilas, xa que esta convocatoria colle agora maior relevancia.

A CIG-Ensino lembra que a LOMCE é unha lei que nos devolve a un modelo educativo preconstitucional e que nacerá morta polo rexeitamento que suscita nunha sociedade que xa é plenamente coñecedora das súas nefastas consecuencias. A LOMCE é unha lei españolizadora, que detrae competencias e que pretende eliminar calquera modelo educativo que supoña partir da realidade social e cultural das nacións que hoxe forman parte do Estado español.

Ademais é unha lei que “está ao servizo do ensino privado-concertado e dunha ideoloxía totalmente reaccionaria, pensada para potenciar a confesionalidade do sistema educativo”, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino. “A LOMCE liquidará a xestión democrática dos centros e avanzará na privatización do sistema educativo xa que parte dunha concepción do ensino como unha mercadoría á que só uns poucos poden ter acceso. “Cuestiona o propio dereito á educación e avanza na desigualdade de oportunidades, ao concibir a educación como un ben para uns poucos en detrimento da maioría social”, engade Anxo Louzao”.

Por esta razón a CIG-Ensino considera máis necesario que nunca participar activamente na convocatoria de folga e nas manifestacións do 24 de outubro pola mañá para paralizala e evitar a súa aprobación e para que se evidencie, unha vez máis e de xeito contundente, a oposición da sociedade galega á LOMCE.

Volver