O Parlamento pecha as súas portas ante os centos de persoas que se concentraban contra os recortes do goberno de Feijóo

O éxito da mobilización, malia convocarse dun día para outro, en agosto e pola tarde, evidencia o malestar social e o rexeitamento ás políticas do PP

Centos de persoas concentrábanse na tarde deste xoves de agosto diante do Parlamento de Galiza, para manifestar o seu rotundo rexeitamento ás medidas que, nese intre, o Partido Popular impoñía, facendo uso da súa maioría absoluta, nun pleno extraordinario convocado para tratar unicamente ese punto. Transcorrida máis de media hora de concentración, o portalón de acceso ao pazo pechábase mecanicamente, provocando a indignación das persoas concentradas.

A concentración estaba convocada a partir das 16:00 horas, pero antes do comezo xa había centos de persoas congregadas na beirarrúa de enfronte do Parlamento. Transcorridos uns 10 minutos, a pancarta de cabeceira facía un primeiro avance e tras ela, centos de persoas ocupaban a estrada, cortando o tráfico da rúa do Hórreo. Diante situábase un cordón policial cortándolles o paso.

Entre mentres, seguían incorporándose á protesta empregadas e empregados públicos demandando a viva voz, con asubíos e bucinas, “ilegalizar o Partido Popular” e denunciando a “incompetencia” do goberno de Feijoo, que convocaba este pleno extraordinario pola tarde e en pleno mes de agosto, nun intento de minimizar –con escaso éxito- a resposta social que está a provocar a súa acción de goberno.

Unha acción de goberno que, para a Área Pública da CIG (CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración) se limita a acatar submisamente as decisións políticas adoptadas en Madrid e a convalidalas en Galiza pasando, iso si, o pertinente trámite parlamentario porque así o exixe a legalidade vixente.

A CIG considera vergoñenta e inaceptábel a actitude dun PP que, no canto de facer fronte a estas medidas, que van en contra dos dereitos máis elementais das empregadas e empregados públicos acepte sen cuestionalo, “unha invasión en toda a súa extensión ás competencias que o goberno galego ten nos distintos ámbitos”.

As medidas

E é que as políticas polas que está apostando o Partido Popular implican a imposición de medidas regresivas que, segundo denuncia a área pública da CIG, van mesmo “máis alá das aprobadas, vía decreto, no Estado, porque ante a supresión da paga extra para este ano, nin sequera contempla a posibilidade de recuperar as cantidades non percibidas no futuro. Aplícase como recorte directamente”.

Xunto a isto, os días de libre disposición pasan de 6 a 3; suprimen os días adicionais por antigüidade tanto para estes como para as vacacións e será aplicábel a partires do 1 xaneiro de 2013. “Tampouco neste caso exercen as competencias autonómicas para amortiguar este recorte”, sinalan.

Os complementos por ITs quedarán como se recolle na lei de medidas temporais no emprego en Galiza aprobada no mes de marzo e “falan de suspensión temporal, porque este R.D.-Lei modifica algúns apartados do EBEP, en vez de suspendelos temporalmente polo que consideramos que será moi dificultoso volver recuperalos”. A aplicación desta norma e as anteriores suporá un recorte e diminución de persoal na administración como, por exemplo, o incremento de amortizacións, despedimentos, aplicación da reducións de 1/3 da xornada a persoal interino e temporais.

Peche do portalón

Tras uns 15 minutos co tráfico cortado e xusto cando as deputadas do BNG, Carme Adán e Ana Pontón se achegaban á pancarta da cabeceira para falar cos/coas representantes sindicais, activábase o peche mecánico do portalón de entrada ao pazo do Hórreo. Unha parte dos policías que formaban o cordón entraban por unha pequena porta contigua á principal, que pechaban ao seu paso. Fóra, coas persoas concentradas deixaban ás deputadas nacionalistas e a apenas catro policías que formaban parte do cordón. Dentro, sen poder saír, ficaban o resto dos policías e a maioría da prensa.

O peche do portalón provocou a indignación das persoas concentradas que ocuparon a beirarrúa de acceso ao Parlamento descolgando bandeiras e estandartes por entre as reixas. Do outro lado, a policía pegaba un furgón á parte interior da porta para evitar que as persoas manifestantes intentaran entrar. O PP, con esta decisión cargada de simbolismo, pechaba ao pobo a cámara de representantes, cando en ningún momento houbo intento algún, antes diso, de acceder á mesma.

Entre mentres, en sede parlamentaria, o PP defendía o indefendíbel: as bondades deses recortes de dereitos sociais e laborais das empregadas e empregados públicos, sen importarlle as graves consecuencias que isto terá para os servizos públicos de Galiza, nin para as condicións de vida das súas traballadoras e traballadores.

Para a CIG non cabe dúbida de que isto evidencia o uso “sectario e ideolóxico” que o Partido Popular está a facer da cámara de representación de todas as galegas e galegos e a súa hipocrisía, por teren intentado escenificar, no seu momento, un si crítico, malia aplicaren estas novas medidas, que supoñen un novo pau para o sector público ao sumárense as xa impostas no mes de febreiro.

A Área Pública da CIG alerta de que o obxectivo é  ir eliminando dereitos sociais e laborais, pero tamén dereitos democráticos, para restar capacidade de resposta ás organizacións sociais e políticas que cuestionan o seu modelo económico, político e social. Por iso reitera a importancia de mobilizarse e manifestar o máis rotundo rexeitamento non só a estes recortes, senón tamén ao grave retroceso que estamos padecendo nos nosos dereitos democráticos e nacionais.

Galería de imaxes

Volver