O pagamento de trienios na USC terá efectos económicos do 1 de setembro de 2021

Para o persoal con contrato Predoutoral, Posdoutoral e de Proxectos

Na reunión da Mesa Xeral de negociación de PAS e PDI acordouse o pago da antigüidade (trienios) do persoal da USC con contratos predoutorais e posdoutorais, así como do persoal de proxectos; é  dicir, persoal con contrato predoutoral (FPI, FPU, Xunta) e posdoutoral (Ramón y Cajal, Xunta, Marie Curie, Juan de la Cierva etc) e do persoal investigador con cargo a convenios e proxectos de investigación (Capítulo VI).

O acordo terá efectos económicos do 1 de setembro de 2021 para o primeiro trienio; a partir desa data iníciase un proceso progresivo de pago do resto de trienios  (xaneiro de 2022, dous trienios; xaneiro 2023, tres trienios; xaneiro 2024 catro trienios  e en xaneiro de 2025 todos os que correspondan por antigüidade).

Malia que CIG insistiu na reunión en que o pagamento tivese efectos económicos cando menos dende abril de 2021, tendo en conta o recoñecemento do dereito por parte das universidades na Comisión Paritaria do convenio colectivo do PDI das tres universidades públicas galegas, non foi posible chegar a acordo neste aspecto por razóns de carácter orzamentario.

Con este acordo dáse solución a unha vella demanda da CIG: o pagamento da antigüidade (trienios) a esta parte do persoal da Universidade que estaba excluído ata agora deste dereito.

Volver