O Ministro de Educación manifestou, en entrevista mantida coa CIG-Ensino, a súa coincidencia coa CIG-Ensino na necesidade de manter a xubilación anticipada para o profesorado

A CIG-Ensino entrevistouse hoxe, 22 de febreiro, co Ministro

Hoxe luns, 22 de febreiro, no Ministerio de Educación, tivo lugar unha reunión entre o Ministro de Educación, Angel Gabilondo, e unha representación de CIG-Ensino, formada polo Secretario Nacional, Anxo Louzao e o Secretario de Relacións Institucionais, Duarte Correa
 O Ministro de Educación, na dita entrevista, manifestou a súa coincidencia coa CIG-Ensino na necesidade de manter a xubilación anticipada para o profesorado


Hoxe luns, 22 de febreiro, no Ministerio de Educación, tivo lugar unha reunión entre o Ministro de Educación, Angel Gabilondo, e unha representación de CIG-Ensino, formada polo Secretario Nacional, Anxo Louzao, e o Secretario de Relacións Institucionais, Duarte Correa.

Na reunión, que se desenvolveu nun ambiente cordial, a CIG-Ensino trasladoulle as cuestións que preocupan ao profesorado galego e que son necesarias para a mellora da educación. 
Así, entre as cuestións abordadas, destaca a necesidade de acadar o dereito indefinido á xubilación anticipada do profesorado, dereito que o profesorado goza desde 1990 e que, segundo a LOE, debe volver a ser negociado antes de que remate a súa aplicación no ano 2011. O Ministro manifestou que esta era unha das súas preocupacións e en concordancia coa posición da CIG amosou a súa disposición a negociar, nun futuro inmediato, o mantemento deste dereito da xubilación anticipada do profesorado. 
A CIG-Ensino tamén lle trasladou a súa preocupación, en relación á futura negociación dun Estatuto Básico da Función Docente, de que este poida invadir competencias asumidas por Galiza e a súa oposición a que supoña unha maior estratificación do profesorado.
En relación ao Pacto Educativo proposto polo Ministerio, manifestou o seu rexeitamento a moitos dos aspectos que recolle o actual texto como a pretensión de ser un acordo exclusivo entre PP e PSOE e unha concesión á patronal do ensino concertado, vinculado á Conferencia Episcopal, o que pode supor un aumento na privatización do ensino, coa ampliación dos contratos educativos, e, ademais, a aposta por un Estado aínda máis centralizado, sen ter en conta a súa realidade plurinacional e plurilingüística. Outros aspectos obxecto da crítica da CIG-Ensino son que non aborda con medidas concretas solucións para atallar o fracaso escolar e non valora nin recoñece na súa xusta medida a profesión docente.

A CIG-Ensino explicoulle ao Ministro cales serían os eixos fundamentais para poder compartir calquera pacto ou acordo pola educación:

  • Defensa inequívoca da ensinanza pública, reducindo os concertos educativos.

  • Recoñecemento do Estado Plurinacional e Plurilingüístico para posibilitar un sistema educativo galego

  • Aumento do investimento en Educación, chegando ao 7% do PIB.

  • Plano de actuacións contra o fracaso e o abandono prematuro do sistema educativo que ten que recoller a redución das rateos, a dotación de máis profesorado e maiores recursos e medios.

  • Aposta pola calidade que supoña democratizar a xestión e incentivar a participación do profesorado, e rexeitar calquera tipo de carreira docente, contraria á concepción da docencia como traballo en equipo.

  • Que a relixión deixe de formar parte do currículo escolar.

  • Ademais calquera pacto debe incluír o dereito á xubilación anticipada, á redución de xornada para maiores de 55 anos e a formación permanente do profesorado.

Pola súa banda, o Ministro manifestou a súa disposición a modificar aspectos da proposta de pacto que presentará o vindeiro xoves ás Comunidades Autónomas como é o de non condicionar ningún acordo á necesidade de ser subscrito polo PP. Foi, ademais, receptivo ás reducións das rateos, en xeral, e, especificamente, cando se escolariza alumnado con necesidades educativas especiais, e manifestou que entendía a nosa preocupación por un posíbel recorte do marco galego de negociación, indicándonos, nese sentido, que non era esa a intención do pacto.

Volver