O Ministerio responde ao escrito da CIG-Ensino convocando Mesa con carácter extraordinario para modificar o RD de concurso de traslados
Aínda que non enviaron ningunha documentación, o sindicato agarda que o cambio solicitado poña fin á discrepancia entre o baremo a nivel galego e estatal
O pasado 9 de setembro o secretario nacional da CIG-Ensino remitiu un escrito dirixido ao Secretario Xeral Técnico do MEFP, instando á convocatoria urxente dunha Mesa Docente para modificar o baremo do Real Decreto 1364/2010 que regula o concurso de traslados. Facíao tras tomar coñecemento dunha sentenza do Tribunal Supremo que obrigaba a puntuar o tempo traballado como persoal interino bo baremo do CXT.
Esta sentenza non afecta ao profesorado galego xa que esta puntuación xa se recoñece desde o curso 2013/14, mais o feito de que Galiza fose a única comunidade de todo o Estado que aplicaba este criterio (ratificado en sentenza polo TSXG) ocasionaba problemas todos os anos co profesorado que entraba ou saía de Galiza, chegando a modificar destinos xa adxudicados tras a oportuna revisión das puntuacións.
Hoxe mesmo vimos de recibir unha convocatoria extraordinaria da Mesa estatal sen ningunha documentación mais cun único punto na orde do día:
Concurso estatal de traslados: propuesta de modificación del Real Decreto 1364/2010, de 29 de octubre, por el que se regula el concurso de traslados de ámbito estatal entre personal funcionario de los cuerpos docentes contemplados en la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación y otros procedimientos de provisión de plazas a cubrir por los mismos.
A CIG-Ensino agarda que a Mesa sirva para poñer fin a unha discriminación para o resto do profesorado do Estado que prestou servizos como persoal interino e que rematen as escasas incidencias a nivel galego pola convivencia de dous baremos diferentes.
O sindicato foi o único con representación na Mesa estatal que desde o ano 2014 veu insistindo neste cambio e lamenta tanto a falta de apoio do resto das organizacións sindicais como a negativa do MEFP, tanto co goberno anterior como con este, a introducir estes cambios antes.