O Ministerio presenta un documento que apunta importantes reformas para o profesorado sen concretar detalles

A CIG-Ensino incidiu na necesidade de pactar un calendario e unha metodoloxía que impliquen unha negociación real

Na Mesa Docente estatal o MEFP presentou un documento que foi remitido ás comunidades autónomas esta mesma mañá. A reunión limitouse, por tanto, a unha presentación por parte dos responsábeis ministeriais das que denominaron “24 propostas para a  mellora da profesión docente”. Para presentar esta “batería de ideas” o Ministerio esgotou o prazo dun ano que fixaba na LOMLOE.

O documento inclúe consideracións desde a formación inicial á formación permanente pasando por unha reforma do sistema de acceso á función pública docente a partir de 2024, así como a cambios na fase de prácticas posterior a superar as oposicións. No texto hai referencias a poder efectuar cambios nas especialidades docentes ou a incorporar procedementos de avaliación do desempeño da función docente.

O que non aparece en ningún momento, e niso incidiu a CIG-Ensino na súa intervención, que non entrou no detalle dun texto que só foi remitido por correo electrónico con media hora de antelación ao comezo da reunión, é na necesidade de articular medidas para mellorar as condicións de traballo do conxunto do profesorado e a calidade do sistema educativo ou formular propostas como a regulación dun corpo único docente.

Respecto ao ámbito galego de negociación

A CIG-Ensino foi clara tamén á hora de reiterar a súa defensa de que calquera norma que se negocie e, de ser o caso, se aprobe no marco estatal, se limite a cuestións básicas que non coarten a capacidade para negociar no ámbito galego. A experiencia das últimas modificacións legais, co recente exemplo da aínda non finalizada do Real Decreto 276/2007, confirma que as normas de ámbito estatal impiden ou dificultan enormemente dar solucións aos problemas e retos que como sistema educativo e profesorado galego debemos afrontar.

Calendario e metodoloxía

A CIG-Ensino demandou non saír da reunión sen unha proposta clara dun calendario de temas a tratar no seo da Mesa Docente así como, sobre todo, dunha metodoloxía clara sobre que normas pretende abordar o Goberno: desde o cambio de lexislación específica á posíbel negociación de normas básicas xerais. O Ministerio non deu ningunha resposta concreta e limitouse a solicitar das organizacións sindicais que remitamos propostas de calendario e de “ideas forza”. A CIG-Ensino considera que este non é o procedemento e que debe ser o Ministerio que formule propostas concretas de negociación, con textos e cuestións concretas.

 

Temas varios formulados pola CIG-Ensino

Na rolda final de intervencións, o sindicato presentou as seguintes cuestións:

Nova convocatoria de Mesa se hai cambios na reforma do RD 276/2007

A CIG-Ensino reiterou a demanda de que se convoque unha novas reunión da Mesa se o MEFP ten pensado introducir cambios no articulado do RD.

O Ministerio responde que non convocarán novamente e que, unha vez rematado o prazo de exposición pública do RD, xa comezan os trámites para os informes preceptivos por parte dos diferentes órganos consultivos do Estado, obrigatorios antes da súa aprobación e publicación final, para a que non se avanza ningunha data.

Integración do Profesorado Técnico de FP

A CIG-Ensino demandou concreción sobre a data na que se convocará Mesa para tratar sobre a integración do PTFP no corpo de PES así como a situación do profesorado a extinguir no vello corpo ou que se integre no novo corpo de Especialistas. Tamén que se aclare se a integración será a todos os efectos -administrativos e retributivos-, como demandamos desde o sindicato, con carácter retroactivo desde a entrada en vigor da LOMLOE.

Tal e como xa lle adiantaran responsábeis do Ministerio á CIG-Ensino na semana pasada, non van traer á Mesa o Regulamento para a integración até que se coñeza se existen emendas no Senado aos artigos e disposicións que fan referencia ao profesorado na nova LOFP. O día 8 de febreiro está previsto que remate o prazo de emendas. Se non se presentasen, convocarían “inmediatamente” unha reunión da Mesa e afirman que xa teñen o texto rematado e listo para presentar. De existiren emendas agardarían á aprobación final da Lei.

Non entraron en ningún detalle sobre o proceso de integración, aprazando calquera resposta á presentación do RD.

Especialidades vinculadas á Arte Dramática

A CIG-Ensino consultou polo momento da tramitación do Real Decreto que pasou pola Mesa no mes de setembro.

O Ministerio informa de que está pendente do informe do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas e non avanzan ningunha data.

CIG-Informa O Ministerio presenta un documento sobre a reforma da profesión docente

Documento


Volver