O Ministerio non reducirá os prazos para a implantación da Lei de Ensinanzas Artísticas

A medida, criticada pola CIG-Ensino, veu acompañada pola rectificación ministerial na composición do Consello Superior de Ensinanzas Artística, na liña da demanda da CIG-Ensino

O Ministerio, despois do paso pola Mesa Docente do día de hoxe, 8 de abril, ten aínda pendente unha serie de trámites para dar por rematada a tramitación do Real Decreto que regula o calendario de aplicación da Lei de Ensinanzas Artísticas (LEA).

A conclusión do debate na reunión sindical de hoxe é que non vai haber ningún tipo de modificación relevante nas datas propostas, polo que a aprobación das normas de desenvolvemento dos aspectos centrais da nova Lei se difiren ao ano 2027. Isto quere dicir que non existen ningunha garantía de que vaia haber cambios que afecten ao profesorado até o ano 2028, como moi pronto.

Para a CIG-Ensino é absolutamente inxustificábel que todo o relacionado co profesorado (integración nos novos corpos docentes, regulación do novo mestrado de investigación e didáctica para acceder á docencia ou formación para a función directiva) non estea totalmente regulado no que queda de curso para que todos os procesos que posteriormente teña que aprobar a Consellaría de Educación se puidesen levar a cabo inmediatamente.

Nas alegacións presentadas polo sindicato e sobre as que se fixeron especial incidencia na reunión, destacamos as seguintes:

Profesorado

A nova estrutura dos corpos docentes debería aprobarse antes de finais de 2025 con efectos desde a publicación do calendario (xullo de 2025) e, de non ser así, como máximo a máximo o 1 de setembro de 2026. Isto suporía que no curso 2026/27 se tería que integrar todo o profesorado que cumpra os requisitos nos novos corpos e poderían celebrarse concursos de traslados e acceso a cátedras do persoal docente en ensinanzas profesionais, así como procesos selectivos de acceso ao persoal docente de novo ingreso nas ensinanzas superiores.

Requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas superiores.

A normativa que regule as condicións que deben cumprir estes centros debe adiantarse a setembro de 2026.

Regulación da docencia (plans de estudos, grao e mestrado).

O ideal sería facer coincidir a aprobación desta normativa coas consideracións anteriores. Porén, sendo conscientes da maior complexidade que ten todo o desenvolvemento da normativa de ordenación de ensinanzas, propuxemos adiantar uns meses o prazo, facendo a súa entrada en vigor en xuño de 2027.

Programa de formación para funcións directiva

Debe adiantarse en consonancia cos prazos que propomos para todo o relacionado co profesorado, coordinando todas as novidades que lle afectan para que poidan entrar plenamente en vigor ao comezo do curso 2026/27.

CALENDARIO DE APLICACIÓN DA LEI 1/2024 DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS

CONCEPTO

DATA

Composición e funcións do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas

31/07/2025

Procedemento para a equivalencia dos estudos de Danza anteriores á LOXSE cos estudos superiores regulados nesta

30/09/2025

Reais Decretos dos primeiros títulos de EEAA profesionais e relación cos estándares de competencias profesionais

30/04/2026

Rexistro Estatal de Ensinanzas Artísticas Superiores

30/09/2026

Ordenación das ensinanzas de grao e mestrado (directrices xerais dos plans de estudo, modalidades, acceso…)

30/09/2026

Condicións do plan de estudos do mestrado de especialización en investigación e didáctica para exercer docencia nas EEAA superiores

30/09/2026

Determinar requisitos para obter a designación de profesorado emérito

30/09/2026

Requisitos e procedemento para a expedición de títulos de grao e mestrado

31/03/2027

Normativa básica de ordenación dos corpos docentes e integración nos novos corpos daqueles declarados para extinguir

31/05/2027

Regulamentación das condicións básicas para creación e autorización de centros que impartan EEAA superiores e requisitos mínimos

30/07/2027

Estatuto Básico do estudantado de EEAA

30/07/2027

Estabelecer características do programa de formación para a función directiva

30/09/2027

Publicación dos Reais Decretos dos plans de estudo dos títulos de grao

30/09/2027

Aplicación da normativa básica para os novos títulos de mestrado

30/09/2027

Prazo máximo para adaptar títulos de mestrado xa existentes

30/09/2032

Prazo máximo para a implantación progresiva dos plans de estudos de grao

30/09/2037

 O Ministerio asegura que se garantirá a presenza da CIG no Consello Superior de Ensinanzas Artísticas.

Na orde do día da reunión tamén figuraba o debate do real decreto que regula a composición e as funcións do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas (CSEA). Este órgano consultivo e de participación en relación coas ensinanzas artísticas existe desde o ano 2007. Na regulación aprobada naquela altura só de deu entrada, na representación do profesorado, a sindicatos estatais, excluíndo a quen, como a CIG, ten gañada a súa consideración de sindicato máis representativo en cumprimento da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS). O borrador presentado polo Ministerio mantiña esta medida centralista e discriminatoria

As alegacións presentadas pola CIG-Ensino ante o Ministerio centráronse na comparación con outros órganos de carácter estatal nos que a CIG está con plenos dereitos (Consello Escolar do Estado, Consello Xeral de FP, Consello Económico e Social…). O sindicato tamén fixo valer a xurisprudencia do Tribunal Supremo que se veu asentado desde hai anos, tras sentenzas gañadas pola CIG, cando a Xunta, co apoio de CCOO e UGT, pretendeu excluír o noso sindicato de órganos como os Consellos Sociais dos CIFP ou dos Consellos Sociais das universidades galegas.

O Ministerio informou na reunión que ese será un dos aspectos que cambien no texto final, que se prevé estea publicado no mes de xullo no BOE para garantir que todos os sindicatos con condición de máis representativos teñamos representación no CSEA, e non só os de carácter estatal.

Como algo que xa non nos sorprende, asistimos de novo a algunha intervención sindical que pon  en cuestión a LOLS (por suposto, porque non chegan a ter esa condición a nivel estatal). Malia a todo, a CIG-Ensino non propuxo excluír a ningún sindicato e formulou unha proposta plural e garantista:

  • representación do profesorado: con presenza de todos os sindicatos con representación na Mesa Docente estatal.
  • representación de asociación: desligala dos postos que lle corresponde aos sindicatos e vincular ás asociación cos postos que se lle outorgan a profesionais de recoñecido prestixio.

Volver