O Ministerio desatende a práctica totalidade das propostas da CIG-Ensino no proceso de integración do PTFP no corpo de PES
As propostas do sindicato incidiron na liña mantida de garantir unha áxil execución da integración sen descoidar o profesorado que non se integra, así como os dereitos do profesorado en prácticas e interino
Estando xa suficientemente clara a posición da CIG-Ensino ao respecto de como se debería ter lexislado a integración do corpo de PTFP no corpo de PES, o sindicato centrou as súas intervencións na Mesa Docente estatal na formulación dunha serie de propostas conducentes a dar plenas garantías e celeridade ao proceso de integración para todo aquel profesorado que cumpra cos requisitos de titulación para se integrar no corpo de PES, en propoñer alternativas para quen queda fóra e para o profesorado interino, así como para que non haxa ningunha dúbida de que todos os efectos (retributivos e non só administrativos) se recoñezan no texto.
Melloras relacionadas co profesorado que reúne os requisitos para integrarse no corpo de PES
- Modificar o artigo 3.3, permitindo que poida solicitar a integración todo o profesorado, con independencia da súa situación administrativa, incluído quen estea en excedencia por interese particular. A integración efectiva neste caso sería desde a data na que decidise solicitar o reingreso. Isto implicaría eliminar o artigo 12 e trasladar o seu apartado 2 como apartado 4 do artigo 3.
- Modificar o artigo 4.1, indicando que o prazo no que as administracións educativas deben publicar as convocatorias será nos 20 días hábiles posteriores á publicación do real decreto no BOE. Un maior retraso na publicación pode impedir que algún profesorado se integre se ten pensado xubilarse a finais de ano.
- Modificar o artigo 7.1, indicando expresamente que os efectos son retributivos e administrativos desde o 19 de xaneiro de 2021. Estes efectos tamén se lle deben aplicar a quen desde esa data cambiaron de corpo e accederon ao de PES por promoción interna.
- Tamén recollemos a proposta de que se teña en conta que o profesorado destinado provisionalmente noutra CC.AA. (comisións de saúde, por exemplo) teña que participar na comunidade de orixe, que é a que ten o seu expediente e na que se debe integrar formalmente.
Melloras relacionadas co profesorado interino e recentemente incorporado ao corpo de PTFP
A xurisprudencia do TXUE é clara ao respecto de que non se pode dar un trato diferente ao persoal temporal ao respecto do fixo. Foi unha demanda da CIG-Ensino a que levou a unha sentenza do alto tribunal europeo na que se recoñecía o efecto retroactivo do pago dos trienios ao profesorado interino no ano 2007.
O proceso de integración debe ser, con todos os efectos, tanto a quen é funcionariado de carreira ou en prácticas como a quen é interino. Facelo doutro xeito, tamén con referencia a data dos efectos de integración, sería unha ilegalidade. Neste sentido, a CIG-Ensino considera que o RD debe incorporar referencias claras para a aplicación de todos os dereitos e recoñecemento ao persoal interino.
Tamén entendemos que se comete unha inxustiza co profesorado que aprobou as oposicións no ano 2021.
Por tanto, propomos:
Incorporar no artigo 7 un novo apartado 3 no que se regule que:
- O profesorado que tivese ingresado no corpo a extinguir de PTFP con posterioridade ao 19 de xaneiro de 2021 (nas oposicións de 2021 ou nestas de 2022 noutras CC.AA.) e que estivese traballando como profesorado interino nesa altura, se teña como data de efectos da integración a de xaneiro de 2021 e non, como figura no texto, a do nomeamento no corpo.
- O profesorado en idéntica situación á anterior sen servizos previos como interino, teña como data de efectos a da toma de posesión do seu destino como funcionariado en prácticas.
Incluír unha nova Disposición Adicional 1ª no RD na que se regule que:
- O profesorado interino das especialidades que se integran no corpo de PES verán recoñecidos os mesmos dereitos e coa mesma data de efectos que o que lle corresponder ao funcionariado de carreira: desde xaneiro de 2021 se traballaba naquela data ou desde que se incorporou a traballar, se foi nun momento posterior.
Ao respecto do profesorado interino das 19 especialidades que se integran no corpo de PES e poden carecer de titulación, propoñemos que se regule un período transitorio para que poidan acceder, como se fixo hai anos co RD 777/1998. En todo caso, e de non se aceptar esta proposta, defenderemos no ámbito galego, que é o que ten competencias para a xestión das listas de interinidades, que se poida manter nestas listas nas condicións nas que están na actualidade. Cónstanos que no caso galego a incidencia é escasa mais non así noutras CC.AA., de aí que trouxeramos esta proposta á Mesa.
Melloras relacionadas co profesorado a extinguir que non poida integrarse no corpo de PES
Incorporar, dentro da Disposición Final 3ª, unha nova Disposición Transitoria 4ª no RD 1364/2010 de concurso de traslados que recolla:
- que o profesorado declarado a extinguir no corpo de PTFP que non se integre no corpo de PES poderá continuar nos seus postos definitivos indefinidamente.
- que este mesmo profesorado poderá exercer a mobilidade nos concursos de traslados a prazas da especialidade correspondente nos corpos docentes nos que esa especialidade se integrou.
- esta mesma garantía de mobilidade para o profesorado a extinguir tamén se debe recoñecer no caso de supresión ou desprazamento por falta de horario.
Incorporar, dentro da Disposición Final 3ª, unha nova Disposición Transitoria 5ª no RD 1364/2010 na que se regule que poderán solicitar prazas das dez especialidades do corpo de Profesorado Especialista de Sectores Singulares da Formación Profesional (PESSFP):
- o profesorado deste novo corpo
- o que quede a extinguir no corpo de PTFP
- o que, con carácter individual, segundo se recolle na Disposición transitorias 5ª do borrador, se integren no corpo de PES.
Propoñemos unha nova redacción do artigo 10[1]. A proposta polo Ministerio (sobre profesorado do corpo de PTFP que teña máis de unha especialidade) aclara que a garantía do atribución docente será para quen se integre no corpo de PES naquelas especialidades que posúa. Cremos que a nova redacción non mellora a anterior, máis ampla, xa que tal e como estaba redactada mantiña a atribución docente en xeral e, por tanto, tanto para quen se integre no corpo de PES como quen quede a extinguir. De se manter esta redacción solicitamos que se incorpore o seguinte:
“O profesorado que quede a extinguir no corpo de PTFP manterá, a todos os efectos, a atribución docente que teña recoñecida”.
Defendemos un proceso de integración aberto e que abra as portas máis alá de xaneiro de 2026
En coherencia coa nosa posición sindical desde o comezo da tramitación do que hoxe se presenta neste RD, consideramos que o MEFP debe abrir vías para que quen non poida integrarse nin neste período ordinario nin no prazo aberto até xaneiro de 2026, poida facelo con posterioridade.
Así, propoñemos:
- Modificar o RD 276/2007 para incorporar a vía do cambio de corpo para aquel profesorado declarado a extinguir pola modalidade de concurso de méritos, como acontece actualmente co acceso ao corpo de cátedras, limitado á mesma especialidade correspondente á declarada a extinguir. Esta posición da CIG, que nos gustaría facer extensiva a outros corpos nunha futura negociación do RD de concurso de traslados, é de urxencia neste momento, xa que demostraría que o Ministerio opta por estender, máis alá do marco temporal do 2026, a posíbel integración de quen acade a titulación exixida máis adiante.
Unha vez pechada a normativa de integración, manteremos a nosa táboa reivindicativa
As propostas da CIG-Ensino en todo este tempo e que non teñen acollida neste RD mais que servirían para buscar a equiparación de dereitos de todo o profesorado que imparte en FP, seguirán plenamente vixentes logo do proceso de integración e demandamos do MEFP empatía e consideración para quen quede fóra da integración.
Ben sexa a nivel estatal ou autonómico, segundo corresponda competencialmente, defendemos e defenderemos que se adopten medidas conducentes a que o profesorado que así o desexe poida ter facilidades para acadar unha titulación universitaria e para que a igual traballo se corresponda o mesmo salario. Reproducimos nesta Mesa as propostas que xa presentamos na última:
- Licenzas por estudo: as administracións educativas deben promover a concesión de licenzas por ampliación de estudos para o profesorado de FP que careza da titulación universitaria que permitiría a súa integración no corpo de PES.
- Convalidación de experiencia profesional. Lexislar a convalidación de créditos universitarios, tanto pola titulación superior de FP ou o certificado oficial de formación pedagóxica como pola impartición de docencia no sector público da Formación Profesional.
- Complemento compensador: todo o profesorado de FP debe ter dereito a percibir as mesmas retribucións. Quen quede fóra do corpo de PES debe ter dereito ao cobro dun complemento compensador, tanto o profesorado das para 10 especialidades de PESSFP como o profesorado declarado a extinguir no corpo de PTFP.
- Profesorado interino. O profesorado interino debe ver preservados os seus dereitos á continuidade nas mesmas condicións que na actualidade. Para a CIG-Ensino non hai dúbida ao respecto da transformación directa das listas das especialidades de PTFP nas correspondentes de PES e PESSFP mais debe garantirse tamén para quen careza de titulación.
Puntuación nos concursos de traslados do tempo traballado como persoal interino
Solicitamos a modificación do baremo do Real Decreto de concurso de traslados para adaptalo á normativa europea.
A CIG-Ensino leva desde o ano 2014 instando ao Ministerio a adaptar o baremo do RD 1364/2010 de concurso de traslados para adaptalo á normativa europea pola cal se debe dar un mesmo trato ao persoal temporal que ao fixo.
En Galiza existe este recoñecemento desde o ese ano, cunha sentenza do TSXG. O Ministerio non tivo en conta a nosa demanda en todos estes anos, o que máis alá da ilegalidade na que consideramos se está a incorrer, crea no ámbito galego un problema co profesorado que entra ou sae vía concurso de traslados.
Por iso consideramos que, xa que agora se vai modificar o RD, é o momento oportuno para facer eses cambios, que se concretan en:
Anexo I. Baremo dos corpos docentes: eliminar “de carreira” nos apartados 1.1.1, 1.1.3, 1.2.1 e 1.2.3
Anexo II. Baremo da Inspección: eliminar “de carreira” nos apartados 1.1, 1.3.1, e 1.3.2
Non o facer agora vai implicar unha fonte de conflitos e de reclamacións por parte do profesorado interino do conxunto do estado (non así quen aprobe ou concurse no futuro para Galiza) cando participe nos concursos de traslados.
Das respostas do Ministerio cabe salientar o seguinte:
- Non van fixar un prazo para publicar as convocatorias. Valorarán a posibilidade de fixar un prazo máximo no que deben estar resoltas as resolucións.
- Non introducirán referencias ao persoal interino ao entender que non ten cabida neste Real Decreto. Revisarán algúns cambios a introducir (como o baremo de concurso de traslados) mais sen asegurar que vaia ser neste RD ou nun posterior.
- Non dixeron nada sobre o funcionariado en prácticas, malia a nosa insistencia.
- Non van indicar expresamente os efectos retributivos como lle pedimos porque afirman que a cuestión está clara, foi trasladada ás CC.AA. e serían participes deses efectos retroactivos a nivel económico.
- Non van introducir a excedencia por interese particular, obrigando a quen estea nesta situación a pedir o reingreso para poder ingresar. De non o facer antes de xaneiro de 2026 perdería o dereito e ingresaría no corpo a extinguir, algo incomprensíbel desde o noso punto de vista.
- Revisarán a redacción do artigo 12 para que queden recollidas outras situacións administrativas.
- Deixan claro algo obvio: quen se xubile non pode solicitar os efectos retroactivos desde xaneiro de 2021 (nin para o cobro do incremento retributivo nin para mellorar a pensión). De aí que a CIG-Ensino insistise en acelerar a tramitación.
- Mellorarán a redacción do artigo 8.2 para que quede claro que se poderá integrar até xaneiro de 2026 todo o profesorado con titulación, xa adquirida e que non presentou a instancia ou adquirida con posterioridade (antes de xaneiro de 2026).
- Afirman que están traballando na adscrición de novas materias de ESO e Bacharelato ás correspondentes especialidade e que, aínda que non se fará neste RD, estará en breve e para o comezo de curso.
- Non dan prazos do que levará a tramitación antes da súa publicación no BOE e limítanse a indicar que estará publicado canto antes e dentro deste ano.
Tarde e arrastro, tamén mal?
En resumo, para a CIG-Ensino, un proceso que chega tarde e arrastro podería mellorar moito se se aplicasen as nosas propostas. A nivel galego, se o Ministerio non fai nada, promoveremos que a Consellaría teña en conta as mesmas propostas naquilo que ten competencias:
- Publicar a convocatoria de integración no menor prazo posíbel unha vez publicado no BOE o RD.
- Que non exista obriga de presentar documentación coa titulación se esta figura en “datos persoais”.
- Que se garanta a todos os efectos a integración e con pago no primeiro mes posterior á resolución definitiva.
- Que se lle recoñezan os mesmos dereitos ao profesorado en prácticas e interino.
- Que o profesorado que poida carecer de titulación se manteña en listas transitoriamente.
- Que, de existir marxe legal, se permita que quen estea en excedencia por interese particular poida, sen necesidade de chegar a incorporarse, a integración, sen efectos até que decida incorporarse.
- Que se oferten licenzas de estudos para completar estudos universitarios ao profesorado que careza delas, co obxectivo de conseguir a integración antes de 2026.
Temas varios propostos pola CIG-Ensino
- Corpo único ou integración dos actuais corpos no grupo A1. Hai a día de hoxe 260.000 docentes en todo o estado no grupo A2 (258.000 mestres e mestras de infantil e primaria e 547 mestres e mestras de taller. Integrar a todo este profesorado no grupo A1 é un tema facilmente asumíbel para as administracións desde a perspectiva económica e desde a titulación non existe, para todo o corpo de mestres cando menos, ningún problema legal que non se poida solucionar. Demandamos negociación nesta lexislatura.
- Calendario de negociación e tempo de lexislatura. Non queremos boas palabras nin compromisos que despois non se cumpran. A lexislatura ten por diante un ano. Se o Ministerio quere realmente introducir algunha mellora nas condicións de traballo do profesorado debe facelo inmediatamente. Do contrario estará a mandar unha mensaxe clara e rotunda: acabou a lexislatura e defraudan novamente ao profesorado.
- Coordinación das CC.AA. para o proceso de estabilización. Reiteramos a nosa oposición e preguntamos se é certo quen Galiza, Cataluña e Euskadi terían trasladado a súa intención de non incorporarse a esa coordinación controlada polo Ministerio. Amosamos as nosas dúbidas legais ao respecto dun proceso que non conta con normativa legal de soporte. Se ben non citan cales son as CC.AA., si afirman que non hai unanimidade e que, sempre que teñan claro que legalmente o poden facer, coordinarán os procesos das CC.AA. que así o decidan.
[1] Nova redacción do artigo 10 no 2º borrador do RD remitido polo MEFP para a Mesa do 26 de maio de 2022.
Artículo 10. Profesorado con más de una especialidad.
El profesorado del cuerpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional que posea más de una especialidad en ese cuerpo, y pase a estar integrado en el cuerpo de profesores de enseñanza secundaria, mantendrá la atribución docente como profesor de enseñanza secundaria en aquellas especialidades del cuerpo a extinguir de profesores técnicos de las que sea titular a fecha de su integración.