O Ministerio de Universidades comunica a paralización da normativa sobre ámbitos de coñecemento e organización dos Departamentos universitarios

Nun comunicado do secretario xeral do Ministerio de Universidades tamén se indica que segue adiante o Real Decreto de Doutoramento e que procurarán axilizar os trámites de normas relevantes como a de acreditación a corpos estatais e de concursos.

O adianto das eleccións estatais ao 23 de xullo deixaba nun principio en suspenso o desenvolvemento da chamada LOSU (Lei Orgánica de Sistema Universitario) publicada no BOE o pasado mes de marzo. Esta mañá o secretario xeral de Universidades deste Ministerio remitiulle un escrito á CIG-Ensino no que comunica que algunha das cuestións referentes aos ámbitos de coñecemento e organización dos Departamentos universitarios quedarán paralizadas mentres que se continuará coa tramitación do Real Decreto de Doutoramento, en concreto o que ten que ver coa expedición de títulos universitarios oficiais, coa concesión de subvencións ás universidades públicas no marco do Plan de recuperación, transformación e resilencia e coa derrogación do RD sobre departamentos universitarios, que son as cuestións que están máis avanzadas, segundo apunta o Ministerio.

No documento remitido a esta organización sindical tamén se pon de manifesto a intención do Ministerio de Universidades de priorizar a tramitación do Real Decreto polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a ditos corpos. Neste sentido, a súa argumentación é que é preciso sentar as bases normativas para que a ANECA poida realizar a súa función os próximos meses e que non debe rexirse o proceso de acreditación polo procedemento anterior á aprobación da LOSU. 

Porén queda claro no escrito a súa disposición a non continuar coa tramitación dos RD de ámbitos de coñecemento e de organización dos Departamentos universitarios. 

Suspensión da normativa que regularía a cotización do estudantado universitario en prácticas

No documento tamén se informa de que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións está buscando a fórmula xurídica para pospoñer a entrada en vigor da obrigatoriedade da cotización á Seguridade Social do alumnado universitario que realice prácticas, unha situación que por extensión tamén podería afectar a outro tipo de etapas educativas, como a Formación Profesional.

Volver