O Ministerio de Facenda nega a devolución do IRPF dos permisos de maternidade e paternidade ao funcionariado de MUFACE

Así o comunicou o propio Ministerio nunha nota de prensa o mesmo día no que se puxo en marcha a devolución do IRPF desde 2014

O Ministerio de Facenda vén de comunicar en nota de prensa que a devolución das contías do IRPF retidas indebidamente a aquelas persoas que desfrutaron dun permiso de maternidade ou paternidade desde o ano 2014 non vai ser efectiva para aquelas funcionarias e funcionarios adscritos ás diferentes mutualidades públicas como MUFACE. Facenda afirma que a sentenza do Tribunal Supremo non afecta directamente a estas traballadoras e traballadores, xa que “non reciben unha prestación senón que manteñen as súas retribucións durante eses permisos e pagan o correspondente IRPF”.  Na mesma nota o Goberno afirma “comprometerse a realizar un cambio lexislativo para que este colectivo poida beneficiarse da devolución e non sufra retencións no futuro”, o que implica que non teñen pensado darlle carácter retroactivo a esa medida.

Esta interpretación restritiva e contraria aos intereses da maioría do profesorado galego afecta a todo o funcionario docente de carreira, xa que todo este colectivo, o maioritario no ensino público galego, está obrigatoriamente adscrito a MUFACE. Por tanto, quen non está afectado e pode cumprimentar xa a solicitude de devolución que durante o goce dun destes dous permisos estaba adscrito ao réxime xeral da Seguridade Social  (profesorado interino). 

A CIG-Ensino alertou a mediados de outubro desta posibilidade e elevamos unha consulta vinculante perante a Axencia Tributaria, da que non temos aínda resposta mais que todo indica, ao teor da nota de prensa, que será negativa para os intereses de centos de docentes galegas que nos últimos catro anos tiveron crianzas.

A CIG-Ensino está totalmente en desacordo con esta interpretación do Ministerio de Facenda, xa que oque unha mutualista de MUFACE percibe durante o permiso retribuído por parto ou paternidadeé, certamente,  unha retribución mais ten un carácter prestacional xa que non se presta servizo durante ese tempo.  De feito, apropia Lei Xeral da Seguridade Social, no artigo 177, considera situación protexida non só a maternidade regulada no Estatuto dos e das traballadoras senón tamén o permiso por parto regulado no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). Por tanto, o tratamento fiscal debe ser o mesmo.

A CIG-Ensino pensa chegar até o final na defensa de que as retribucións percibidas durante o permiso por parto estean exentas do IRPF. Así, animamos a que todas as persoas afectadas (que tiveron permiso de maternidade ou paternidade desde o 2014 até a actualidade) presenten reclamacións co mesmo sistema habilitado pola Axencia Tributaria. 

No caso de que se denegue esa devolución a CIG-Ensino promoverá todas as reclamacións pertinentes, tanto diante do Tribunal Económico Administrativo como nos xulgados do contencioso até ver recoñecido o dereito a percibir esas devolucións.

Acceso á solicitude de devolución do IRPF na web da Axencia Tributaria: ligazón

Ligazón á nota de prensa do ministerio de facenda.

Volver