O Ministerio de Educación viuse obrigado a retirar o borrador de RD de especialidades

A CIG-Ensino exixeu a súa retirada e levou a cabo unha campaña de recollida de sinaturas entre o profesorado

A CIG-Ensino agarda que o novo texto non incida en ningún dos aspectos do borrador anterior. Do contrario esixiremos de novo a súa retirada pois nin estamos dispostos a avalar ningún tipo de norma que menosprece o traballo de docente, empeore as nosas condicións de traballo e ataque a calidade do ensino.

O martes 16 de decembro as organizacións sindicais fomos convocadas polo Ministerio de Educación co obxecto de tratar o borrador do Real Decreto de especialidades. A Administración anunciou que retiraba o borrador e que mañá dia 17 vai enviarnos un novo texto que soamente vai incluír aquelas cuestións que é necesario mudar obrigatoriamente, debido á implantación da LOMCE. Adiantan que as modificacións serán sobre: 

  •  Módulos de especialidades docentes da FP Básica
  •  Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento
  •  Ambitos de primeiro de ESO
  •  Novas materias da LOMCE ás que hai que asignar especialidades para impartilas
  •  Equivalencias entre materias que había na LOE e que na LOMCE se manteñen, mais teñen cambios en contidos e/ou denominación.                                              

O Ministerio afirma que a retirada do borrador ten como obxecto abrir un novo proceso negociador non condicionado polo calendario de aplicación da LOMCE.  Ao mesmo tempo, solicita que se lle manden achegas ao texto que nos van remitir mañá. 

“A CIG-Ensino valora positivamente a retirada deste Real Decreto, decisión á que se viu obrigado o Ministerio como consecuencia do rexeitamento que as medidas produciron entre o profesorado –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino xa solicitou o 5 de novembro, na Mesa Sectorial do Ensino do MECD, a retirada do documento por ser nocivo para o ensino público e unha aldraxe para o profesorado. Tamén levamos a cabo unha campaña de recollida de sinaturas nos centros para esixir o seu rexeitamento polo contido altamente lesivo para as condicións laborais e profesionais dos docentes e a calidade do ensino”.

A  proposta de borrador tiña como obxectivo reducir os cadros de persoal dos centros, diminuír a calidade do ensino, crear profesorado polivalente sen ter en conta as especialidades, flexibilizar e desregularizar as especialidades do profesorado, crear profesorado de nivel e non de especialidade e obrigar a impartir docencia nun corpo diferente ao que se pertence. 

A CIG-Ensino agarda que o novo texto non incida en ningún dos aspectos do borrador anterior. Do contrario esixiremos de novo a súa retirada pois nin estamos dispostos a avalar ningún tipo de norma que menosprece o traballo de docente, empeore as nosas condicións de traballo e ataque a calidade do ensino.

Volver