O Ministerio de Educación trasládalle á CIG-Ensino a disposición a modificar algún dos aspectos preocupantes derivados da extinción do corpo de profesorado técnico de FP

O 25 de xaneiro o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, acompañado da responsábel de FP, María Rodríguez, mantiveron unha videoconferencia coa secretaria xeral de FP do MEFP, Clara Sanz, e co director do seu gabinete técnico, Mariano Carballo

Primeira reunión cara a cara cun alto cargo ministerial desde a aprobación da LOMLOE na que se declara a extinguir o corpo de profesorado técnico de FP e a integración de quen teña titulación de Grao ou equivalente a efectos de acceso á función pública no corpo de profesorado de ensino secundario.

Durante o encontro a secretaria xeral de FP amosou a súa vontade de artellar mediante Real Decreto un sistema áxil de acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario de todo o persoal docente que teña titulación universitaria, estudar a posibilidade de ampliar o período transitorio para acadar a titulación de Grao e así facilitar o acceso de quen non ten titulación universitaria a día de hoxe e analizar a inclusión na nova Lei de FP, que no mellor dos escenarios podería entrar no Parlamento despois do verán, dun sistema de ingreso que permita que as persoas con titulación superior de FP poidan seguir impartindo docencia nesta etapa educativa e opositando para acadar unha praza fixa. A responsábel ministerial tamén confirmou que non se vai levar a cabo a integración do corpo de PTFT no de Secundaria mentres non se desenvolva regulamentariamente o normativa de acceso e que será presentada ás organizacións sindicais para a súa negociación proximamente. A CIG-Ensino mantivo a súa defensa de que se integre todo o profesorado de FP no corpo de PES e lembrou que con vontade política todo é posíbel, e puxo como exemplo que, malia a regulación xeral de acceso á función pública, existen excepcionalidades para o profesorado, tanto no corpo de secundaria como no de PTFP así como para acceder a prazas nos Conservatorios co Título de Profesor/a de Música Plan do 1966, unha titulación para á que nin sequera se esixía Bacharelato.

Nunha videoconferencia celebrada esta tarde, a CIG-Ensino, a través do seu secretario nacional, Suso Bermello, formuloulle á secretaria xeral de FP, Clara Sanz, todas as interrogantes que se abriron coa redacción da LOMLOE e a preocupación dos colectivos que se ven afectados por esta extinción, como é o caso do funcionariado de carreira e interino que non ten titulación de Grao, especialmente de quen ten titulación superior de FP, que en Galiza aglutina a máis de 2.200 persoas. Así, a representación da CIG-Ensino puxo en cuestión a afirmación do Ministerio de que a integración no corpo de PES, tal e como se aprobou, vaia afectar positivamente ao 90% do profesorado no conxunto do Estado. No caso galego, sempre segundo datos da Consellaría, o 35% do profesorado (funcionariado de carreira e interino con contrato por curso completo) teñen titulación de FP.

Durante o encontro, a máxima responsábel de FP dentro do organigrama do Ministerio asumiu que se puideron cometer erros na redacción da LOMLOE e que están en disposición de introducir rectificacións se así se negocia nun proceso que se prevé abrir coas organizacións sindicais de forma inmediata. Clara Sanz confirmou que só cando rematen esas negociacións e se chegue a acordos sobre os distintos puntos enriba da mesa o Ministerio publicará a normativa para fixar estes cambios. Ademais comprometeuse a buscar solucións con Función Pública para estabelecer un sistema de acceso áxil ao corpo A1 de todo o profesorado técnico de FP que teña titulación universitaria mais afirmou que, unha vez aprobada a normativa, as convocatorias de acceso ao corpo de PES pola vía de integración son competencia autonómica e que o ritmo de integración dependería delas. A CIG-Ensino non oculta a súa preocupación pola posibilidade de que a Xunta puidese demorar esas futuras convocatorias alegando cuestións orzamentarias e será esixente coa administración galega para que todo o profesorado poida acceder inmediatamente despois da aprobación da norma estatal que o regule. A preguntas da CIG-Ensino, a secretaria xeral afirmou que esa solución incluiría a quen nestes momentos ten diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica que coa normativa de acceso aínda vixente están consideradas titulacións equivalentes a Grao a efectos de docencia pero non así de acceso á función pública.

Noutro punto no que existe malestar  é na situación na que queda o profesorado técnico con titulación de FP. No caso do funcionariado de carreira, a CIG-Ensino insistiu que debe artellarse unha solución para que poida tamén acceder ao corpo de profesorado de secundaria e lembrou a situación actual de 22 especialidades de PES ás que se pode acceder con diplomatura, 10 de PTFP e 21 de mestres de taller de artes plásticas ás que se accede con titulación de FP sendo un grupo A2, para o que o EBEP fixa con carácter xeral unha titulación universitaria. Tamén destacou a situación de profesorado de Conservatorios co título de profesor/a, Diploma de cantante de ópera ou superación de estudos oficiais de danza, ningún deles de carácter universitario, e para os que mesmo non se esixía o Bacharelato e que son perfectamente válidos para ser docente do grupo A1.  Pola súa banda, a secretaria xeral de Formación Profesional mantivo a posición fixada na LOMLOE de que este colectivo queda a extinguir mantendo os mesmos dereitos salariais e atribucións docentes, sendo moi clara ao respecto das limitación fixadas polo Ministerio competente en Función Pública Amosouse favorábel, iso si, a negociar a posibilidade de abrir un período transitorio, e puxo como referencia 4 anos para cumprir co requisito de contar cun Grao e poder así pasar ao corpo A1 nese tempo. A CIG-Ensino anúnciolle que corrixir o erro do prazo fixado na LOMLOE (ter titulación de Grao con data do 19 de xaneiro de 2021) era unha boa medida mais que o sindicato defenderá que se manteña de forma indefinida o prazo para acadar o Grao e cumprir así co requisito de titulación universitaria para poder integrarse no grupo A1.

Sobre a equiparación salarial co profesorado de ensino secundario, Clara Sanz deixou nas mans das CCAA a posibilidade de que se lle vexa recoñecido ese complemento. Desde o sindicato amosamos a nosa desconformidade con esta desigualdade laboral e salarial e que ten tamén incidencia na pensión de xubilación para que a día de hoxe é do réxime de Clases Pasivas e defendemos que se se fixe o pago dun complemento compensador que evite que unha parte do actual profesorado técnico quede relegado na mellora retributiva que implica acceder ao corpo de PES.

A concreción sobre o acceso á docencia con titulacións de FP, na nova Lei de FP

Ao respecto da cuestión que a CIG-Ensino lle trasladou á secretaria xeral sobre a normativa que se negociará para  integración no corpo de PES (específica ou dentro dun novo RD xeral de acceso e ingreso) a responsábel de FP do Ministerio afirmou que prevén realizala mediante a figura dun Real Decreto específico, dado o maior nivel de complexidade dun RD xeral.

No que atinxe á situación que máis lle afecta ao persoal interino, substituto e aspirante a docente que ten titulación superior de FP está previsto que se regule na nova Lei de FP. Unha normativa que, segundo o calendario que manexa o goberno central, podería aprobarse no Consello de Ministros, no mellor dos casos,  a finais de agosto para a posterior tramitación parlamentaria. Neste sentido Clara Sanz defendeu que se incorporara na redacción da LOMLOE a figura do profesorado especialista porque entendían que lle daba certa estabilidade a este colectivo ao que o secretario nacional da CIG-Ensino lle lembrou todos os inconvenientes que trae aparellada unha relación laboral e non funcionarial coa administración. Despois de asumir que esta cuestión tamén está causando malestar entre quen ten titulación de FP, Clara Sanz avanzou que están negociando con Función Pública as fórmulas que se poden artellar para garantir na nova Lei de FP que nas 10 especialidades docentes destas ensinanzas ás que se pode optar con titulación de Ciclo Superior de FP se poida seguir accedendo. Para iso, tamén emprazou á CIG-Ensino ás negociacións que se vaian celebrar durante a elaboración da nova Lei Orgánica de FP. A postura do sindicato, como xa se evidenciou desde que se xerou toda esta polémica e que lle foi explicada á secretaria xeral de FP, é que se manteña a posibilidade de presentarse ás oposicións e de seguir sendo funcionarios e funcionarias a quen teñan titulación superior de Formación Profesional naquelas especialidades nas que hoxe en día xa están declaradas titulacións equivalentes a efectos de docencia.

Consulta as preguntas que se realizaron. Ligazón
CIG Informa sobre a reunión coa secretaria xeral de FP sobre a extinción do corpo de PTFP

Documento


Volver