O Ministerio de Educación quere cambiar, aproveitando o verán, o sistema de acreditación de profesorado universitario

Pretende regular, por primeira vez, os concursos de traslados favorecendo aos investigadores do CSIC sen reciprocidade para o PDI das universidades

A CIG participou, na súa condición de sindicato máis representativo, na Mesa Sectorial de Universidades convocada polo Ministerio de Educación o 15 de xullo. O Ministerio quere cambiar o sistema de acreditación indo cara un novo marco máis parecido ao dos sexenios. Malia a reducida información recibida ata o momento a CIG á vista dos documentos presentados fai as seguintes valoracións:
  1. O PDI universitario ten problemas moito máis relevantes que o da acreditación do profesorado. A precarización crecente do profesorado universitario avocado a contratos de interinidade e salarios en moitos casos mileuristas deberían ser as principais preocupacións do goberno.  A insistencia nunha taxa de reposición que impide a renovación do persoal, a promoción académica e provoca o envellecemento do cadro de persoal é o principal problema das universidades públicas.
  2. O sistema que se propón aumenta o control político e de escolas xa que se apunta cara o nomeamento pola ANECA dos membros das comisións e dos presidentes por periodos moi prolongados (4 anos) e eliminando a pluralidade de expertos existentes.
  3. A diversidade de realidades existentes con fortes nesgos, ou directamente ausencia de,  indexación científica vai provocar os mesmos problemas que existen en moitas áreas de coñecemento cos sexenios con fortes desigualdades nos resultados.
  4. O Ministerio no pretende corrixir en cambio ningún dos problemas de opacidade e inseguridade xurídica que se teñen sinalado no proceso de acreditación.
  5. A pretensión de avaliación de “resultados” da actividade docente e de xestión requerirá a posta en marcha de novos procedementos burocráticos de avaliación que poden acabar de colapsar ás universidades públicas
  6. A posibilidade de se acreditar sen actividade docente supón acabar de desprestixiar unha das principais funcións das universidades: a transmisión de coñecementos

Polo que respecta á regulación dos concursos de traslados a CIG considera que a posibilidade de que existan concursos de traslados, sen que computen para a taxa de reposición, entre universidades nos que podan participar as persoas que xa forman parte do corpo do que forma parte a praza e os investigadores do CSIC acreditados para o corpo sitúa nunha clara posición de desigualdade aos acreditados para os corpos de PDI.  O Ministerio parece querer dar saída á situación de quebra do CSIC pola porta falsa en vez de reforzar con financiamento o seu principal organismo de investigación.

Rasgos principais da proposta de cambio do sistema de acreditación

  1. Acreditación de méritos ante 22 comisións (ex. Dereito, Química, Matemáticas, Enxeñerías do medio ambiente e recursos...)
  2. Avaliación polos membros da comisión (7-15) sen expertos externos
  3. Nomeamento pola ANECA dos membros que cumplan uns requisitos por 4 anos (2+2)
  4. Para os distintos corpos estableceríanse un número mínimo de contribucións necesarias para poder acreditarse e o/a candidato terá que presentar evidencias detalladas da calidade dun grupo máis reducido delas
  5. Na docencia e na xestión valoraranse os resultados
  6. Poderá obterse a acreditación sen docencia
  7. Desincentívase a actividade de xestión nas acreditacións para TU
  8. Pretende reducirse o abano de méritos avaliables

Volver