O Ministerio de Educación presentounos na Mesa do MEC un novo borrador para un novo sistema de acceso á función pública docente

Debate sobre un novo sistema de acceso á docencia

O Ministerio de Educación presentounos, o día 2 de xuño, na Mesa do Ensino Público non Universitario do Estado, un borrador de decreto de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades aos corpos docentes totalmente diferente ao actual e ao que estaba previsto aplicar a partir do ano 2012.

O Director Xeral de Formación Profesional afirmou que era unha proposta totalmente aberta e susceptíbel de ser modificada en toda a súa extensión e que ningunha cuestión era inamovíbel.

O Ministerio solicitounos que as nosas propostas partan de procurar o mellor sistema de acceso para seleccionar o mellor profesorado posíbel, sen que o condicione a situación e solución da interinaxe.

Despois da intervención da CIG-Ensino e das outras OOSS no sentido de que a estas alturas do curso non é o mellor momento para abrir a negociación dun novo decreto, o Ministerio presenta diferentes escenarios:

  1. Que o sistema de acceso para o ano 2012 sexa o que xa está contemplado para despois do período transitivo.

  2. Prorrogar un ano máis o sistema de acceso transitorio sempre que haxa un consenso amplo na Mesa Sectorial do MEC e tamén na Conferencia Sectorial de Educación para modificar o sistema de acceso con base nos criterios presentados neste borrado. É dicir, no ano 2012, o sistema de acceso sería o mesmo có dos últimos 4 anos e o novo aplicaríase a partir do ano 2013.

A pretensión do Ministerio, tal como recolle o borrador que vos achegamos, é a de modificar profundamente a oposición e as probas de acceso para que o azar non condicione as probas e endurecer a oposición.

Sen entrarmos agora a valorar a proposta do Ministerio, desde a CIG-Ensino apostamos, e así o temos formulado, por prorrogar un ano máis o actual sistema de acceso e negociar con tempo unha nova proposta para o ano 2013.

A CIG-Ensino vai convocar diferentes reunións para informar e coñecer as opinións e propostas do profesorado interino, substituto e opositores e opositoras.

Volver