O Ministerio de Educación presenta, sen negociación previa, un cambio de enorme transcendencia na ordenación do profesorado das ensinanzas artísticas

Nun exercicio de falta de respecto á representación do profesorado, lanzan na Mesa estatal o texto dunha nova lei de ensinanzas artísticas unha vez que xa foi aprobada inicialmente polo consello de ministros e ministras

O pasado martes de entroido, 21 de febreiro, o Consello de ministros e ministras aprobou un anteproxecto de lei (que o propio Ministerio afirmou que era un proxecto de lei) polo que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se estabelece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais. O texto, elaborado polo Ministerio de Educación, foi acompañado por declaracións recollidas nos medios de comunicación nos que se indicaba expresamente que o primeiro borrador do texto foi presentado en novembro e que se seguiu  un "longo camiño de interlocucións" con outros Ministerios, cos reitores das universidades, autonomías, decanos, grupos parlamentarios, sindicatos e representantes do grupo cultural”.

No que á CIG respecta esa afirmación é falsa. O sindicato, maioritario en Galiza e con presenza na Mesa de Negociación estatal, non tivo ningún coñecemento deste texto até que máis de 48 horas despois de ter sido aprobado polo Goberno, foi remitido para unha reunión da Mesa a celebrar o martes 28 de febreiro, sen tempo para contrastar co profesorado galego.

Mal nas formas e no fondo: unha lei sen ambición e no sentido contrario

A CIG foi moi crítica co MEFP polas formas en como se procedeu neste tema, xa que foi a primeira ocasión na que un texto legal de enorme importancia desde a perspectiva laboral e da organización académica pasa antes polo Consello de ministros e ministras que pola Mesa de negociación do profesorado.

O sindicato lembrou os precedentes creados nos cambios promovidos no profesorado de FP e alertou de que os cambios que se impoñen na nova lei na ordenación de corpos docentes poderían provocarán tantos ou máis problemas que solucións, ao apostar por diversificar aínda máis os corpos docentes no canto de camiñar cara unha maior simplificación como a que defende a CIG, cun corpo único docente na que a carreira profesional teña un carácter horizontal e non vertical e que se poida progresar profesionalmente sen ter que recorrer a cambios de corpos sen sentido.

Por outro lado, o sindicato amosouse totalmente contrario coa decisión de exixir novos requisitos de titulación ao profesorado que se ten que integrar nun dos novos corpos docentes. 

Aspectos fundamentais que presenta a nova lei de ensinanzas artísticas
  • Non se dá o paso adiante de integrar as ensinanzas artísticas superiores nas universidades e a reforma non dá resposta ás demandas históricas do sector.
  • Na realidade os efectos da nova lei sobre a capacidade e a xestión para ofertar titulacións, mesmo de Máster, non cambia e mantense a limitación de poder impartir doutoramentos, sempre baixo convenios coa Universidade, o que evidencia que se mantén ás escolas e conservatorios superiores nun segundo nivel dos estudos superiores.
  • A lei ten un marcado carácter centralista, reservando para o Goberno a práctica totalidade da capacidade de decisión e ordenación das ensinanzas artísticas e relegando a unha mera labor de xestión ás comunidades autónomas. No medio enchen o texto de referencias á autonomía dos centros que para anda varían a situación actual e cando o fan non é para mellor.
  • Crea a figura de profesorado emérito para profesorado xubilado sen regular a protección dos postos de traballo existentes e deixando nas mans do Ministerio a regulación das súas funcións, nunha decisión que non ten sentido cando, de feito, non existen limitacións para prolongar a vida laboral.
  • Mantén a figura de profesorado especialista e, no caso de que sexan estranxeiros, que poidan carecer de titulación, nunha diferenciación pola súa procedencia que non ten sentido.
  • Crea a figura de profesorado visitante para docentes doutros centros que poida ser contratado en réxime laboral (non funcionarial) até un máximo de 2 anos, abrindo unha porta a novas modalidades de contratación e de provisionalidade, e de perda de postos de traballo temporal. Existen, ou deben procurarse que existan, outras vías para favorecer o intercambio de experiencias docentes.
  • Pon nas mans dos centros e das súas direccións formular as propostas de contratación de profesorado especialista e visitante, o que implica un cambio de enorme transcendencia no que a ten a ver coas normas habituais de contratación no sector público.
Un capítulo á parte merecen os cambios fundamentais na ordenación do profesorado que implican, para a CIG-Ensino, un cambio que camiña na dirección contraria.
  • Desaparecen e decláranse para extinguir os corpos docentes que existen na actualidade: catedráticos e profesorado de música e artes escénicas e catedráticos e profesorado de artes plásticas e deseño.
  • Créanse catro corpos novos para impartir docencia nos estudos superiores e profesionais:
    • catedráticos e profesorado de ensinanzas: catedráticos e profesorado de ensinanzas artísticas superiores
    • catedráticos e profesorado de ensinanzas profesionais: catedráticos e profesorado de ensinanzas artísticas profesionais
  • Regúlanse novas condicións de titulación (doutoramento) para acceder ao corpo de catedráticos de ensinanzas artísticas superiores e limítase o acceso a quen xa sexa funcionariado de carreira do corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores. Regula un prazo de dez anos para poder acreditar a titulación de doutoramento e así poder integrarse. Tampouco se aclara nada sobre se vai existir algunha diferenza entre cátedras de estudos profesionais e superiores.
  • Para ingresar no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores exixirase un Máster de especialización didáctica relacionado con estas ensinanzas, sen dar ningunha explicación máis.
  • Exíxese, para o funcionariado actual que se integre no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores, ter traballado nun centro que imparta ensinanzas superiores nos últimos cinco anos e só para aquel profesorado con destino definitivo nun destes centros, prolonga catro anos adicionais para poder acreditar esa experiencia de cinco anos.
  • Non se fixa ningún requisito de titulación para integrarse no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas profesionais: abondará con ser funcionariado dos corpos para extinguir do profesorado actual.
  • Regúlase a integración no corpo de profesorado de ensinanzas artísticas profesionais das mestras e mestres de taller que dispoñan da titulación de Grao ou equivalente a efectos de docencia na entrada en vigor da lei. Non se fixa ningún prazo adicional para poder obter esa titulación e integrarse con posterioridade. Tan só se indica que o proceso se terá que convocar nun prazo de cinco anos.

A posición da CIG-Ensino sobre os temas fundamentais desta nova lei son, en resumo:

  • As ensinanzas superiores deben integrarse na universidade; todo o demais é facer que se cambia sen que no substancial nada cambie.
  • A ordenación do profesorado debe tender a unha estrutura simple e de progresión horizontal. Crear novos corpos non só non é a solución senón que, tal como se formula, vai ser unha nova fonte de problemas.
  • A creación dun corpo de cátedras para impartir docencia nos estudos profesionais vai implicar unha mellora retributiva limitada a pouco profesorado, como acontece nos IES ou EOI. O lóxico sería unha carreira profesional que permitira chegar ao máximo nivel a todo o profesorado ao longo da súa vida laboral.
  • Non se debe exixir unha nova titulación de doutoramento a quen xa forma parte do corpo de cátedras.
  • Tendo en conta a situación actual de contratación e de xestión de listas pode ser un problema a curto e medio prazo a dotación e substitución de cátedras se se exixe o doutoramento. A contratación de cara ao futuro de persoal interino nestes corpos, nos que non vai poder opositar ao ser requisito para acceso ao corpo de cátedras ser funcionariado de carreira, deixa nun limbo a súa situación, xa que podería existir discriminación na puntuación para procesos selectivos do corpo de profesorado de ensinanzas artísticas profesionais.
  • Por outro lado non podemos entender que, se non se poden dirixir teses de doutoramento, xa que para iso se mantén a tutela da universidade, se exixa unha titulación que non se exixe en ningún corpo (para cátedras de secundaria non por exemplo), agás nos universitarios precisamente por ese motivo. Malia a nosa solicitude de explicacións, nada se nos di sobre este aspecto.
  • Non se aclara que vai pasar coa nova distinción de corpos de estudos artísticos superiores; se van manter a distribución de materias do actual real decreto de especialidades (profesorado – cátedras) ou se se vai proceder nos estudos artísticos superiores como se supón que se fará nos profesionais: estender o modelo de persoal do corpo de cátedras de secundaria a estas ensinanzas, de tal xeito que ambos corpos (profesorado – cátedras) imparten o mesmo (isto enténdese do propio texto da lei cando se afirma que o funcionariado de ambos corpos participarán nos concursos de traslados ás mesmas vacantes).
  • A integración nos novos corpos, de se manteren como figuran na lei, debe ser automática e sen novas exixencias, sen deixar ninguén atrás. Debe procurarse, deste xeito, que se evite esa situación de corpos a extinguir.
  • Debe habilitarse un prazo indefinido para que as mestras e mestres de taller poidan acadar a titulación de Grao ou recoñecer o pago dun complemento de equiparación, sen repetir os erros cometidos co profesorado de FP, evitando que se limite ter esa titulación ao momento de entrada en vigor da lei.
  • O acceso a calquera posto de traballo no sector público debe fundamentarse en convocatorias nas que prime a publicidade, o mérito e a capacidade, baixo o control sindical e a negociación nas mesas respectivas, e o papel que se lle dá aos centros carece dese control no texto da lei.
  • Todas as contratacións de persoal con carácter temporal deben facerse en réxime administrativo (interinidades) e non laboral.
  • Amosámonos contrarios á figura de profesorado visitante: é unha porta aberta á traer profesorado durante un ou dous cursos, cun contrato laboral, reducindo a carga lectiva de profesorado do centro, o que podería implicar a perda de postos de traballo.
  • Non estamos de acordo coa figura de profesorado emérito para docentes xubilados polo mesmo motivo da súa repercusión na perda de postos de traballo.
  • Na elección da dirección dos centros debe regularse a presenza mínima que terá o profesorado na comisión de selección, que debe ser maioritaria. No texto só se garante a maioría da comunidade educativa.
  • Consideramos que a posíbel creación de estruturas “dotadas de personalidade xurídica propia” e con órganos de goberno propios que agrupen centros que impartan ensinanzas artísticas superiores pode supoñer unha maior perda de autonomía dos centros e carece de xustificación.
  • Non parece lóxica a redundancia que se propón para a avaliación dos centros: interna do propio centro, simultánea con sistemas internos e externos da administración e co papel dunha Inspección para a cal non se exixe un nivel de especialización.
  • Consideramos un erro a pretensión de que se promova que os centros que imparten simultaneamente ensinanzas artísticas superiores e profesionais (en Galiza todas as EASD) tendan a especializarse nunhas ou outras ensinanzas. Deben garantirse tanto a impartición de títulos de Grao como ciclos formativos.

CAMBIOS NOS CORPOS DOCENTES PROPOSTOS POLO MINISTERIO NA LEI DE ENSINANZAS ARTÍSTICAS

Situación actual

Proxecto de Lei

Centros afectados

Ensinanzas profesionais:

-       Corpo de profesorado de música e artes escénicas

-       Corpo de profesorado de artes plásticas e deseño

-       Corpo de mestras e mestres de taller de artes plásticas e deseño

Ensinanzas profesionais:

-       Corpo de profesorado de ensinanzas artísticas profesionais

-       Corpo de cátedras de ensinanzas artísticas profesionais

-       Corpo de mestras e mestres de taller de artes plásticas e deseño

-       Conservatorios Profesionais de Música e Danza

-       Escolas de Arte e Superiores de Deseño

Ensinanzas superiores:

-       Corpo de cátedras de música e artes escénicas

-       Corpo de cátedras de artes plásticas e deseño

-       Corpo de profesorado de música e artes escénicas

-       Corpo de profesorado de artes plásticas e deseño

Ensinanzas superiores:

-       Corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores

-       Corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores

 

-       Conservatorios Superiores de Música

-Escola Superior de Arte Dramática

-       Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais

-       Escolas de Arte e Superiores de Deseño

Como afectan os cambios nos corpos docentes co proxecto de lei?

Corpos actuais

Novos corpos. Integración ou situación a extinguir

-       Corpo de cátedras de música e artes escénicas

-       Corpo de cátedras de artes plásticas e deseño

 

Exixencia de titulación de doutoramento para o novo corpo.

Prazo de 10 anos desde a entrada en vigor da lei para obter a titulación e poder integrarse a quen xa forma parte dos actuais corpos de cátedras.

Quen non teña esa titulación quedará para extinguir no corpo de cátedras actual, cos mesmos dereitos.

Descoñécese se vai existir algunha diferenza entre os corpos vellos e o novo (funcións, retribucións)

Será requisito formar parte do corpo de Profesorado de ensinanzas artísticas superiores polo que a vía será a promoción interna (aínda sen aclarar como será o proceso selectivo).

-       Corpo de profesorado de música e artes escénicas que impartiran docencia en ensinanzas artísticas superiores

 

Poderán integrarse no novo Corpo de Profesorado de Ensinanzas Artísticas Superiores se acredita unha experiencia docente de 5 anos nesas ensinanzas nos 5 anos anteriores á entrada en vigor da lei.

Se ten destino definitivo nun destes centros disporá dun prazo de 4 anos máis para acreditar esa experiencia e poder integrase.

Non se cita a exixencia da titulación de Máster de especialización docente que si figura para novos ingresos neste corpo..

Quen non se integre quedará para extinguir no corpo de procedencia.

-       Corpos de profesorado actuais que imparten docencia en ensinanzas profesionais

Poderá solicitar a integración no novo corpo equivalente sen ningún outro requisito.

-       Corpo de mestras e mestres de taller de artes plástica e deseño

Só permiten que se integre no corpo de Profesorado de ensinanzas artísticas profesionais a quen teña titulación de Grao ou equivalente a efectos de docencia. Dáse un prazo de cinco anos para que, desde a entrada en vigor do regulamento posterior á lei, se convoquen estes procesos.

Non se declara para extinguir o corpo actual.

 

 Anteproxecto de lei pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se estabelece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais.
CIG Informa sobre o Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas

Documento


Volver