O Ministerio de Educación compromete, sen data, unha Mesa Docente para tratar todo o relacionado co profesorado de FP

Esta foi a única conclusión positiva dunha Mesa que foi un exemplo de libro de como non se debe acometer unha negociación sobre normativa que afecta ao profesorado

O Ministerio de Educación (MEFP) trasladou á Mesa Sectorial de hoxe, 29 de abril, unha orde do día na que se incluía como único punto “o Real Decreto 276/2007 de ingreso e acceso aos corpos docentes". Logo de que desde a CIG-Ensino presentaramos unha queixa pola absoluta inconcreción e a ausencia de documentación o Ministerio enviou un escrito no que se simplemente se presentaban indicacións do que se pretendía mudar no texto legal.

No comezo da reunión de hoxe, a CIG-Ensino presentou unha cuestión de orde á presidencia da Mesa Docente para facer constar que, sen a entrega previa e co tempo suficiente dun texto articulado cos cambios propostos, non se pode entender que se estea a producir unha negociación. Neste sentido solicitamos que se suspendese a sesión até que se nos remitise a proposta ou ben que se indicara expresamente que esta reunión é unha primeira toma de contacto sobre este tema e que haberá unha nova convocatoria na que as organizacións sindicais poidamos presentar as alegacións que consideremos oportunas a un texto previamente enviado.

A resposta do Secretario Xeral Técnico foi indicar que o propósito do Ministerio era coñecer a opinión das organizacións sindicais da Mesa nunha primeira toma de contacto e que non pretenden coas indicacións que enviaron abrir o debate sobre a situación do PTFP, que será obxecto dun debate monográfico na Mesa Docente, para a que non puxeron data, malia a insistencia pola nosa parte. Como única novidade ao respecto do documento presentado, o secretario xeral técnico indicou que a modificación que propoñen no Anexo V do RD 276/2007 é que o acceso ao grupo A1 nas 22 especialidades de FP, se poida facer con calquera titulación de diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica, levantando as limitacións ás titulacións destes niveis que actualmente figuran nese Anexo V.

Para a CIG-Ensino as formas e o fondo desta proposta de reforma do RD 276/2007 son inasumíbeis e a nosa intervención centrouse no seguinte:

  • Os criterios ou ideas de modificación son un despropósito porque se presentan sen que previamente se teña aberto un debate na Mesa Docente sobre o futuro do corpo a extinguir de PTFP. Así, a supresión do Anexo VI implicaría unha mostra dun paso irreversíbel que contradí totalmente as afirmacións de altos cargos do MEFP de ter disposición a negociar o futuro dos miles de docentes que non se integrarían, coas normas actuais, no grupo A1 e de todo o persoal interino e opositor que vería impedido o ingreso na función pública docente. Se a idea que apunta o MEFP (de permitir que en todas as especialidades de FP do corpo de PES se poida acceder con diplomatura, etc..) vai na liña de superar a restrición da Disposición Adicional 11ª da LOMLOE (que limita o ingreso a quen teña titulación de grao ou titulación equivalente aos efectos do ingreso na función pública) a medida pode ser positiva mais falta concreción e haberá que ver que se nos presenta na negociación xeral sobre o profesorado de FP.
  • A extinción do corpo de PTFP aprobada na LOMLOE implicaría a creación de novas especialidades no corpo de PES coa nomenclatura das titulacións actuais do corpo de PTFP polo que cambiar un anexo V que non sabemos canto vai durar parece froito da improvisación e de unha urxencia inexistente.
  • Estamos nun momento de grande incerteza no marco do ingreso na función pública, coa previsión dunha reforma do EBEP por parte do Ministerio de Política Territorial e Función Pública que non sabemos se vai afectar dalgunha maneira ao ingreso na función pública docente. O lóxico e normal é saber en que medida vai poder condicionar a reforma xeral do acceso á función pública ao acceso á docencia. Modificar o RD de ingreso sen ter en conta ese novo escenario é imprudente.
  • Estamos en total desacordo coa posibilidade de que se poida acceder á función pública co requisito de coñecemento dun idioma estranxeiro, como propón o goberno de Navarra e o procedemento do MEFP (traendo o “recado” doutra administración sen indicar se o comparte ou non) é inaudito.
  • Estamos de acordo con que se aclare no artigo 30 o dereito das mulleres cun permiso de maternidade a que non se vexan vulnerados os seus dereitos na fase de prácticas, mais a modificación, que debe concretarse nunha Mesa posterior, debe abrise a negociación desta fase de prácticas, ademais de para este cambio (que tamén debe recoller o permiso de paternidade), tamén para a posíbel exención da fase de prácticas daquel profesorado interino que aprobe os procesos selectivos.
  • É impresentábel que se nos diga que se vai modificar o baremo por diferentes sentenzas e que non se nos diga cales serían eses cambios ou que non se aclare se se vai atender a xurisprudencia europea á hora de contabilizar o tempo de interinidade a efectos do requisito para o acceso a outros corpos docentes, algo que en Galiza está xa solucionado mais que na normativa estatal segue sen modificarse.

En resumo, a CIG-Ensino entende que non se debe modificar neste momento ningún dos apartados do RD sen ter unha proposta articulada do MEFP sobre o que non ten a ver co PTFP, e con respecto aos anexos relacionados con este profesorado, debe retirarse a proposta de cambios neste RD mentres no se negocie no seu conxunto a situación do PTFP.

Na nosa intervención final, dentro da quenda de rogos e preguntas, a CIG-Ensino formulou os seguintes asuntos:
  • O secretario xeral técnico fixo mención na Mesa de hoxe a que o MEFP remitiu xa ao Congreso unha proposta sobre o período transitorio para poder opositar co titulación de FP mais ese documento non foi remitido ás organizacións sindicais. A proposta que no seu día fixo o MEFP para fixar ese período transitorio, foi cualificada como insuficiente para CIG-Ensino, e desde o sindicato respondemos co envío dunha alegación na que se propoñía un período transitorio que non estivese limitado ás OEP xa aprobadas senón a aquelas ofertas de emprego que as CC.AA. puidesen aprobar no período de implantación da LOMLOE (2024). Deste xeito, abriríase un marco temporal máis amplo que procurase combinar dous obxectivos: que durante os próximos anos se puidese acceder coas mesmas titulacións actuais á FP e que se negociase unha vía alternativa á desfeita provocada por como se fixo a modificación dos corpos docentes na LOMLOE.           
  • Calendario de negociación no ano 2021. A Mesa de hoxe evidencia que o propio Ministerio se autoemenda e altera o calendario de negociación proposto polo MEFP, coa necesaria inclusión da polémica do PTFP mais o lóxico sería que se pactase ese calendario. Benvida sexa esta rectificación mais demandamos que a negociación sexa inmediata para tratar, entre outras cuestións (profesorado especialista, etc…):
    • Cando e en que condicións se vai facer a integración no corpo de PES do profesorado de PTFP? Non é de recibo que tres meses despois da entrada en vigor da LOMLOE sigamos así.
    • Se o Ministerio está disposto a negociar a integración de todo o corpo de PTFP, como defende a CIG-Ensino ou vai deixar tirada a unha parte deste profesorado, tanto fixo como interino e de futuros opositores.
    • Se a integración de quen ten titulación universitaria se vai facer con quen teña diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica ou só con que ten grao.

Volver