O Ministerio de Educación aproba os Reais Decretos de FP sen opción a introducir modificacións no seu contido

A CIG-Ensino foi moi crítica coa dualización, a estandarización dos novos módulos e o fomento da privatización nunha Mesa Sectorial docente á que non acudiron sequera cargos de FP

O sindicato maioritario no ensino público galego lamentou a ausencia total de negociación na que “é probabelmente a reforma máis transcendente da Formación Profesional en décadas” e alertou de que coa ampliación do tempo de formación na empresa vaise ver minguada a calidade formativa e pode haber recortes de profesorado.

“Sería a primeira vez na historia que se impulsan unhas ensinanzas co apoio de miles de millóns de fondos europeos, 5.400 segundo os cálculos do propio Ministerio nos últimos 4 anos, e o resultado sexa que lonxe de incrementarse o persoal docente se produzan recortes”. Así de contundentes se amosaron os representantes da CIG-Ensino, Suso Bermello e Montse Pernas, na Mesa Sectorial docente do Estado na que o Ministerio presentou os borradores dos Reais decretos que modifican os títulos de FP Básica, de Grao Medio, de Grao Superior e de Cursos de Especialización que finalmente foron aprobados o día 21 polo Consello de Ministros e Ministras. Á reunión non acudiu ningún responsábel de FP do Ministerio, senón que estivo presente a directora xeral de Persoal e varios cargos técnicos que o único que indicaron é que non había posibilidade ningunha de introducir modificacións “pola premura dos tempos” e que só intentarían recoller por escrito algunha achega referente a erros na redacción ou de contido. 

Para a CIG-Ensino esta forma de proceder do Ministerio é “totalmente reprobábel” e así o trasladaron durante a celebración da Mesa. Durante a súa intervención, o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, advertiu de que o feito de que non se negociara en profundidade co profesorado e coa súa representación sindical tanto a Lei Orgánica de FP como o RD que a desenvolve e agora estes catro reais decretos, nos que por primeira vez aparece recollida a atribución docente dos módulos de cada título, vai poñer en perigo o prestixio acadado por estas ensinanzas nos últimos anos e centrou as súas críticas en tres apartados:

  • Increméntase a privatización tanto a nivel interno como externo destas ensinanzas. A dualización de toda a oferta formativa, que se traduce en maior tempo de formación na empresa e menor no centro educativo (até un 17% menos no caso dos Ciclos Superiores en Galiza se se aplica a intención da Consellaría de realizar 700 horas de prácticas na modalidade dual xeral) vai redundar nunha menor calidade educativa e só vai beneficiar as empresas que van dispoñer de man de obra gratuíta. “Esta medida supón unha regresión aos inicios da FP pero en peores condicións que os contratos de aprendices que existían no pasado porque agora simplemente se terá dereito a cotización, iso si, maquillando como xa vimos este mes pasado as cifras de ocupación e desemprego. Por outra banda, a norma non limita que estas ensinanzas sexan susceptibles de concertos educativos, cando é algo que non procede polo seu carácter postobrigatorio. Pola contra, non cesan de autorizarse por parte das administracións educativas centros privados e concertos con empresas e entidades de todo tipo que nalgúns casos nunca antes formaron parte do sistema educativo nin ofertaron estes estudos”, indicou, á vez que lembrou que a normativa impide que as universidades impartan este tipo de ensinanzas (art. 49.3 da LOFP) “e nestes intres hai sobrados casos nos que se está incumprindo, curiosamente todas elas privadas (UNIR, a Universidade Francisco de Victoria e a Universidade Alfonso X El Sabio)”. 
  • A homoxeneización para todo o territorio e para todos os ciclos do módulo de Inglés Profesional obrigatorio e a incorporación de novos módulos que xa eran contidos transversais até agora (Sustentabilidade e Dixitalización) ou que xa se realizaban sen estar incluídos no currículo, como o Proxecto Intermodular, que lle restan carga horaria aos módulos eminentemente profesionais e que non teñen en conta as características de cada sector produtivo e da súa contorna. “O Ministerio debera amosar maior soberanía ante a UE á hora de plantexar esta reforma porque é coñecedor de que nos ciclos medios e superiores esta nova organización curricular vai supoñer un recorte mínimo de 10 horas semanais nos ciclos medios e superiores, e no caso de Galiza pola implantación en segundo curso doutro módulo de inglés profesional de até 13[1] horas nos módulos eminentemente profesionais”, sinalou Bermello. Coa decisión de máximos anunciada pola Xunta de incrementar o tempo de formación na empresa e de incrementar as horas de inglés desde as 50 do currículo básico até as 120 destes dous módulos, o alumnado non cursará sequera a metade das 2000 horas dos módulos eminentemente profesionais dos ciclos no centro educativo. Ou o que é o mesmo, o profesorado exclusivamente de FP, incluído o de FOL, pasará de impartir 1600 das 2000 horas dos ciclos a só 1180, tendo en conta que a impartición do Inglés de primeiro curso lle corresponde exclusivamente a profesorado especialista de Secundaria, tal e como aparece nos borradores e que foi obxecto tamén de debate na Mesa Sectorial porque varios sindicatos reclamaron que o profesorado con C1 poida impartir estes módulos, como ten regulado Galiza para a FP dual e os Ciclos Plurilingües. A CIG-Ensino tamén defendeu que sexan os propios centros os que teñan capacidade para determinar que perfil de profesorado poida impartir estes módulos dependendo da dispoñibilidade que teñan nos seus departamentos. En calquera caso remarcou que deberan ser contabilizados como complementos formativos a maiores das 2000 horas dos currículos dos ciclos e que, mediante esta vía, se debe poder fixar outro idioma estranxeiro dependendo do sector produtivo e das relacións comerciais dos distintos territorios, como o Portugués no caso de Galiza. 
  • A entrada de profesionais do sector produtivo na docencia a través de contratacións de carácter laboral, sen esixir sequera os requisitos de titulación necesarios e permitindo a compatibilidade do traballo no sector público e privado, unha medida que, segundo Bermello, “choca co que significou nos últimos anos a profesionalización da función docente na Formación Profesional, o verdadeiro artífice do éxito e da calidade educativa acadada nestas ensinanzas”.

[1] 1 de Sustentabilidade, 1 de Dixitalización, 4 do optativo e 2 do proxecto intermodular e 6 de inglés profesional I e II

Actualización si, pero modificación substancial da FP non 

Pola súa parte a responsábel de FP do sindicato, Montse Pernas, lamentou que esta reforma se traduza nunha modificación absoluta da Formación Profesional “cando estas ensinanzas o que precisan é dunha actualización dos currículos dos ciclos, fundamentalmente dos 5 títulos LOXSE que aínda permanecen en vigor, pero tamén dos que foron aprobados nos anos 2007, 2008, 2009... como Mecanizado, Sistemas Microinformáticos e Redes, Instalacións Eléctricas e Automáticas, Planta Química ou Instalacións de Telecomunicacións, entre outros, e que conteñen Resultados de Aprendizaxe totalmente obsoletos; dos temarios das oposicións, que permanecen inaltérabeis desde o ano 1996 cando aínda non estaba estandarizado o uso de Internet, ou do material para os ciclos a distancia que fornece o Ministerio. Así mesmo, o que urxe é un impulso da oferta, tanto coa creación de novos títulos (na FP básica ou nos Cursos de Especialización por exemplo non existe oferta de todas as familias profesionais e desde 2015 que se aprobou o último paquete de títulos da FP básica só se creou un novo) como coa extensión por todo o territorio da xa existente para que non se discrimine o alumnado, sobre todo o menor de idade, polo lugar no que vive”, salientou. “En xeral hai preocupación e malestar entre o profesorado por esta reforma e porque ve moitas eivas na súa implantación, pola carga burocrática que vai supoñer todo o relativo á relación coas empresas e porque ve que o seu labor docente vai quedar moi diluído na formación competencial do alumnado”, remarcou.

Outras cuestións plantexadas na Mesa, sen reposta 

Sobre o apartado dos requisitos do profesorado para os centros de titularidade privada ou doutras administracións diferentes das educativas a CIG-Ensino insistiu en que se debe garantir e vixiar que se cumpra a esixencia da mesma titulación que na rede pública porque os títulos teñen a mesma homologación oficial. Neste sentido citáronse como exemplo datos publicados hoxe mesmo de Vigo procedentes das estatísticas oficiais do Ministerio. Na cidade máis poboada e industrializada de Galiza hai 9 centros públicos que imparten FP fronte a 25 privados ou concertados, “unha proporción inaudita noutras etapas educativas e que amosa claramente os niveis aos que está chegando o negocio da FP”. 

No transcurso da reunión representantes da CIG-Ensino tamén preguntaron sobre o encaixe legal que ten a proposta da Consellaría de Educación de levar ao máximo as horas, por riba incluso do estabelecido no RD 659/2023 na FP básica en concreto, na empresa ou organismo equiparado e que acontecerá se finalmente non vai ningún alumno ou alumna á empresa en primeiro curso, se se flexibilizará a realización das prácticas no centro educativo e que requisitos terán que ter as mesmas para que proceda ou non a súa cotización. Neste sentido lembraron a realidade do tecido socioprodutivo galego, no que o 63% das empresas son unipersoais e o 95% teñen menos de 10 traballadores e traballadoras, polo que “unha vez máis ponse de manifesto que esta norma non se axusta ás características de cada territorio e é imposíbel que se cumpra a función de titorización estabelecida no RD de ordenación do sistema de formación profesional e a adquisición de Resultados de Aprendizaxe de todos os módulos profesionais neste contexto empresarial tan minifundista e especializado”.

Outra das propostas que formulou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial foi a posibilidade de elevar ao máximo a duración dos ciclos, como permite o RD 659/2023, até 2200 horas na modalidade dual ordinaria e até 2800 na dual intensiva. “Hai un sentir xeral entre o profesorado de que esta medida podería paliar esa perda de calidade formativa que se vai producir se se deixa nas mans das empresas a formación do alumnado e que nalgunhas comunidades como en Euskadi xa se está implementando coa ampliación dalgúns ciclos a tres anos ou que no borrador do RD que modifica os títulos de FP superior xa se recolle para algúns ciclos concretos unha duración de 2540 horas”. A responsábel de FP da CIG-Ensino lamentou que non estivera presente ninguén desta área do Ministeiro para responder a estas propostas e a outras cuestións como o criterio que se seguiu para actualizar a correspondencia das horas dos módulos dos ciclos superiores a créditos ECTS ou como se vai adaptar a nova normativa aos Cursos de Especialización porque no borrador do RD inclúese a desaparición do módulo de FCT sen concretar que pasa con esas horas. Actualmente os grupos de traballo que foron nomeados pola Consellaría para a actualización destes cursos en Galiza só teñen indicacións de actualizar contidos pero non de realizar ningún reaxuste horario dos módulos. 

Tamén se interesou polo novo Plan de impulso da FP anunciado pola secretaria xeral de FP do Ministerio, Clara Sanz, co horizonte temporal do ano 2028 a respecto de cando se coñecerían detalles sobre o mesmo. 

Unha das cuestións que si obtivo resposta por parte dos representantes ministeriais é que prevén traer á Mesa Sectorial, esta vez si con intención de recibir achegas das organizacións sindicais, o proxecto de RD que modifica á súa vez dous RD, o propio 659/2023 e o 132/2010 que regula os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria. Esta normativa, que a Consellaría de Educación considera fundamental que estea publicada para elaborar o Decreto galego que ordene o sistema de formación profesional, non estaría aprobada, segundo amosaron desde o Ministerio, até finais de xuño. As principais modificacións que introduce a respecto da FP, ademais de considerar que o módulo optativo forma parte do currículo básico de Ciclos Medios e Superiores e que debe cun mínimo de 80 horas de duración, teñen que ver coa autorización para impartir ciclos en edificios nos que se impartan á súa vez outras ensinanzas, coa recuperación do carácter anual dos cursos de acceso a ciclos medios e superiores e coa eliminación da súa gratuidade cando os impartan administracións locais ou centros privados. 

O Ministerio tamén se comprometeu a negociar previamente coas organizacións sindicais os Reais Decretos polos que se desenvolven os graos A, B e C, a petición expresa dos representantes da CIG-Ensino que instaron a que non se volvera producir esta situación de “ninguneo ao profesorado e á súa representación legal” cando se trata de normativa que lle afecta directamente ás súas condicións laborais.

Fin da discriminación entre o profesorado de FP

Por último, a CIG-Ensino non quixo desaproveitar a oportunidade para lembrarlles aos representantes ministeriais a triple discriminación existente a nivel administrativo e salarial entre o profesorado que imparte ensinanzas de FP coa existencia de tres corpos: PES, PTFP a extinguir e PESSFP. Neste sentido, desde o sindicato proponse que unha pequena parte dos fondos europeos se destinen a eliminar a diferenciación entre estes colectivos, sexa funcionariado de carreira ou interino, mediante a aprobación de complementos equiparadores, previo ao desenvolvemento dunha normativa que permita a integración no grupo A1 de todo o persoal docente e da suba de nivel para cada colectivo.

Reais Decretos aprobados

Nos catro Reais Decretos (ver borradores) aprobados o día 21 estabelécense as atribucións docentes dos módulos profesionais, así como dos novos módulos de competencia básica de todos os títulos formativos, agás do módulo optativo que serán as administración competentes, é dicir, a Consellaría de Educación a que teña que regular quen o imparta en cada caso. A directora xeral de FP no Consello Galego de FP celebrado o pasado día 6, a preguntas da CIG-Ensino, xa avanzou que habería un único módulo optativo para o mesmo ciclo en toda Galiza. 

Volver