O Ministerio contesta á CIG-Ensino sobre as oposicións docentes asegurando que hoxe mesmo vai remitir un informe á Consellaría sobre a posibilidade de acumular as oposicións de 2020 e 2021

O Ministerio vai facer partícipes ás organizacións sindicais do mesmo documento que remita ás Comunidades Autónomas para o estudo da incorporación no novo curso escolar 2020/21

Mesa Sectorial do Ministerio: sen novidades nunha reunión que chega tarde, mal e arrastro.

A CIG-Ensino participou na reunión por videoconferencia convocada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional (MEFP) na que compareceron o Secretario de Estado, Alejandro Tiana e o Subsecretario, Fernando Gurrea. A intervención do sindicato maioritario no ensino público galego centrouse en amosar a nosa crítica pola demora desta convocatoria que, unha vez celebrada a Conferencia Sectorial, perde todo valor.

Así, desde o sindicato defendemos que é normal que a Conferencia Sectorial, con representación do MEFP e as Consellarías de Educación, xogue un papel central na participación do Goberno no debate institucional sobre como actuar perante esta pandemia que alterou por completo a realidade do sistema educativo. Porén, previamente a esa reunión, tanto o MEFP como a Consellaría deberían debater coas organizacións sindicais nos seus respectivos ámbitos. Nin o goberno español o fixo até hoxe nin tampouco o galego, que prescindiu da Mesa até a convocatoria prevista para mañá mércores día 20 para presentar o Protocolo de incorporación. A “comparecencia encorsetada” da conselleira da semana pasada, nun marco que nega o debate e o marco legal de negociación, non serviu absolutamente para nada.

A voltas co centralismo, o liderado e a intereses partidistas.

O papel xogado nesta crise polo goberno español no seu conxunto, ao respecto da xestión do estado de alarma, foi profundamente centralista, desde a xestión das fases de desescalada ás diferentes normativas aprobadas ao longo dos dous últimos meses. Neste proceso é absolutamente noxento o interese partidista e electoral da Xunta de Galiza, cun Feixoo encantado de que sexa o “mando único” quen se queime con toda a responsabilidade pola invasión sen límites das competencias autonómicas, ao tempo que a Xunta se lava as mans e agarda para criticar.

Mais non se pode esquecer que quen se arrogou as competencias debe responder polo que fixo. E así tivemos unha ministra lanzando ideas ao aire e creando, intencionadamente ou non, a confusión sobre o papel do propio MEFP, cando finalmente nos atopamos que tanto no referente á avaliación e final académico do curso como na posíbel reincorporación do profesorado aos centros, o papel das diferentes Consellarías segue a ser o fundamental, como así debe ser dado o ámbito competencial. Para todo isto, púidose prescindir de tanta sobreactuación e ser máis claro desde o principio.

En todo caso, a CIG-Ensino foi crítica coas medidas sanitarias publicadas o día 15 de maio polo Ministerio xa que non son garantes da protección da saúde laboral do profesorado e o conxunto do persoal dos centros educativos así como do propio alumnado. Así, por exemplo, estamos en total desacordo con que as persoas vulnerábeis non poidan continuar coa teledocencia se se vexan obrigadas a incorporarse aos centros educativos.

Un novo curso excepcional ás portas que precisa dun reforzo orzamentario extraordinario.

O papel que agardamos nas próximas datas do Ministerio céntrase en buscar os consensos máis amplos posíbeis coas diferentes administracións educativas para deseñar unha incorporación ás aulas no inicio do curso escolar 2020/21 e un desenvolvemento deste que, máis alá de respectar a saúde de traballadoras e traballadores e do alumnado dos centros, se poña como deberes garantir a equidade social, a non exclusión de ningún alumno ou alumna, a primacía absoluta do ensino presencial cun papel mínimo e secundario, de existir, da teledocencia.

Todo isto implica claridade nas medidas a adoptar, desde as ratios de alumnado á necesidade de dotar de fondos orzamentarios suficientes para poder afrontar o reto que vai supor poder atender a todo o alumando coas restricións que nestes momentos se apuntan.

Hai aspectos que nos preocupan e que entendemos que terán que ser negociados en Galiza, como nas restantes CC.AA. Non poñemos reparos a que poidan someterse a debate e que se articulen consensos, mais sempre desde o respecto ao marco de negociación que as organizacións sindicais temos en Galiza.

A regulación da teledocencia, a redución e adaptación dos currículos, o reforzo e ampliación dos cadros de persoal, a estabilidade do persoal interino, a necesaria formación do profesorado e todo o que ten a ver coas ferramentas tecnolóxicas e o uso de plataformas dixitais, a resposta á atención do alumnado con necesidades especiais, con necesidades específicas de apoio ou con algunha diversidade funcional, xunto cunha planificación para afrontar a fenda dixital deben estar presentes nos debates do Ministerio coas CC.AA.

As oposicións, pendentes do Ministerio.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, interpelou directamente aos máximos responsábeis do MEFP pola decisión que van adoptar ao respecto das emendas presentadas pola CIG-Ensino ao borrado do Real Decreto que vai modificar o RD 276/2007 de ingreso na función pública docente, xa que de terse en conta e aprobarse tal e como presentou a CIG en solitario no Consello Escolar do Estado, iso implicaría que a Xunta podería agrupar as ofertas de emprego de 2020 e 2021 nunha única convocatoria en xuño de 2021.

A resposta, tanto do Secretario de Estado como do Subsecretario, foi que na tarde de hoxe remitirían un informe á Consellaría no que, segundo o que afirman, non habería problema para acumular as oposicións deste ano e o ano que vén sempre e cando a OPE se publicase no DOG dentro do ano 2020. Agardaremos, por tanto, á Mesa Sectorial galega do mércores 20 para saber o contido dese informe e a decisión da Consellaría.

Volver