O Ministerio avanza as liñas xerais da integración do profesorado de FP sen entregar unha proposta por escrito
A CIG-Ensino considera improcedente que con todo o tempo transcorrido non se presentase un texto articulado do regulamento de integración
O pasado 21 de marzo a CIG-Ensino demandou a convocatoria urxente dunha Mesa Docente para dar así cumprimento ao compromiso do MEFP de traer unha proposta de regulamento de integración do profesorado do corpo de PTFP no corpo de PES e para analizar a situación do novo corpo de PESSFP.
O día 24 demandamos que nesa proposta se incluíse unha modificación dos anexos do RD 276/2007 para o recoñecemento das titulacións equivalentes a efectos de docencia para o profesorado que se integre nos novos corpos, dado que isto debe estar feito antes de que se aproben as convocatorias dos procesos selectivos extraordinarios derivados da Lei 20/2021.
Para a Mesa, que foi convocada para hoxe, 5 de abril, o MEFP non remitiu previamente ningunha documentación e o secretario xeral técnico expuxo as liñas xerais do documento que nos remitirán antes da convocatoria da próxima Mesa.
A normativa que presentan incluirá as seguintes cuestións:
Regulamentación do proceso de integración
- Integración de todas as persoas das especialidades que pasan ao corpo de PES coa presentación da titulación de grao, diplomatura, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.
- Integración “nominal” das persoas das 10 especialidades que pasan ao corpo de PESSFP que teñan esas mesmas titulacións. Non se integran as especialidades, só as persoas con carácter individual.
- Esta integración (nos dous casos anteriores) será en dous momentos diferentes:
- Quen posúa a titulación no prazo da convocatoria integrarase con efectos de 19 de xaneiro de 2021. Abrirase un prazo específico de convocatoria e indicarase que só se pode presentar a solicitude de integración na comunidade na que se teña destino.
- Quen acade a titulación antes do 19 de xaneiro de 2026 poderá solicitar a integración, nun proceso de prazo aberto até esa data. Os efectos, neste caso, serían desde o momento de presentación da solicitude.
- Regularán tamén a situación do profesorado que teña máis dunha especialidade (sen concretar máis) e o dereito de quen está en servizos especiais ou excedencia con reserva de posto de traballo. No caso das excedencias por interese particular regularán que deberán solicitar o reingreso previamente
Modificación do RD de especialidade do profesorado de FP
- Regularán a asignación de módulos a cada especialidade.
- Regularán o mantemento dos dereitos actuais do profesorado que non se poida integrar.
Modificación do RD de ingreso e acceso
- Modificación dos actuais Anexos V e VI para o recoñecemento das titulacións equivalentes a efectos de docencia para poder opositar:
- Para as especialidades que pasan ao corpo de PES: valerán todas as diplomaturas, enxeñarías técnicas ou arquitectura técnica e non só as que figuran actualmente no anexo V.
- Para as especialidades que pasan ao corpo de PESSFP:
- abrirán as titulacións de técnico superior a todas as de cada familia profesional relacionada coa especialidade (e non só as actuais do Anexo VI)
- regularán expresamente a equivalencia do título vello de técnico especialista ao actual de técnico superior (para evitar problemas que se deron con algunhas sentenzas).
CONSIDERACIÓNS DA CIG-ENSINO Á PROPOSTA DO MEFP
- Integración a TODOS os efectos. Solicitamos que se afirme expresamente que cando se fala de efectos retroactivos da integración desde o 19 de xaneiro de 2021 están incluíndo non só os administrativos senón tamén os retributivos). Non o aclaran.
- Integración con prazos fixos. Estamos a favor do sistema de integración áxil que se anuncia, mediante a presentación da documentación que acredite os requisitos (cando non obre en poder da Consellaría) mais preocúpannos os prazos e o tempo que tarde en estar aprobada normativa. Demandamos compromiso de que na normativa figure un calendario claro: convocatorias antes de xuño de 2022 e resolución do proceso antes de rematar o ano 2022. Non se comprometen a deixan todo pendente da próxima remisión do texto articulado en canto o teñan listo.
- PESSFP: integración de quen cumpre agora e de quen cumprirá no futuro. Agrádanos que se confirme o que hai un ano nos anunciou a secretaria xeral de FP ao respecto do funcionariado de carreira das dez especialidades que se integran no corpo de PESSFP, permitindo que quen teña titulación universitaria, tanto agora como no prazo dos 5 anos fixados na Lei (até xaneiro de 2026), se poida integrar concarácter nominal no corpo de PES, mais estamos en desacordo con que se lle peche a porta a quen acceda a partir de agora. Haberá quen se presente con titulación de grao ou equivalente ou quen a obteña nestes anos e debe permitírselle a integración no corpo de PES. O secretario xeral indica que non aceptan a nosa proposta e que a integración “nominal” será só para quen sexa actualmente funcionariado de carreira ou en práctic
- Tendo en conta que desde o comezo o Goberno, tanto a través do Ministerio de Educación como desde Facenda, se negou a ter en conta a nosa proposta dunha integración xeral e sen excepcións de todo o actual profesorado do corpo de PTFP, a CIG-Ensino considera se poden articular medidas que permitan a integración no corpo de PES ás persoas que non poidan integrarse nos 5 anos posteriores á entrada en vigor da LOMLOE, co obxectivo final de que todo o profesorado que imparte docencia na FP teñan as mesmas obrigas e dereitos. Así:
- Promoción interna a partir deses primeiros 5 anos: garantir un cambio no sistema de acceso para que quen pase a ser funcionariado de carreira do corpo de PESSFP poida acceder mediante concurso de méritos cando cumpra co requisito de titulación.
- Licenzas por estudo: incluír no texto do RD a recomendación de que as administracións educativas promovan e favorezan a concesión de licenzas por ampliación de estudos para o profesorado de FP que careza de titulación universitaria que impida a súa integración no corpo de PES.
- Convalidación de experiencia profesional. Lexislar, tal e como se fai coa titulación superior de FP, a convalidación de créditos universitarios por impartición de docencia no sector público da Formación Profesional.
O Ministerio non dá resposta a ningunha destas propostas.
- Mobilidade: garantir a mobilidade de todo o profesorado, con independencia do corpo no que quede, ás prazas ás que podía acceder no corpo extinguido de PTFP. Introducir no RD polo que se aprobe a integración as modificacións necesarias do Real Decreto 1364/2010 polo que se regula o concurso de traslados de ámbito estatal entre persoal funcionario dos corpos docentes. O Ministerio non se pronuncia.
- Complemento compensador: demandamos un pacto entre o MEFP e as CCAA para que todo o profesorado de FP reciba as mesmas retribucións, mediante o cobro dun complemento para quen accede ás dez especialidades, de tal maneira que, con independencia do corpo ao que se pertenza, todo o profesorado que imparta docencia na FP teña as mesmas retribucións. O Ministerio non se pronuncia.
- Titulacións equivalentes a efectos de docencia. Estamos de acordo coa ampliación a todas as diplomaturas no caso de PES e a unha maior posibilidade no caso das titulacións de FP. Urxe facelo canto antes para que estea en tempo e forma para poder presentarse ao procesos de concurso excepcional e de concurso oposición extraordinario. O Ministerio afirma que pretenden que todo estea listo para evitar o problema do que alerta a CIG-Ensino.
- Profesorado interino das especialidades que se integran no corpo de PES que non reúnen os requisitos de titulació A DA única do RD 276/2007 regula a posibilidade de se presentar ás oposicións de PTFP con titulación de Técnico Superior ou Técnico Especialista de FP nas catro primeiras convocatorias de oposicións da especialidade desde a entrada en vigor do RD 777/1998. Coa integración no corpo de PES de varias especialidades podería darse o caso de que aínda quedase algunha convocatoria sen executar. Propoñer que especialmente nestes casos, mais tamén con carácter xeral, se busque unha solución transitoria que permita que se poidan presentar. En todo caso, o Ministerio non debe poñer reparos para que poidan seguir en listas de interinidades. O Ministerio non se pronuncia.
- CORPO ÚNICO DE PROFESORADO. A CIG-Ensino mantén a súa demanda histórica de que todo o profesorado pase a ser do grupo A1. O corpo de mestres, con titulación xa de grao, e o corpo de Mestres de Taller de artes plásticas e deseño deben pasar a este grupo. O Ministerio non se pronuncia.