O MEFP confírmalle á CIG-Ensino que a normativa de integración do PTFP no corpo de PES está moi avanzada e que se dará a coñecer tras a aprobación da LOFP

Así mesmo tamén confirmou que os efectos da equiparación co grupo A1, no que se encadra o corpo de PES, serán con carácter retroactivo desde xaneiro de 2021, é dicir, desde a entrada en vigor da LOMLOE

Na reunión do Consello Xeral da Formación Profesional, celebrada o pasado mércores día 2, o único sindicato que se interesou por este tema foi a CIG-Ensino, que interpelou directamente á secretaria xeral de FP do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Clara Sanz. Esta respondeu que os traballos de redacción da norma que rexerá a integración do profesorado técnico de FP que cumpra os requisitos de titulación no corpo de PES están moi avanzados, despois de reunirse en dúas ocasións cos directores xerais das CCAA, e que o resultado dos mesmos daranse a coñecer de forma inmediata tras a aprobación da Lei Orgánica de Formación Profesional, que está nestes intres nos últimos trámites no Senado.

Desde a CIG-Ensino volvemos reiterar a necesidade de que neste proceso non se deixe a ninguén atrás e manteremos a nosa reivindicación de que todo o profesorado de FP, con independencia do corpo ao que pertenza, teña as mesmas retribucións e dereitos. Así mesmo, o sindicato maioritario no ensino público galego agarda a convocatoria dunha Mesa Sectorial docente estatal na que haxa marxe para a negociación dada a transcendencia que terá este regulamento, e o que posteriormente se negocie no ámbito de cada comunidade, para as condición laborais do profesorado que desempeña o seu labor docente na Formación Profesional. Neste sentido, espera que o Ministerio atenda as demandas das organizacións que representan o profesorado e que non sexa unha negociación “paripé” despois do que teñan acordado coas CCAA.

Por último, a CIG-Ensino, aínda que considera positivas algunhas melloras introducidas no texto da LOFP e a confirmación de que a integración será con carácter retroactivo (agardemos que a todos os efectos, é dicir, tanto na antigüidade no corpo como nas retribucións) seguirá defendendo, como vimos de lembrar publicamente cando se cumpriu un ano da publicación da LOMLOE, nos distintos ámbitos de negociación, entre outras, as seguintes cuestións, que considera imprescindibles para eliminar a discriminación entre o persoal que imparte docencia nesta etapa educativa:

  • Que a publicación da norma estatal sexa á maior brevidade posíbel após a negociación.
  • Que se poida realizar a integración de forma indefinida, unha vez cumpridos os requisitos de titulación ou, no seu defecto, que se modifiquen as condicións do sistema de promoción interna para permitir, por esta vía, que non sexa preciso pasar unha fase de oposición no futuro para quen acade a titulación despois dos cinco anos que recolle o proxecto de LOFP.
  • Que a Consellaría de Educación se comprometa a publicar a Orde de integración con carácter inmediato, previa negociación na Mesa Sectorial galega, en canto estea no BOE o novo RD.
  • Que a Consellaría negocie o pago dun complemento compensador tanto para o profesorado que quede a extinguir no corpo de PTFP como para o que se integre no novo corpo de Profesorado Especialista para que as súas retribucións sexan as mesmas que as de quen se integre no corpo de PES, tanto no caso do funcionariado de carreira como do persoal interino e substituto.
  • Que se negocie, tanto a nivel do Estado como a nivel nacional, na Mesa galega, en función das competencias de cada ámbito, as condicións para garantir a mobilidade e os criterios para determinar as prazas nos destinos provisionais (CADP) e de traslados (CXT), así como a xestión das listas de persoal interino e substituto de cada corpo docente dos tres que finalmente convivirán nos centros (PES, PTFP a extinguir, PESSFP).
  • Que se respecte, aos efectos da determinación das prazas de estabilización que se van convocar desde este ano até 2024 (tanto do concurso excepcional de méritos como do concurso-oposición extraordinario), a natureza e o corpo das prazas ocupadas temporalmente. 
CIG-Informa sobre a integración do PTFP no corpo de PES

Documento


Volver