O MECD incide nunha proposta de sistema selectivo que non atende a necesidade dun proceso de consolidación

Unha falsa negociación que roza o esperpento

A cuarta Mesa Sectorial do Estado celebrada para tratar as consecuencias dun acordo de redución de temporalidade na función pública asinado por tres sindicatos estatais e o goberno do PP seguiu a pauta das anteriores: non se proporcionou ás organizacións sindicais ningún tipo de texto previo á reunión, no que é unha mostra de como entende o PP unha suposta negociación, na que as regras do xogo veñen marcadas polo propio Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD), cómodo nunha situación na que, partindo dun acordo que lle deixa as mans libres, impón o seu criterio con lixeiros acenos cara quen lle deu o respaldo sindical.

Ligazón ao proxecto de RD que modifica o RD 276/2007 de acceso.

Na Mesa Sectorial do Estado de hoxe, 23 de novembro, o Ministerio tamén fixo entrega dos borradores dos novos temarios que en ningún caso entrarían en vigor antes de 2019. 

Como vimos denunciando desde o mes de marzo estamos a ver os efectos dun mal e innecesario acordo que supuxo un auténtico cheque en branco para o goberno, ao non se atar ningún tipo de medida concreta sobre o sistema de acceso e as consecuencias que as próximas convocatorias terán sobre un colectivo, o do persoal interino, que en Galiza chega ao 13%. Como o propio MECD e algún dos sindicatos recoñecen abertamente, estamos diante dun proceso para reducir persoal interino, non para ter en conta a súa estabilidade ou consolidación do posto de traballo. 

Unha falsa negociación que roza o esperpento. 

Na reunión de hoxe o MECD informou que en paralelo á Mesa Sectorial, único foro de negociación do profesorado do Estado, se estaba a reunir un “grupo de traballo” conformado por representación dos ministerios de Xustiza, Sanidade e Educación cos sindicatos que deron o seu parabén ao proceso actual. Ese grupo de traballo, cun texto xa redactado e ao cal as demais organizacións sindicais non tivemos acceso, estaría fixando os criterios para determinar o número total de prazas que deben ser ofertadas nos próximos anos, co obxectivo de “trasladarllo á CC.AA. para que, no ámbito das súas plenas competencias, estimen eses criterios para fixar as prazas a convocar nas oposicións”. Chama a atención as arelas centralizadoras, quer no campo gobernamental, quer no sindical, para indicarlle á Consellaría de Educación (e de paso ás propias organizacións sindicais en Galiza) como deben facerse os cálculos para decidir cantas prazas se ofertan. De momento nin o goberno nin os sindicatos que lle deron o seu respaldo fixeron público ese documento.

Ao tempo, o MECD tamén informou de que, malia que desde o Ministerio manteñen o criterio de que os exames da fase de oposición deben ter carácter eliminatorio, deron traslado dunha consulta á avogacía do Estado para que valoren a cobertura legal para que non sexan eliminatorios (é dicir, que os diferentes exames da oposición fagan media nunha nota única da fase da oposición que en todo caso debe ser superior ao 5 no seu conxunto). Unha afirmación que non pode ser máis que cualificada como inaudita, tendo en conta que non existe ningunha dúbida nin reparo legal sobre isto nin na vía xurídica nin nos propios textos legais que regulan o ingreso e acceso na función pública.

O MECD deu por pechado o texto presentado agás no referente ao carácter eliminatorio ou nos das diferentes partes da fase de oposición, que quedaría pendente dunha nova reunión.

A distribución do baremo da antigüidade, a única novidade do novo texto.

Todo isto implica que a única novidade do texto entregado sexa o reparto da puntuación no apartado do tempo traballado. Así quedaría a proposta:

Puntuación máxima do concurso

10 puntos

Experiencia docente (máximo 7 puntos)

Por cada ano de experiencia en especialidades do corpo ao que se opta, en centros públicos

0,700 puntos

 

Por cada ano en especialidades de diferentes corpos ao que se opta, en centros públicos

0,350 puntos

 

 

Por cada ano de experiencia en especialidades do mesmo nivel educativo, noutros centros

0,150 puntos

 

Por cada ano en especialidades de diferentes diferentes niveis educativos, noutros centros

0,100

Formación académica

5 puntos

Outros méritos

2 puntos

Con esta proposta encontrámonos coa situación de que todo o persoal interino que leve traballando sete ou menos anos vai ter unha menor puntuación da que lle outorga actualmente o RD 276/2007. Así, por exemplo, unha mestra interina con 7 anos de antigüidade tería nese apartado 4,9 puntos mentres que actualmente ten 5 puntos (1 punto por ano traballado até un tope de 5). Un profesor con 5 anos de interinaxe acadaría 3,5 puntos polos 5 actuais.

A CIG-Ensino considera que non é de recibo que unha proposta que se pretende vender como algo transitorio e motivado polas elevadas porcentaxes de persoal interino supoña un empeoramento para unha elevada porcentaxe do persoal interino.

A defensa do persoal interino e da igualdade de oportunidades.

A CIG-Ensino mantívose firme nos posicionamentos que mantivo desde sempre: non se pode avalar ningún modelo de ingreso na función pública docente, nin ordinario nin extraordinario, que impida sequera a negociación dun sistema de acceso diferenciado que permita competir entre iguais ao persoal docente con antigüidade na docencia por un lado e a todas aquelas persoas que carecen de experiencia previa.

Calquera modificación que se introduza neste modelo de acceso non vai ter incidencia real no futuro do persoal interino se non existe realmente un concurso oposición.

Levamos anos escoitando a mesma escusa, sempre de carácter legal: “a actual xurisprudencia non permite este modelo”. Quen isto afirma non tivo ningún problema en modificar a Constitución española en 15 días ou en aplicar un artigo, o 155, para intervir o goberno de Cataluña.

Quen pon de parapeto as sentenzas non ten reparos en alterar a lexislación para os seus propios intereses, como cando se introduce na LOMCE o dereito dos centros que segregan alumnado polo seu sexo a seren concertados.

Chama a atención que se peche a vía da negociación do acceso diferenciado cando o propio Estatuto Básico do Empregados Públicos (EBEP) abre a porta a un acceso á función pública pola vía do concurso, sempre con carácter extraordinario e co amparo dunha lei que o xustifique.

Mais sen dúbida un problema engadido é que nesa negativa a abrir unha negociación en profundidade sobre o acceso diferenciado o goberno non se atopa só.

Temos a firme convicción, e así o expresamos de novo na Mesa Sectorial, que calquera modificación que se introduza neste modelo de acceso non vai ter incidencia real no futuro do persoal interino se non existe realmente un concurso oposición, no que os tribunais aproben na fase de oposición a todas as persoas que teñen capacidade para superar esa proba, independentemente do seu número, evitando unha situación actual moi estendida que implica que en moitos casos só superan a fase da oposición o mesmo número de persoas que prazas se ofertan, vulnerado o carácter de concurso oposición. Evidentemente para favorecer isto habería que adoptar, entre outras medidas, a redución do número de persoas opositoras por tribunal.

Un proceso cíclico co que hai que romper.

A CIG-Ensino evidenciou na Mesa Sectorial que a situación na que nos atopamos, poucos anos despois de conseguir reducir a cifra de persoal interino volverá a producirse en breve. Foi a existencia da taxa de reposición e a aplicación dos recortes o que nos trouxeron de novo a unha situación de elevadas taxas de interinidade, mais esta situación non se vai pechar nestes anos xa que no acordo asinado por CC.OO., UGT e CSIF dáse por boa a taxa de reposición do 100% das xubilacións unha vez que pasen estas tres ofertas de emprego así como se acepta expresamente que só son obxecto de convocatoria os postos estruturais existentes, polo que os miles de postos de traballo perdidos non se negocian e, por tanto, dános por perdidos.  

Os cambios dos temarios, coa LOMCE.

Por outra parte, o MECD fixo finalmente entrega dos borradores de novos temarios das oposicións docentes que entrarían en vigor en 2019. Estes borradores se fundamentan en parte nos borradores que se gardaran nun caixón no ano 2011, mais sobre todo teñen en conta os cambios curriculares derivados da LOMCE, algo que para a CIG-Ensino é totalmente inasumíbel e demostra, como levamos dicindo desde hai meses, que a estratexia do PP de ir aplicando ao pé da letra a LOMCE vai dando os seus froitos.

Como xa dixemos en reiteradas ocasións moitos dos temarios precisan unha actualización; outros ficaron obsoletos. Mais tamén incidimos na nosa posición da última reunión, entendendo que o momento non é o máis oportuno á vista da inseguridade da duración dos procesos destas tres OPE (tres, catro ou cinco anos dependendo das CC.AA.) e da afirmación de que se adaptan á LOMCE, cando está pendente unha suposta “reforma” da Lei.

O MECD incide nunha proposta de sistema selectivo que non atende a necesidade dun proceso de consolidación

Documento


Volver