O MEC dá marcha atrás e pretende que os/as funcionarios/as de carreira, nomeados este curso, só poidan concursar á especialidade pola que accederon á función pública docente
R. D. Concurso de Traslados
O MEC dá marcha atrás e pretende que os funcionarios e funcionarias de carreira, nomeados este curso, só poidan concursar á especialidade pola que accederon á función pública docente
Como sabedes, o MEC pretendía modificar o Real Decreto 2122/1998, de 2 de outubro, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito estatal, para obrigar o profesorado que superou os procesos selectivos convocados polo Decreto 276/2007 (acceso transitorio á Función pública docente da LOE) a obter o primeiro destino definitivo exclusivamente pola especialidade pola que aprobara a oposición.
Despois da nosa proposta, na negociación co MEC, no sentido de que os funcionarios de carreira teñan dereito a concursar por todas as especialidades polas que estaban habilitados e que contou co apoio doutras OOSS, o ministerio retirou a modificación prevista.
Con posterioridade, o MEC mantivo unha reunión coas CCAA e estas mostráronse contrarias (Galiza abstívose) a que os/as funcionarios/as de carreira nomeados en setembro de 2008, puidesen concursar a todas as especialidades polas que están habilitados, incluída Primaria. En consecuencia, o MEC volveuse atrás e envioulle ao Consello Escolar do Estado un proxecto de Real Decreto que recolle a obriga de obter o primeiro destino definitivo pola especialidade que se opositou nos seguintes termos:
"a) Os funcionarios e funcionarias docentes de carreira do Corpo de Mestres que superasen os procedementos selectivos de ingreso, convocados polas distintas Administracións educativas con anterioridade á entrada en vigor deste Real Decreto, poderán participar no concurso de traslados de ámbito estatal nas mesmas condiciones en que o viñan facendo nos anteriores procedementos de provisión de postos.
b) Non obstante o disposto na letra anterior, os/as funcionarios/as do Corpo de Mestres que superasen os procedementos selectivos de ingreso, convocados por las distintas Administracións educativas ao abeiro do Real Decreto 276/2007, de 23 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de Maio de Educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria decimo sétima da citada Lei, obterán o seu primeiro destino definitivo na especialidade e Administración educativa pola que participaron e superaron o correspondente proceso selectivo."
Como vedes, os vaivéns que está dando o MEC son todo un despropósito e van supor, á parte doutros prexuízos, o retraso do concurso até non se sabe cando, xa que están á espera do informe do Consello de Estado que pode ir até finais de mes.
A Consellaría de Educación está esperando que o MEC publique o Real Decreto, pois, non sabe en que vai acabar definitivamente.
É inxustificábel que o MEC agardase a estas alturas para propor modificacións no Real Decreto da convocatoria do concurso de traslados o que supón retrasar a convocatoria co prexuízo que isto carrexa a todos e a todas.
Máis inxustificábeis e de consecuencias graves son os cambios que pretende, ao final impor, cando aceptara retirar as modificacións iniciais, porque, sen lugar a dúbidas, son totalmente inxustos ao non permitir concursar a todo o persoal funcionario de carreira por todas as especialidades para as que están habilitados.
Esta actitude desprezativa co profesorado é denunciábel e inxustificábel porque o MEC non só continúa sen constituír a Mesa Sectorial de Negociación, senón que primeiro acepta a nosa proposta de que todos os/as funcionarios/as de carreira poidan concursar ás especialidades polas que están habilitados e, agora, se previa negociación, cambia de posición.
A CIG-Ensino continúa a exixir que se constitúa a Mesa Sectorial, que se negocie a normativa do Concurso de traslados co tempo suficiente e, mentres, que se facilite que todos os funcionarios e funcionarias de carreira poidan concursar por todas as súas especialidades.