O MEC bota abaixo os temarios das oposicións docentes modificados en novembro

A medida supón recuperar os vellos temarios que foran modificados en novembro.

O Ministerio de Educación publica hoxe unha orde no BOE pola que se eliminan os novos temarios para o acceso e ingreso nos corpos docentes. Estes temarios non chegaron a aplicarse, xa que foron publicados en novembro de 2011. A medida implica que se recuperen os temarios anteriores a esta última reforma.

Por sopresa e sen previa negociación na Mesa Sectorial do MEC, o Ministerio dá un novo golpe ás oposicións do ano 2012. Hoxe, martes 7 de febrreiro publica no BOE a anulación dos actuais temarios das oposicións. Se o Partido Popular xa semella que impuxo o seu criterio nas CC.AA. onde goberna para que non haxa oferta pública de emprego, agora coloca outro pau nas rodas dos escasos procesos selectivos que están previstos que se convoquen.

O MEC afirma que que hai razóns obxectivas para anular estes novos temarios e indica que está previsto que se modifique a normativa de acceso á función pública docente, coa modificación do sistema de oposicións.

O certo é que a xestión tanto do anterior equipo ministerial (PSOE) como do actual (PP) ao respecto das oposicións docentes é unha auténtica burla para todas aquelas persoas que pretenden acceder a un posto de traballo no ensino público non universitario no conxunto do Estado. Primeiro coa negociación en pleno verán dun novo sistema de acceso que xa no mes de setembro se desbotou, xenerando naquel momento unha absoluta incerteza nos opositores e opositoras. Depois coa publicación duns novos temarios no mes de novembro, cun goberno central en funcións e unha limitación marcada por aquel mesmo goberno dunha taxa de reposición de efectivos do 10%, o que supoñía unha extrema limitación para manter os actuais postos de traballo no sector público. Esta decisión do actual goberno español do PP é un paso máis nesta política de bandazos, cun desprezo absoluto as persoas que arestora puidesen estar a preparar as oposicións que está previsto que se celebren nalgunhas comunidades autónomas.

Malia o anterior, é obvio que o verdadeiro problema de fondo non fica só nun cambio de temarios feito tarde, mal e arrastro, senón na verdadeira intención da Xunta de Galiza de trasladar, como se dunha franquía do goberno central se tratar, a decisión do PP de non convocar oposicións este ano. A CIG-Ensino xa amosou a sú total desconformidade na Mesa Sectorial da semana pasada e protagonizou unha concentración en contra da decisión do goberno Feijoo de agredir novamente ao ensino público, desta vez coa decisión de non anunciar oferta de emprego no ensino público galego.

Volver