O IV convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores non foi asinado pola CIG-Ensino ao non respostar ás nosas reivindicacións nin ás dos traballadores e traballadoras

O pasado día 23 de decembro de 2020 todas as patronais do sector e só CCOO pola parte social asinaron o IV CONVENIO, hipotecando ate 2025 as condicións laborais e salariais dos traballadores/as

A CIG-Ensino non subscribiu este IV convenio por quedar moi lonxe das nosas reivindicacións iniciais (plataforma inicial propia con propostas en case todo o articulado do convenio) e das pactadas, a posteriori, na plataforma social conxunta con CCOO e UGT (centradas en 5 artigos ou apartados do convenio, polo interese en pechalo canto antes), pois as “melloras” que se producen son enganosas e de pouca relevancia para os intereses dos traballadores/as, quedando as condicións laborais e salariais hipotecadas no sector ate o 2025 e sen garantías de acadalas antes.

A denuncia do convenio fíxose algo máis dun ano antes de rematar o III coa finalidade de melloralo significativamente na xornada e nos salarios así como coa intención de adiantarnos ás renovacións de novos pregos, contratos, convenios,… coas administracións, co que se obrigaría a que estas tivesen que asumir esas melloras, evitándose así o seu incumprimento (como xa pasou co anterior convenio). Finalmente o IV convenio asínase sen acadar ningún dos dous obxectivos, xa que segue sendo máis do mesmo ou máis precario se cabe para @s traballador@s, como ben se deduce do feito de que “todas as patronais” do sector asinasen (cousa que nunca se vira) e de que pola parte social só o fixese CCOO.

PROPOSTA PARTE SOCIAL CONSENSUADA E DE MÍNIMOS PARA ASINAR UN IV CONVENIO CON MÁIS DUN ANO DE ANTELACIÓN DE REMATE DO III CONVENIO:

Os tres sindicatos presentes na mesa negociadora acadamos unha proposta conxunta, renunciando a moitas outras reivindicacións, co fin de asinar antes de fin de ano un novo convenio con melloras significativas no esencial, reparar desigualdades salariais e que o asinado tivera garantías de cumprirse nas súas datas, pois senón iríamos a unhas negociacións logo de rematar o convenio actual en decembro do 2021. Proposta feita:

Vixencia do convenio: desde o 2022 ata o 2024-2025, segundo avances.

Xornada laboral: reducila progresivamente para alcanzar unha xornada laboral de 37'5 horas/semanais como máximo durante a vixencia do convenio e unha xornada anual máxima de 1.672,5 horas.

Vacacións: 25 días laborables.

Permisos e licencias: 1 día de asuntos propios e adecuación de licencias a días laborables e comezo do cómputo para partir do seguinte día laborable do traballador.Lactación acumulada de 18 días laborables para ambos  proxenitores así como adaptación legal do texto do convenio (paternidade, maternidade,..).

Táboas salariais: suba dun 5% a un 7% sobre Salario Base (SB) bruto anual e complementos de reforma, dependendo vixencia convenio ate 2.024 ou 2025.

O salario base de 2022 será o resultante da suma do salario base de protección para cada posto de traballo máis a suma do seu Complemento Específico(CE), co cal se reduce o complemento específico de reforma (en 110€).

Equiparación do salario de todos os postos de traballo dentro do mesmo grupo profesional equiparándoos ao máis alto de cada un dos grupos.

Eliminar o grupo 4, pasalo ao grupo 3 e pasar mediador intercultural, aces e cociñeiro ao grupo 2.

Na vixencia do convenio o grupo 3 de protección ha de alcanzar os mesmos salarios que o grupo 3 de reforma, equiparándose os CEs. No resto a diferenza entre as táboas de reforma e protección reduciranse nun 50% ( CE), para iso a parte das subidas que se aplican en reforma, proponse un c.e. en protección que para o último ano supoña unha redución do 50% da diferenza actual con respecto ao de reforma neste caso sería de 150€ nos grupos 1A, 1B e 2.

Aplicación das táboas de reforma en todos os centros e programas que emanen da aplicación da Lei de Reforma Xuvenil.

PROPOSTA FINAL IMPOSTA POLA PATRONAL, ASINADA POR UNHA SOA OO.SS, INASUMIBLE NO CONXUNTO E VERGOÑENTA NALGÚN PUNTO PARA CIG-ENSINO:

Vixencia do convenio: ate 2025, que resulta abusivo polo longo prazo sen melloras significativas, máis neste contexto de crise sanitaria e económica, que empregou a patronal e que sempre había a posibilidade de negociar e con presión social en 2022…

Xornada laboral: manterase a xornada semanal máxima actual das 38,5h. e só se fará un axuste das horas anuais a 1.722h.(estaban infladas as 1.750h actuais) Aplicaranse a partir da renovación dos contratos, senón a partir do 31/12/2025. Un desprezo total!

Vacacións/Permisos e licencias: sen avances, polo que quedan tal cal están no III convenio. Só se creará un “grupo de traballopolos asinantes para facer unha adaptación de todo o texto do convenio á normativa legal actual, que xa é de obrigado cumprimento, e logo a patronal incluíu a“clasificación profesional”e a“xubilación forzosa”, que pasarán pola mesa negociadora. Esperemos que isto non supoña un novo paso atrás ou involución de dereitos para os traballadores/as, pola porta de atrás!!

Táboas salariais: suba dun 7% sobre SB bruto anual de protección (Salario Base + CE de 110€), distribuído a razón dun 1,75% cada ano. Exclúese por tanto do incremento as cantidades de CE en Centro de reforma que exceden de 110€ ( polo que a suba nestes centros é menor a esa %).Só aos Grupos 3 e 4, engádese un 0,5% de incremento, pasando a ser do 2,25% no 2025 ( 7,5% no total, insignificante nos salarios máis baixos).

Só se garanten 5€/mes no Salario Base cada ano,(suba do 0,35% e o 0,56%, segundo categoría) pois o resto da suba engadirase ao Complemento Específico correspondente, que só se cobrará a partir da renovación dos contratos/convenios coa administración, e en todo caso a partir do 31/12/2025. Ante un novo engano futuro, coma o III convenio? Que lles impide ás patronais e administracións prorrogar contratos , convenios,…?

Logo a discriminación salarial histórica no CE, reducirase 60€ distribuídos en 4 anualidades ao CE de Centros de Protección, a razón de 13,75€ mensuais ao CE cada ano( 2022 – 2024), excepto o ano 2025 en que serían 18,75€ mensuais. Tamén a cobrar previas renovacións, pois só estarán garantidos a partir do 31/12/2025.

Complementos funcionais de Dirección, Subdirección e Coordinación: estabelécense 4 niveis salariais por grupo en función do tamaño do centro e/ou o nº de traballadores/ as que se atopen no mesmo. Incluído pola patronal.

Desde a CIG-Ensino, cualificamos de engano este novo convenio asinado, mantendo a nosa coherencia sindical no que defendemos sempre no sector, avalados polos traballadores/as galegos/as que representamos. Non acada os obxectivos marcados.

É lamentable que a OO.SS maioritaria, de bolígrafo rápido e interesado, se pregase ás patronais, pois de manterse a unidade sindical e de presión poderíase ter avanzado moito máis, tal e como reivindica o sector en Galicia. Máis cando este contexto social actual non axudaba, só pode ir para mellor no futuro ( no 2022 remataba o III convenio), tendo que vir anos de IPC altos.

De novo as diferenzas de modelo sindical se evidenciaron e o pactismo, entreguismo, así como o ámbito de negociación estatal viciado e afastado dos traballadores/as, fixo que se asinase un convenio á medida das patronais do sector, amarrando a moi longo prazo unhas condicións laborais e salariais que non están á altura da profesionalidade e dos merecementos dos traballadores/as, que din representar.

Na CIG-Ensino seguiremos a demandar un Ámbito Galego de Relacións Laborais, co voso apoio na representación sindical, que garantan negociacións reais e nas que decidades os afectados/as e non as cúpulas sindicais como está a suceder na totalidade dos convenios estatais. Hai convenios galegos que nos dan a razón e incluso en empresas deste sector.

Accede ao IV convenio asinado no seguinte enlace.

O IV convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores non foi asinado pola CIG-Ensino ao non respostar ás nosas reivindicacións nin ás dos traballadores e traballadoras

Documento


Volver