O INSS farase cargo da xestión do Réxime de Clases Pasivas do Estado

O cambio de adscrición ministerial non afecta ás pensións de Clases Pasivas

O cambio implica o paso do Ministerio de Facenda ao de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, sen cambios nas prestacións ou xubilacións.

O RD-L 15/2020 publicado no BOE do 22 de abril regula a integración da xestión do réxime de Clases Pasivas no Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, deixando o de Facenda ao que sempre estivo adscrito. Transitoriamente será a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social quen se faga cargo da xestión. Posteriormente será o INSS quen xestione todo o relacionado coas xubilacións de CC.PP. 

No RDL indícase que o Estado transferirá o importe para o financiamento dos gastos pola xestión do sistema de Clases Pasivas. Estas pensións inclúense directamente no Orzamentos do Estado xa que non nacen das cotizacións á Seguridade Social como acontece coas pensións do Réxime Xeral.

O cambio non afecta ás prestacións, xubilacións, haberes reguladores nin ningunha outra característica deste réxime especial, no que están encadrados a inmensa maioría do profesorado xubilado e de todo aquel en activo que accedeu con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011

Clases Pasivas segue na vía de extinción.

Esa data supuxo unha fractura nos dereitos do profesorado funcionario de carreira, xa que colocou en vía de extinción Clases Pasivas e as melloras que en materia de xubilación anticipada ten. Isto, acompañado da reforma das pensións pactada polo goberno Zapatero, a patronal, UGT e CCOO., implicou un claro agravamento das condicións para acceder á xubilación de todo o profesorado que accedeu após esa data, encadrado no Réxime Xeral.  

CIG-Ensino defende o dereito á xubilación anticipada cos mesmo dereitos de Clases Pasivas para todo o profesorado, sexa de novo ingreso após 2011 ou interino e así o volveu alegar nas emendas ao proxecto de Lei da LOMLOE.

O INSS farase cargo da xestión do Réxime de Clases Pasivas do Estado

Documento


Volver