O incumprimento da Consellaría nas súas obrigas en materia de saúde laboral novamente ao descuberto: non realiza avaliacións de risco nos centros

Así se constatou na reunión coa Inspección de Traballo ao respecto das avaliacións de riscos dos centros previstas na Lei de Prevención de Riscos laborais a raíz da denuncia presentada pola CIG

A Inspección de Traballo da Coruña citou á Consellaría de Educación co obxecto de comprobar o grao de cumprimento da súa obriga de avaliación de riscos laborais. Na reunión tamén compareceu unha representación da representación legal dos e das traballadoras con presenza no Comité Intercentros de Saúde Laboral. A Inspección de Traballo requiriulle á Consellaría unha relación dos centros baixo a dependencia da administración galega que dispuxeran de avaliación específica ou que contasen con avaliacións de riscos por posto. Evidentemente esta citación emana da denuncia que a CIG fixo no outono en plena pandemia pola neglixencia de Educación na protección da saúde do persoal dos centros educativos.

Pois ben, na reunión comprobouse:

  • A pesar de que a Inspección requirira, xa o 22 de febreiro, a presenza dun técnico de prevención, este non compareceu, sen que a Consellaría puidese explicar a súa ausencia. Cómpre lembrar que o servizo de prevención de riscos foi privatizado e págaselle por este servizo á empresa CUALTIS. Si estaban na reunión unha persoa responsábel da administración educativa e membros das organizacións sindicais presentes no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral.
  • A Consellaría aportou en formato electrónico a avaliación de riscos de 24 centros educativos feitos entre 2019 e 2021. Hai que salientar que é obrigatoria esta avaliación, máis alá da situación de pandemia, e que así se lle esixe por parte da CIG nas escasas reunións que se fan no CISSL e, que aínda que segundo a administración eran “centros tipo” en Galiza hai aproximadamente 1200 centros públicos, polo que o número de avaliacións resulta ridícula. Constatouse ademais que non se lle trasladou aos representantes legais dos traballadores e traballadoras a información previa a reunión, nin se lles comunicaron as avaliació Unicamente a representante da Consellaría puido avanzar que están preparando a contratación desas avaliacións, mais sen concretar absolutamente ningún prazo.
  • Cando a inspección de traballo interpelou sobre algunhas cuestións recollidas nas avaliacións presentadas non obtivo resposta por parte de Educación, xa que non coñecían os pormenores destas, e o técnico responsábel de CUALTIS que tiña que estar na reunión non estaba.

A Inspección de Traballo deixa en evidencia á Consellaría e ponlle deberes.

Logo da falta de xustificación por parte da Consellaría de ter remitido toda a información pertinente á representación sindical así como da escandalosa insuficiencia dos centros avaliados, a Inspección de Traballo requiriu nunha dilixencia entregada ao remate da propia reunión o seguinte:

  • A Consellaría deberá xustificar o prego de contratación da avaliación dos perto de 1.200 centros educativos anunciado na reunión, achegando a planificación desta avaliación.
  • A Consellaría deberá achegar toda a documentación, incluído o prego de contratación e a planificación da avaliación de riscos á representación sindical.
  • A Consellaría debe cumprir coa obriga de reunirse trimestralmente co Comité Intercentros de Seguridade e saúde Laboral.
  • A Consellaría debe demostrar se existiu convocatoria aos delegados e delegadas de prevención dos 24 centros avaliados.
  • A Consellaría deberá facilitarlle os datos do técnico do Servizo de Prevención (CUALTIS) para que aclare todas as dúbidas que non se puideron solventar pola súa ausencia.

Nin se xoga coa saúde nin cos dereitos do persoal dos centros educativos.

A CIG amosa a súa satisfacción pola actuación da Inspección de Traballo e incidirá na mesma liña de denunciar todos e cada un dos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais, con pandemia e sen pandemia: coa nosa saúde non se xoga.

Unha administración seria debe colocar a prevención de riscos laborais do seu persoal no centro de atención das súas políticas en materia de persoal. Se os incumprimentos neste campo eran relevantes con anterioridade á pandemia provocada pola COVID-19, a situación de emerxencia provocada desde marzo de 2020 puxo novamente en evidencia o abandono e a desidia da Consellaría de Educación na protección da saúde das traballadoras e traballadores dos centros docentes.

A conclusión é lamentábel e o desleixo pola saúde laboral do persoal docente e non docente por parte da Consellaría, manifesto. Na CIG imos continuar denunciando a actitude irresponsábel e a conculcación dos nosos dereitos, aínda sendo conscientes de que a inspección de traballo está limitada para actuar contra unha administración e de que non existe unha vía de urxencia para obrigar a resolver todos os requirimentos da autoridade laboral e a depurar responsabilidades de todo tipo por parte dos cargos con responsabilidade política na toma de decisións e na neglixencia en materia de saúde laboral.

Volver