O Goberno municipal de Miño vota en contra da moción de apoio ás traballadoras da Escola Infantil

O persoal realizou unha nova protesta antes do inicio do pleno no que se debateu a iniciativa

Coincidindo coa celebración do Pleno municipal no que se debatía e votaba unha moción sobre o conflito na Escola Infantil "A Ceboliña", a CIG realizou unha nova concentración diante da Casa do Concello de Miño para esixir o cese da persecucións, que se respecten os dereitos das traballadoras do centro e a readmisión da educadora despedida en represalia por reclamar os seus dereitos. 

A protesta celebrouse antes de iniciarse o Pleno municipal, no que estiveron presentes varias traballadoras da Escola Infantil para seguir o debate da moción a través da que se demandaba o inicio inmediato da tramitación dun novo expediente de  contratación publica para a prestación do servizo, que se sancione á Novo Alicerce (a empresa que xestiona a escola) polos reiterados incumprimentos e que, por este motivo,  se lle impida participar na licitación. 

Porén, a iniciativa só recibiu o respaldo dos seis concelleiros e concelleiras do PSOE (grupo que presentou a moción), mentres que o PP (tamén con seis edís) e o alcalde (Grupo Mixto) votaron en contra da mesma. Por parte da formación popular nin sequera quixeron intervir no debate, mentres que o alcalde referiuse á importancia que ten para o Concello este servizo no que, afirmou, xa se 'produciron melloras' segundo un informe solicitado á empresa. Informe para o que, cómpre destacar, non se contou co parecer das traballadoras.  

Sobre o conflito laboral, recorreu á manida escusa de que a Administración non pode intervir xa que se trata dun problema entre a empresa e as traballadoras. Así mesmo,  o alcalde avanzou que o Concello vén de iniciar o proceso para a licitación do novo concurso, "polo que non entendemos o motivo para votar en contra da moción", apunta Alberte Amado, representante da CIG. 

Hai que lembrar que Novo Alicerce se atopa nunha situación de prórroga de contrato e estanse a abonar facturas mensuais con reparos da interventora municipal por incumprir a normativa en materia de contratación publica. Pero ademais, dende hai máis de medio ano estanse producindo situacións de acoso laboral, incumprimentos reiterados do convenio, atrasos no pagamento dos salarios, e a empresa mesmo despediu a unha educadora por ter reclamado os seus dereitos e xusto despois de comunicarse a convocatoria de eleccións sindicais na escola. 

Malia terse posto en coñecemento do Concello en reiteradas ocasións a situación laboral e o incumprimento das condicións recollidas nos pregos, até o momento non só non se produciu ningunha mellora, senón que incluso o nivel de presión e acoso se incrementou até o punto de que das sete traballadoras da escola, catro están de baixa médica.

Estas irregularidades tamén foron denunciadas tanto na Inspección de Traballo como na Consellaría de Política Social e na de Educación. 

 

Volver