O Goberno estatal impón unilateralmente unha suba salarial que incrementará a perda de poder adquisitivo no sector público

A Área Pública da CIG denuncia a convocatoria dunha Mesa Xeral na que o goberno imposibilitou calquera tipo de negociación e reclama a eliminación das taxas de reposición para poder crear emprego neto e recuperar a xestión dos servizos públicos

Na reunión da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas a Área Pública da CIG cualificou como insuficiente a proposta de suba do 2% imposta polo goberno de coalición para todos os empregados e empregadas públicas do estado cando o IPC interanual xa está no 4% e hai unha previsión de crecemento do PIB do 5,9%. O Ministerio de Función Pública ministerio convocou a reunión con menos de 24 horas de antelación e sen remitir documentación e presentouse cunha proposta pechada sen marxe para a negociación, desatendendo todas as propostas da CIG, entre elas a posibilidade de contemplar unha cláusula de garantía salarial, incrementando así a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público, que na última década sumou preto dun 10%.

Para garantir que a recuperación sexa real e efectiva a CIG propuxo que a suba sexa do 5% anual no período 2022-2024, estabelecendo unha cláusula de garantía salarial para este período e regular a recuperación das retribucións básicas íntegras na contía das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron recortadas xa no ano 2010 polo goberno de Zapatero baixo a escusa da crise, e que a día de hoxe non se recuperaron, sendo responsabilidade única e exclusiva do goberno español.

As taxas de reposición ou o control centralista do goberno

A Área Pública da CIG (Ensino, Administración Pública e Saúde) reclamou novamente ao goberno español a retirada completa das taxas de reposición, de maneira que se permita a creación neta de emprego en todas as administracións e a recuperación e reforzo dos servizos públicos.

O voceiro da Área Pública da CIG, Xabier Picón, denunciou as formas e contido dunha xuntanza que "máis ben foi unha comisión informativa que Función Pública despachou nunha hora, como mero trámite de obrigado cumprimento para a elaboración do Proxecto de Orzamentos do Estado, mais sen ningún respecto polo dereito á negociación colectiva".

Para o que si serviu a Mesa foi para constatar que o Goberno manterá as taxas de reposición de efectivos, impedindo deste xeito ás distintas administracións públicas poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.

Fronte a isto, explica Picón, a CIG pediulle "ao goberno, que se autodefine como o máis progresista da historia, que abandone o mantra neoliberal das taxas de reposición e permita ás administracións públicas crear emprego neto, para recuperar a xestión dos servizos públicos".

O Goberno estatal impón unilateralmente unha suba salarial que incrementará a perda de poder adquisitivo no sector público

Documento


Volver