O Goberno español aproba un Real-Decreto Lei con medidas urxentes no ámbito educativo sen pasar previamente pola Mesa de Negociación
O texto recolle a excepcionalidade da contratación de persoal interino sen mestrado, a habilitación para adaptar currículos, avaliación e promoción en diferentes etapas ou condicións para a realización das prácticas en empresas en FP e outras ensinanzas
Menos de 24 horas despois de reunir a Mesa Docente do Estado e sen presentar nela ningún documento, o Ministerio de Educación e FP leva ao Consello de Ministros un texto articulado sen previa negociación. O secretario xeral técnico limitarase na reunión coas organizacións sindicais a dar conta da petición unánime das CC.AA. de poder contratar docentes sen mestrado diante dos problemas que se poderían crear de se esgotaren algunhas listas de interinidades. Na reunión a CIG-Ensino pediu expresamente que o borrador da norma pasase pola Mesa de negociación. Á vista do acontecido fica claro que o Ministerio tiña totalmente preparado o documento desde a preceptiva reunión de subsecretarios previa a cada consello de ministros e ministras e, malia iso, optou por ocultarllo ás OO.SS. e levalo directamente a aprobación polo Goberno.
O texto incorpora no seu articulado novidades sobre:
- A contratación de profesorado interino sen mestrado de formación pedagóxica durante a pandemia. A norma afecta tanto a centros públicos como privados.
- A adaptación do currículo e das programacións didácticas
- A avaliación, programación e titulación en Primaria, ESO e Bacharelato
- A supresión indefinida das avaliacións finais impostas pola LOMCE en Primaria e na ESO
- A consideración dentro do calendario escolar como días lectivos cando non hai presencialidade, sempre e cando haxa atención e apoio educativo aínda que sexa a distancia. Esta modificación obedece á inseguridade xurídica creada pola imposición da semipresencialidade, entre outras pola Xunta de Galiza, sen ter unha norma que amparase a docencia non presencial.
- Medidas en FP, artes plásticas e deseño, ensinanzas artísticas, deportivas ou de idiomas, relacionadas coa realización de FCT, estadías ou titulacións.
Unha vez que se publique e entre en vigor o RDL, a Xunta terá que desenvolver normativa propia para acomodala á lexislación educativa propia de Galiza. A CIG-Ensino demanda que a convocatoria da Mesa Sectorial non demore e que se inclúan todos os temas que o sindicato foi propoñendo e denunciando nas últimas semanas.