
O goberno do Estado anunciou onte o peche definitivo da oficina de MUFACE en Compostela o 4 de agosto
A CIG convoca unha concentración diante da entidade para o martes 29 ás 11:30 horas á que chama a participar a todas as persoas mutualistas
Cómpre lembrar que MUFACE atende 91.648 persoas en Galiza, das cales 27.589 son persoal docente en activo. A condición de mutualista para determinados colectivos é obrigatoria independentemente do tipo de prestación sanitaria que escollan, ben a través do SERGAS, ben a través de Adeslas ou Asisa. Nos últimos anos o novo funcionariado de carreira está optando maioritariamente polo servizo público de saúde. Ademais de trámites relacionados con esta cuestión, MUFACE xestiona, entre outras, a prestación por incapacidade temporal, a tramitación da tarxeta sanitaria europea e a atención sanitaria no estranxeiro, así como prestacións e axudas sociosanitarias para as persoas mutualistas e as beneficiarias que dependan delas.
Falta de persoal. Este é o único argumento esgrimido pola directora xeral de MUFACe (Mutualidade de Funcionariado Civil do Estado) na reunión que tivo lugar onte en Madrid para anunciar o peche “inminente” da oficina que ten este organismo en Compostela e que xa vira mermados os seus servizos de atención pública nos últimos meses. Segundo explicou a representante do goberno central neste momento só hai unha persoa para atender esta oficina porque as dúas prazas que sacaron no concurso de traslados quedaron desertas. Así mesmo, a responsábel desta entidade pública argumentou que a maior parte do traballo que se realiza presencialmente ten a ver co visado de receitas e que a partir da entrada en vigor da receita electrónica para quen teñan asistencia privada “carece de sentido” manter esta oficina aberta. A comunicación oficial ás persoas mutualistas está prevista para mañá.
Durante a reunión o representante da CIG volveu insistir en que o desmantelamento da atención directa ás persoas mutualistas supón un exemplo máis do deterioro dos servizos públicos. Nun primeiro momento a dixitalización implicou unha redución de postos de traballo, dado que son as propias persoas usuarias as que realizan todos os trámites. Porén a administración do Estado presenta graves carencia de persoal, o que, unido ao anterior, supón un empeoramento na calidade da asistencia que se presta á cidadanía, neste caso ás persoas mutualistas obrigatorias e ás súas beneficiarias.
Segundo un estudo elaborado pola CIG, en novembro de 2024 había 1.460.772 de mutualistas no conxunto do Estado, dos cales 91.648 residían en Galiza. Cómpre lembrar que para determinados colectivos (persoal docente, Correos, Policía e certos traballadores e traballadoras da administración xeral do Estado) é obrigatorio pertencer a MUFACE. O único que pode escollerse é o sistema de prestación sanitaria, é dicir entre o SERGAS ou as dúas entidades privadas que mantiveron a chantaxe ao goberno central até conseguir que se incrementase o concerto para o bienio 2025-2027 en 1.276,5 millóns de euros respecto do anterior. Porén, malia este incremento a calidade asistencial non deixou de empeorar por parte destas dúas entidades privadas (en Compostela desde xaneiro de 2024 non hai asistencia a partos nin para aseguradas de Adeslas nin de Asisa e durante uns meses este ano non se prestou o servizo de urxencias hospitalarias para as persoas adscritas á primeira).
Recentemente o novo funcionariado docente que ingresa na función pública e que ten que pertencer obrigatoriamente a esta Mutualidade opta de forma maioritaria pola prestación sanitaria pública, tal e como recomenda a CIG.
Con todo, MUFACE realiza outras xestións, ademais da prestación farmacéutica, a prestación sanitaria no exterior, axudas sociosanitarias, subsidios en situación de IT ou de embarazo de risco... que, de manterse esta decisión, implicará que as persoas mutualistas de Compostela só poderán resolver ou ben de forma telemática ou presencialmente desprazándose ás oficinas da Coruña
Concentración o próximo martes ás 11:30 horas
Para presionar para que se manteña aberta esta oficina, a CIG convoca a todas as persoas mutualistas a concentrarse diante das dependencias de Muface en Santiago, na Avenida Rosalía de Castro, número 23, ás 11:30 horas. Ademais de todas as incidencias que poden producirse de forma telemática e que precisan ser resoltas mediante atención directa, o mantemento deste servizo faise imprescindíbel para o colectivo de xubiladas e pensionistas.