
O Goberno central do PP pretende desmantelar o ensino público e volver ao Estado preautonómico
Duro ataque contra os piares fundamentais de calquera sociedade
“A gravidade deste recorte supón o desmantelamento da Educación como servizo público, a diminución da calidade do ensino e o incremento do fracaso escolar, repercutindo especialmente nas clases sociais máis desfavorecidas. Estamos ante unha medida que vai engrosar todo un ronsel de recortes que permanentemente o goberno do estado e o goberno galego están a aplicar na Administración pública, nas prestacións sociais, nos dereitos laborais e nos servizos públicos.”
A CIG-Ensino valora que estamos ante unha medida que confirma que o goberno do PP no Estado, en lugar de gobernar, incentivar o emprego, aplicar unha fiscalidade progresiva, atacar a fraude pública e deixar de inxectar diñeiro público aos bancos, acepta os mandatos do capital transnacional como alumno avantaxado, acatando as medidas antisociais que lles marca o poder financeiro e as grandes corporacións, mediante as institucións que teñen ao seu servizo para continuar co grande negocio que para eles supón a débeda e o déficit público.
Para a CIG-Ensino, é inadmisíbel o silencio cómplice que está a manter o Conselleiro de Educación, actuando como un delegado do goberno central e non como un Conselleiro que debería impedir a intromisión do goberno central nas competencias da Consellaría de Educación e opoñerse a máis recortes na educación en Galiza.
As galegas e os galegos coñecen xa, porque os sofren, os recortes levados a cabo na Educación pública en Galiza e agora estamos ante unha actuación que pretende arrasar con todo o conseguido até agora no ámbito educativo, pois de executarse, esta medida suporía un novo recorte de dimensións incalculábeis. Un recorte ao que lle hai que sumar a redución de 507 millóns de euros que a Educación sufriu desde o ano 2007 en Galiza, os recortes habidos en profesorado, ás múltiples carencias actuais nos centros que seguen sen ser atendidas e a redución nun 20 % que apareceu na proposta de orzamentos do Estado de 30 de marzo do diñeiro transferido polo goberno central ás administracións educativas que se traducirán en liquidar programas contra do fracaso escolar e na redución, entre outras, da oferta de prazas de 0-3 anos e da introdución das Tecnoloxías da Información nos centros públicos.
A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que baixo ningún concepto aplique ningún tipo de medidas que supoñan recortes no ensino público, empeoramento das condicións laborais do profesorado e redución da calidade do ensino. Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino anuncia que chamará ao profesorado a mobilizarse de persistir os ataques e os recortes na educación galega, á que o Partido Popular pretende converter nun factor de discriminación, desigualdade e exclusión social, no lugar de tratala como o que é, un alicerce fundamental para unha sociedade máis xusta.