O Fondo de Acción Social para este ano mantén os recortes de 2012

Once anos despois o profesorado segue sen recuperar as axudas que tiña este Fondo que se limitan unicamente á atención de persoas con discapacidade.

A Xunta de Galiza segue facendo gala da mesquindade co seu persoal e non recupera ningunha das axudas que tiñamos até o ano 2012 a respecto de xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos

Todos estes recortes no coñecido como FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado a limitación presupostaria que se impuxo naquel momento.
Na proposta que nos presenta a administración para este ano a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, pasando dos 13.300 euros do ano pasado aos 13.510. A contía desta axuda fica en 2.160 euros por beneficiario/a igual que no ano 2021 e 2020, perdendo como mínimo o IPC que,  lembramos, rolda o 8% anual.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:
Recuperación de todas as modalidades (axudas) do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.
Recuperación dos importes sustraídos no 2011 e chegar ao 1% da masa salarial.
Compatibilización das axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
● Que todas as axudas que se concedan sexa proporcionais ao nivel de renda das familias.
Igualar as modalidades (axudas) ás que teñen dereito compañeiros/as que pertencen a MUFACE.
● Solicitamos que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral, por unha soa vez, ata que se perda o dereito a cobrala. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e, dado que vai case con dous anos de retraso, podería quedar sen cobrar se cambian as circunstancias da persoa causante e/ou a solicitante.
● No referido ás solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén por rexistro, tal como pararece no artigo 5.
● Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación debe facerse canto
antes para así podermos garantir o pagamento do FAS dentro do presente ano.
● Que estas alegacións da CIG cheguen a alguén con capacidade para cambiar o Fondo de Acción Social, e con vontade política para querer facelo.

COMPARATIVA

No 2009 (hai 14 anos) tiñamos…
1. Xubilación 700.000 euros
2. Discapacidade 1.500.000 euros
3. Fillos/as menores 1.510.000 euros
4. Estudos fillos/as 2.459.537 euros
5. Est. traballador/a 200.000 euros
6. Vivenda 966.855 euros
7. Maiores a cargo 350.000 euros
8. Gastos sanitarios 450.000 euros

Total 8.136.392 euros

E, para o 2023, isto é o que hai...
Axuda única: Atención de persoas
con discapacidade

Total 2.000.000 €

En definitiva, queremos un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poida acoller todo o persoal empregado público da Xunta que nos permita recuperar a perda durante todos estes anos de poder adquisitivo e de dereitos mentres sostivemos con moita dignidade e calidade os servizos públicos do noso país. 

Volver

Novas relacionadas