O feminismo galego de clase toma as rúas para esixir traballo, igualdade e salarios dignos

Milleiros de traballadoras mobilizáronse por todo o país este 8 de Marzo convocadas pola Secretaría das Mulleres da CIG

No Día Internacional das Mulleres Traballadoras, milleiros de mulleres saíron á rúa para denunciar as discriminacións que seguen a padecer e alertar de que a lexislación en igualdade non serviu para reducir nin eliminar a fenda salarial nin para garantir unha valoración xusta dos sectores feminizados e unhas retribucións iguais para traballos de igual valor.

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, participou na manifestación de Vigo, a cuxo remate tomaron a palabra traballadoras de sectores feminizados como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), residencias de persoas maiores ou dependentes, sanidade privada e escolas infantís de 0 a 3 anos para explicar as súas problemáticas laborais.

A continuación deuse lectura a un manifesto para lembrar que cada 8 de Marzo as traballadoras ocupan o espazo público “para reivindicar a igualdade que aínda está lonxe” e en lembranza de todas as mulleres das clases populares “que a historia patriarcal esqueceu e que hoxe son para nós referente de autoorganización e de loita: as que hai máis de cen anos se arrepoñían contra as inxustizas, de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo; as dos tumultos da segunda década do século pasado contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos; as labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil ou as cigarreiras dos motíns polos dereitos laborais". No manifesto destacábase que as denuncias de Rosalía de Catro seguen “plenamente vixentes” na actualidade, “cando falaba das penurias das mulleres das clases populares, da cousificación das mulleres, do individualismo egoísta, da dependencia de Galiza a respecto do Estado, da súa crítica profunda da burguesía co seu arsenal de novas imposicións e dogmas que non fixeron máis que afondar nas discriminacións e na precariedade que sufrimos as mulleres traballadoras”.

No texto apelábase tamén á importancia dunha data “na que denunciarmos as violencias e discriminacións que se exercen sobre todas nós, cuestionando os privilexios no marco dunha estrutura social que se basea en asimetrías e xerarquías que reproducen desigualdades, e apostando por saírmos ás rúas para visibilizar e esixirmos os nosos dereitos”.


Parcialidade na contratación

Como exemplo da precariedade sinalouse o que acontece cos coidados, “que na pandemia o neoliberalismo esixía poñer no centro das políticas mais no canto de incrementar o investimento público en sanidade e servizos sociais produciuse un medre da oferta de emprego relacionado coa súa mercantilización”.

De igual xeito, nos traballos feminizados é onde máis parcialidade se dá na contratación, así como a temporalidade e os baixos salarios. De feito, a maior parte da porcentaxe da fenda salarial orixínase nesa temporalidade e parcialidade, ao que hai engadir a desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais.

“A última reforma laboral foi vendida como unha ferramenta para rematar coa precariedade, especialmente entre as mulleres; pero en realidade non fixo máis que alongar as fendas de xénero existentes antes da súa aprobación porque máis da metade dos contratos fixos-descontinuos están subscritos por mulleres, menos da metade das mulleres teñen contratos indefinidos a tempo completo, a porcentaxe de mulleres a tempo parcial con contrato indefinido non chega ao 20%, a de mulleres con contrato temporal case chega ao 30% e a inmensa maioría dos contratos a xornada parcial foron asinados por mulleres”, incidiuse no manifesto.


Aumento do SMI

A CIG-Ensino defende que para atallar a parcialidade involuntaria, sexa por coidados ou por outros motivos, é esencial reducir a fenda salarial que aumentou até os 4.687 euros en 2023 (o 18,4%). Ademais, a proporción de mulleres con ingresos inferiores ao SMI incrementouse até o 40,5% en 2023. “Polo que termos un salario non significa deixarmos de ser pobres”, indicou a secretaria das Mulleres. Por iso, unha das reivindicacións da CIG é a de situar o SMI cando menos nos 1.320,04 euros (o 60% do salario medio no Estado español, como recomenda a Carta Social Europea).

Outras medidas necesarias pasan pola ampliación dos permisos retribuídos, facilitar as adaptacións de xornada e dispor duns servizos públicos que cubran as demandas reais e sirvan de apoio ás mulleres traballadoras con persoas maiores, crianzas e dependentes a cargo. “Tamén temos dereito a traballar sen sermos acosadas ou violentadas, polo que esiximos que se elaboren e cumpran os plans contra o acoso nas empresas e administracións e que a inspección estea vixiante e castigue de forma exemplar a violencia contra as mulleres no traballo”, engadiu.

Finalmente, no manifesto fíxose fincapé en que os avances na consecución dos dereitos das mulleres virá da loita “como mulleres e como traballadoras”. Ambas as dúas loitas son indisolúbeis. 

Participación significativa das docentes e traballadoras do ensino privado

Como non podía ser doutro xeito nun sector fortemente feminizado como é o ensino, tanto nas mobilizacións da mañá como nas da tarde convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, houbo unha presenza moi activa de docentes e delegadas sindicais da federación de Ensino. Un sector no que tamén se manteñen as desigualdades entre homes e mulleres e no que a CIG traballa para erradicar todos os tipos de acoso e violencia machista nos centros educativos. Nestes momentos, nos que a negociación do Plan de igualdade da Consellaría de Educación está totalmente paralizada cómpre máis ca nunca poñer en marcha medidas que atallen as desigualdades en cuestións como a promoción profesional, as condicións de traballo, incluída a fenda salarial e as diferenzas de cotización entre mulleres e homes (excedencias, reducións de xornada…), a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo, a saúde laboral en clave de xénero etc.

Así mesmo, é preciso actualizar os plans de coeducación en todos os centros educativos que, entre outros, deben recoller aspectos tan fundamentais como a promoción dunha linguaxe non sexista, a desheterosexualización da escola, a revisión do uso de espazos comúns desde unha perspectiva de xénero (tipo de xogos dominantes nos recreos, número de libros de autoras/autores na biblioteca etc) e propostas didácticas que corrixan as necesidades detectadas.

No sector privado no que ten unha importante representación a CIG-Ensino, tamén fortemente feminizado, (escolas infantís privadas de 0 a 3 anos, atención a persoas con diversidade funcional, centros de menores, e ensino non regulado), a federación ten conseguido importantes melloras para as traballadoras malia a dificultade dos convenios estatais asinados en case todos os casos polas centrais estatais que pactan perpetuar a precariedade das condicións laborais. Mais os avances reais só virán da mobilización até conquerir como primeiro paso un marco galego de relacións laborais que nos permita negociar en Galiza as condicións das traballadoras destes sectores, así como da presión á patronal por todas as vías posíbeis para que se vaian conquistando novos dereitos tanto a nivel salarial como de conciliación, permisos, xornada etc.

Volver