O feminismo desborda Galiza para reclamar igualdade este 8 de Marzo

A CIG-Ensino participou nas mobilizacións convocadas por Galegas 8M pola tarde ao longo de toda a xeografía galega

Ducias de milleiros de persoas ateigaron as rúas das vilas e cidades galegas para clamar pola igualdade de dereitos e contra o machismo e a discriminación. Superando o poder de convocatoria do ano pasado, as manifestacións máis numerosas concentráronse na Coruña, en Vigo e Compostela, despois dun día de folga cunha alta participación de mulleres, sobre todo nos sectores máis feminizados da administración, entre os que non podía ser doutro xeito se atopa o ensino. Universidades, institutos e colexios tiveron que parar a súa actividade normal pola ausencia maioritaria das compañeiras mestras e profesoras que fixeron folga para reclamar un ensino despatriarcalizado, coeducativo e en chave feminista.

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, cualificou este 8 de Marzo dunha “xornada histórica aínda maior que a do ano pasado” mais advertiu que “non pode quedar en saco roto”, esixindo que “dunha vez por todas os gobernos deben acometer reformas legais e sociais dirixidas a rematar, dunha vez por todas, co machismo que está tan arraigado nas institucións".

Advirte que non abonda con parches oportunistas como o RD de medidas urxentes para garantir a igualdade de trato e oportunidades no emprego e na ocupación publicado ás vésperas do 8 de marzo (cando o Goberno de PSOE tivo 9 meses para parilo e que non veu acompañado das tan ansiadas derrogacións das reformas laborais, de pensións ou da LOMCE, nin tampouco de medidas dirixidas a aumentar a duración da prestación por maternidade estancada en 16 semanas de forma xeral desde hai décadas)".

Desde a Secretaría das Mulleres incidiron en que os gobernos non poden ignorar o chamamento que lle vén de facer o movemento feminista na súa diversidade. “A pesar das dificultades que supuxo poñer en marcha unha convocatoria de folga só de mulleres de 24 horas, onde tivemos que facer fronte a uns servizos mínimos completamente abusivos e á convocatorias doutras centrais sindicais españolas que facían un chamado á folga laboral dos homes, a paros parciais nos que tamén eles eran os protagonistas (chegando ao insulto e ao esperpento de que as valoracións sobre a xornada do 8M foron feitas polos homes de CCOO e UGT). O certo é que o intenso traballo das mulleres durante estes meses, tanto por parte do feminismo de clase como do resto de colectivos e mulleres organizadas en Galegas8m, fixeron posíbel que as mulleres pararan durante a xornada, participaran en piquetes informativos chamando á folga e ás mobilizacións, e ao tempo puxéramos no foco da atención as discriminacións e as violencias que sufrimos desde crianzas até a vellez polo mero feito de sermos mulleres e a necesidade dun apoio real e firme por parte das institucións á problemática dos coidados que estamos a resolver e paliar co suor e a vida de moitas mulleres".

O que vimos de facer hoxe nas rúas do país forma parte dun movemento mundial. Hoxe, tal e como fixeron as nosas antergas hai máis dun século, unímonos na loita común, ocupamos todo o espazo público que normalmente nos está vetado no marco dun paro internacional que está a reunir a millóns de mulleres en moitos países do mundo.

Posta en valor do traballo das mulleres da CIG

Corral puxo ademais en valor o traballo desenvolvido polas compañeiras da CIG, que participaron en multitude de asembleas nos centros de traballo e de ensino, en repartos e na divulgación das convocatorias de concentracións e mobilizacións, tanto as impulsadas polo sindicato durante a xornada de folga, como as xuntanzas, actos e mobilizacións convocadas por Galegas8m.

"Non foi un traballo doado, xa que tiveron que facer un verdadeiro labor pedagóxico para explicar os catro eixos da folga (o laboral, o estudantil, o de coidados, e o de consumo), ou por que os homes que se consideran aliados na loita contra o patriarcado debían quedar nos seus postos de traballo, mais estes debates serviron para levar a denuncia da situación de discriminación que sufrimos as mulleres a todos os centros de traballo sen excepción, o cal xa é de por si un éxito", valora Corral.

Ducias de milleiros nas manifestacións da tarde

A xornada deste 8 de Marzo rematou con multitudinarias manifestacións en toda Galiza convocadas polo movemento feminista galego a última hora da tarde, "que se as sumamos ás convocadas pola mañá polas mulleres da nosa central sindical supoñen un peche histórico a un día de loita. Logo de tantos anos de ser utilizado como mera conmemoración, o 8 de marzo, por fin, comeza a beber das súas orixes e a retomar o seu carácter revolucionario. Que o poder tome nota das nosas esixencias. Comeza a conta atrás. Nesta ocasión non imos permitir que vaian de farol. Se nós paramos o mundo para. Que o teñan en conta".

Volver