O Ensino irá á folga para frear as agresións contra o ensino público e contra o profesorado

Anxo Louzao asegura que é a única alternativa que lle queda ao profesorado, neste “ano negro” para o ensino público

A CIG Ensino fai un chamamento a participar activamente nas mobilizacións previstas contra os Recortes no ensino público. PARO DE BRAZOS CAÍDOS o 20 de setembro. FOLGA e MANIFESTACIÓN os días 21 e 27 de setembro.

O ensino irá á folga xeral os días 21 e 27 deste mes. O profesorado está chamado ademais a unha folga de brazos caídos testemuñal, o día 20 das 10:00 ás 10:30 horas. Así o anunciaron as organizacións sindicais do ensino, esta mañá nunha rolda de prensa na que Anxo louzao demandou da consellaría un xiro “copernicano” nas súas políticas. O secretario nacional de CIG-Ensino non descartou que haxa que convocar máis mobilizacións, ademais das anunciadas, dada a grave situación á que se enfronta o ensino público e o deterioro das condicións laborais do profesorado.

 

Lembrou que a consellaría vén adoptando toda unha serie de medidas, “de forma unilateral”, que están a empeorar a calidade do ensino público e as condicións do profesorado. A este respecto sinalou a ampliación do horario lectivo; a imposición de realizar tarefas que non lle corresponden; a desaparición de 1.200 postos de traballo, a supresión de 126 unidades ou o peche de 14 unitarias, entre outras.

 

Alén diso, denunciou a decisión do goberno do PP de recortar, de aquí a final de ano, un total de 8,7 millóns de euros que xa estaban consignados nos orzamentos deste ano. Un recorte que afecta ao ensino público, mentres se reforza o ensino privado-concertado coa creación de novas unidades ou a asignación extra de 220.000 € para centros concertados que imparten educación especial.

 

O secretario nacional de CIG-Ensino asegurou que se persegue ao profesorado, mandando constantes mensaxes de desprestixio “que poñen en tea de xuízo o noso traballo”. Entende que con esta política de propaganda a consellaría trata de xustificar medidas que van “en detrimento da calidade do noso traballo” e que se toman sobre un colectivo ao que xa se lle reduciu, nun 7%, o seu salario ou ao que se lle eliminou o dereito á xubilación anticipada”.

 

Louzao advertiu que isto terá consecuencias na calidade do ensino público nun ano no que hai máis alumnado e menos profesorado, o que provocará a masificación das aulas, imposibilitará os desdobres e a atención á diversidade ou atención individualizada, para loitar contra o fracaso escolar.

 

O secretario nacional de CIG-Ensino cualificou este curso escolar como “ano negro” para o ensino público e fixo un chamamento á consellaría para que “reconsidere a súa posición, faga un xiro copernicano e que se aveña á cordura e ao consenso”. Do contrario, aventurou, non se descartan máis mobilizacións ademais das xa convocadas.

Volver