O Ensino continuará mobilizándose en outubro contra as políticas regresivas da consellaría de Educación

Anxo Louzao lembra que Galiza ten competencias exclusivas en materia de Educación e que é en Galiza, polo tanto, onde hai que exixir que se muden

As mobilizacións culminarán coa convocatoria dun referendo, o día 25, para constatar o masivo rexeitamento do profesorado á ampliación da xornada lectiva e á imposición da obriga de vixiar o transporte escolar.

A CIG-Ensino presentou esta mañá, en rolda de prensa, as mobilizacións previstas para este mes de outubro, logo de valorar moi positivamente a participación do profesorado nas convocadas até o de agora: unha xornada de brazos caídos de media hora, catro manifestacións multitudinarias e dúas folgas xerais que foron secundadas de forma maioritaria. Anxo Louzao criticou a actitude do conselleiro de Educación, ao que acusou de “mentir” canto ao seguimento destas mobilizacións e de intentar “manipular” á opinión pública ao afirmar primeiro que se trata de mobilizacións “políticas” e despois “sindicais”. “Di que as medidas propostas por nós son políticas, como se as postas en práctica pola consellaría foran decididas por un club de fútbol ou unha asociación de veciños”, afirmou.

A CIG-Ensino vai promover que todos os centros públicos de Galiza aproben resolucións nas que, alén de explicitar o seu rexeitamento á política educativa e aos recortes aprobados pola consellaría de Educación, se plasmen as deficiencias dos propios centros canto a profesorado, persoal administrativo e recursos. Xunto a isto, convocará actos simultáneos de protesta contra estas medidas, en todos os centros do país, o día 11 de outubro, durante o recreo.

Para o día 18 de outubro, facendo extensivo o chamamento a toda a comunidade escolar, incluídas nais e pais, convoca concentracións nas sete cidades e en vilas como Foz, A Garda e Vilagarcía.

As mobilizacións culminarán coa convocatoria dun referendo, o día 25, para constatar o masivo rexeitamento do profesorado á ampliación da xornada lectiva e á imposición da obriga de vixiar o transporte escolar.

O secretario nacional de CIG-Ensino considerou “deplorable” a actitude do conselleiro de Educación por intentar “desvalorizar, desacreditar e desprestixiar” ao profesorado.

Fronte á acusación demagóxica da consellaría de que as mobilizacións convocadas até o de agora son “políticas”, sinalou que son resposta á actuación “dun goberno, cunhas directrices e unha ideoloxía moi clara de ataque aos servizos públicos”. Neste sentido, lembrou que durante o franquismo tamén se trataba de disuadir a poboación cos mesmos argumentos para que non se opuxeran ao réxime. “As directrices que emanan da consellaría son políticas e calquera rexeitamento que se faga a elas tamén o é”, afirmou.

Do mesmo xeito, canto ás acusacións de que son “mobilizacións sindicais”, Louzao considerou que o que subxace detrás desta afirmación “é unha visión reaccionaria da sociedade. As organizacións sindicais representamos as traballadores e traballadoras de ensino, somos elixidos/as como delegados/as cada catro anos e canalizamos as súas propostas e reclamacións. Polo tanto, estamos actuando con total lexitimidade. Estas mobilizacións están protagonizadas polo profesorado, que é quen as está a levar a cabo, e os que facemos a acción sindical máis directa somos tamén profesores/as”.

Xunto a iso, acusouno de “mentir descaradamente” ao infravalorar o seguimento da folga “e así se demostrará cando nos fagan os descontos” e interpretou como unha “barbaridade” que afirmara que o profesorado non fora á folga porque estaba de acordo coa ampliación do horario e coa responsabilidade de vixiar o transporte escolar.

A preguntas dos xornalistas, respecto da unidade sindical, Louzao lembrou que a CIG-Ensino convocou as organizacións sindicais para o pasado venres a unha xuntanza na que se acordaron estas mobilizacións de forma unánime, coa única dúbida expresada por algunha organización respecto da convocatoria do referendo.

En todo caso, a respecto da mobilización convocada en Madrid para o vindeiro día 22 de novembro, sinalou que as outras organizacións sindicais, de carácter estatal, “supeditan a súa actividade sindical á decidida nas súas estruturas en Madrid” e engadiu que “a nós non nos parece moi acertado, porque Galiza ten competencias plenas, e toda a problemática que temos neste momento só pode resolvela a Consellaría de Educación, que foi a que nos trouxo aquí e é a que nos pode sacar”.

Por iso, considerou que non se pode desviar a atención porque “quen levou a cabo estas medidas regresivas foi o goberno galego que é quen ten potestade para facer un xiro de 180 graos nas políticas educativas. Por iso, non podemos despistarnos nin orientar as nosas reivindicacións cara a Madrid”.

Neste sentido, subliñou que foi a consellaría de Educación quen recortou no 6,7% os orzamentos, “non o Ministerio de Educación nin outra comunidade autónoma” e lembrou que “é en Galiza onde se están desviando 250 millóns de euros ao ensino privado; é exclusivamente en Galiza onde se concertan nove unidades máis no ensino privado concertado; é en Galiza onde se nos amplía en catro horas o noso horario lectivo; é en Galiza onde temos que facer vixilancia do transporte escolar; é en Galiza onde temos mil profesores menos e é en Galiza onde temos que resolver o problema, porque é a Consellaría de Educación a que ten as competencias para facelo”.

O Ensino continuará mobilizándose en outubro contra as políticas regresivas da consellaría de Educación

Volver