O Encontro Nacional de Mulleres da CIG acorda convocar folga de mulleres para o vindeiro 8 de Marzo

As asistentes analizaron a precarización e perda de dereitos derivada da pandemia

Se nos anteriores 8 de Marzo había razóns sobradas para xustificar as convocatorias de folga de Mulleres, a precarización das condicións laborais, a perda de dereitos e a sobrecarga de traballo a consecuencia da pandemia fan que esta convocatoria teña aínda máis sentido para o 8 de Marzo de 2021. Esa foi a conclusión á que chegaron as delegadas da CIG que participaron onte no VII Encontro Nacional de Mulleres tras analizar, sector por sector, as graves consecuencias da crise sanitaria. Un Encontro no que acordaron convocar Folga de Mulleres para o vindeiro 8 de Marzo.

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, arrincaba a súa intervención no Encontro lembrando que o pasado 8 de Marzo o feminismo galego escollía como lema “Sen Coidados Non Hai Vida”. Unha afirmación que se confirmaba unha semana despois coa emerxencia sanitaria “ao evidenciarse a importancia fundamental do traballo doméstico e de coidados, mais tamén, ao quedar as mulleres expostas de maneira desproporcionada ao virus, dado o seu papel predominante como coidadoras no ámbito familiar e como traballadoras nos sectores sanitario, sociosanitario, limpeza, comercio, empregadas de fogar…”

Denunciou que nin o Goberno da Xunta nin o do Estado adoptaron medidas para alixeirar esa sobrecarga física e psicolóxica. “Nin fomos, nin somos obxecto dunha protección especial, nin se puxeron en marcha políticas públicas para reducir a fenda de xénero, reforzar e revalorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas”, ao entender de Corral, porque “foi o capital quen xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta”.

Teletraballo ou máis traballo para casa

A secretaria das Mulleres denunciou ademais que se vendeu a fórmula do traballo a distancia, tanto pola patronal como pola administración, como alternativa de conciliación. “Rematou sendo unha trampa na que as mulleres se viron obrigadas a realizar xornadas extenuantes, sostidas cos seus propios medios e ferramentas de traballo, en moitos casos”.

Lembrou que durante o confinamento a CIG instou a que se adoptaran toda unha serie de medidas en materia de conciliación e a que se incrementara, de forma substancial, o investimento público en coidados para rematar coa precariedade das profesións relacionadas co coidado. Medidas que, obviamente os gobernos ignoraron.

Nese sentido salientou a campaña que a CIG ten en marcha por un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, para que os recursos e os servizos sociais deixen de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións dignas e estables para as persoas traballadoras.

No Ensino tamén sobran motivos para a folga.

As delegadas da Federación de Ensino puxeron de manifesto as dificultades que tiveron que enfrontar, poñendo os seus propios medios durante o confinamento, para poder reconverterse ao ensino telemático dun día para outro sen ningún tipo de apoio nin estrutura por parte da administración. Tamén neste caso cae maioritariamente sobre os seus ombreiros compaxinar teletraballo con coidados de crianzas, maiores ou dependentes a cargo. No que ten que ver co novo curso subliñaron a ausencia de medidas de prevención efectivas nas aulas, cunha especial exposición ao virus nalgunhas etapas educativas, como Primaria, Infantil e Educación Especial, o que levou a convocar dúas xornadas de folga en setembro. Así mesmo, os continuos bandazos da administración ao respecto da obrigatoriedade ou non de ir aos centros cando se conviva con persoas sospeitosas de contaxio están poñendo en risco a saúde de toda a sociedade en xeral por falta de medidas eficaces por parte da administración: probas PCR, rastrexadores, substitución de persoas confinadas ou en illamento preventivo...

Pola situación vivida até o de agora e pola que aínda se prevé nos próximos meses, sen que se produza un cambio claro de paradigma ao respecto da conciliación e da protección da saúde das mulleres, a CIG-Ensino fai un chamamento a todas as docentes a implicarse no traballo previo á Folga do 8 de marzo para que sexa de novo un éxito como o foi nas últimas convocatorias.

Volver