O día mundial do persoal docente reivindica o papel do profesorado na pandemia para garantir o dereito á educación

O 5 de outubro a CIG-Ensino, dentro da Internacional da Educación, lembra os logros e os desafíos do profesorado nestes tempos tan difíciles nos que as desigualdades no ensino se viron acentuadas

Un ano máis ponse de manifesto a necesidade de seguir organizándonos e mobilizándonos para reclamar a gratuidade, universalidade e igualdade na educación pública que se viu claramente afectada pola pandemia.

Baixo o lema "Liderado docente en situacións de crise", a Internacional da Educación, da que forma parte a CIG-Ensino, commemora o Día Internacional do Docente un 5 de outubro máis. Nun ano no que máis do 90% da poboación estudantil mundial estivo sen escolarizar durante a maior afectación da pandemia, a CIG-Ensino quere poñer en valor a figura do persoal docente que fixo o imposible porque o dereito á educación continuase. Aínda sendo conscientes de que nada substitúe á presencialidade, o profesorado volcouse na adaptación do seu traballo á teledocencia e no mantemento do contacto e na atención emocional ao seu alumnado. Pero esta situación tamén serviu para agudizar as desigualdades de acceso a esta formación online por parte das familias sobre todo e para poñer de manifesto as carencias de moita da poboación estudantil no mundo, nomeadamente da máis vulnerábel. Tamén aquí en Galiza a falta de escolarización presencial tivo consecuencias moi negativas para o alumnado con NEAE e para todo aquel que, en certa medida, atopa amparo na escola e nos servizos complementarios ante situacións familiares ou socioeconómicas complexas.
Durante estes tempos difíciles, a CIG-Ensino lembra a importancia de seguir mobilizándose para acadar os obxectivos principais: o acceso universal a unha educación pública gratuíta e igualitaria, así como por mellorar a calidade da mesma. Así mesmo, reivindica a figura primordial que debe ter a profesión docente na sociedade e que debe ser valorada e dignificada polas administracións públicas que, no caso do contexto galego, non estiveron á altura das circunstancias na xestión da crise educativa derivada da crise sanitaria.
Un 5 de outubro máis, a xornada debe ser reinvindicativa para seguir avanzando na transformación social que só é posíbel a través da educación e que deben liderar as e os docentes comprometidos cunha profesión tan esixente coma necesaria.

Volver