O día do orgullo tamén nas aulas!

Material didáctico para traballar a diversidade LGTBIQA+

A CIG-Ensino edita cada curso unha serie de propostas didácticas relacionadas coa coeducación e co respecto pola diversidade de xénero e afectivo-sexual en datas próximas ao 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+.

A diversidade de xénero e afectivo-sexual é a única conmemoración do calendario escolar sen data, como xa temos denunciado en reiteradas ocasións. A proposta da CIG-Ensino é que se busque unha data alternativa ao 28 de xuño, logo de tela pactado con colectivos e entidades de longa traxectoria de loita polos dereitos neste eido, para impulsar a visibilidade e a normalización desta diversidade nos nosos centros de ensino.

Os datos revelan que o ano 2022 foi o máis violento na última década para o colectivo LGTBIQA+ como consecuencia do aumento dos discursos de odio que fomentaron as agresións e as violencias en todas as súas formas. Os centros de ensino galegos non son alleos a esta situación e, como exemplo, vimos de coñecer nas últimas semanas a realización de pintadas homófobas nun instituto de educación secundaria.

A instrución do 6 de setembro de 2019 para a elaboración de Plans de igualdade nos centros educativos recolle que un dos apartados de dito plan será “a análise da situación do centro en relación coa LGTBIfobia e un dos obxectivos coeducativos a intervención nos casos que se detecten”.

Desde o sindicato denunciamos en moitas ocasións que non estea establecido que a persoa coordinadora da área de Igualdade dispoña de liberación horaria nin de compensación económica nin de puntuación a efectos de CXT e que siga dependendo da voluntariedade do profesorado asumir esta responsabilidade. Pois ben, a esta figura sen recoñecemento súmase, tamén a custe cero, a de coordinación de benestar e convivencia, que entre outras moitas funcións ten a de “informar ao persoal do centro sobre os protocolos de prevención e protección de calquera forma de violencia”, entre os que se ten que incluír todo o publicado pola propia Consellería para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.

Coas denuncias da CIG-Ensino e os recursos didácticos que poñemos ao alcance de toda a comunidade educativa pretendemos fornecer de material para traballar a coeducación nas aulas e contribuír a encher o baleiro que deixa a administración educativa que obriga aos centros a elaborar e actualizar un Plan de Igualdade, pero se despreocupa de facer apoio e seguimento na súa aplicación, como constatou a enquisa realizada pola CIG-Ensino no primeiro trimestre deste curso.

DESMONTANDO BULOS ARREDOR DA “LEI TRANS” E VISIBILIZANDO AO COLECTIVO

Nesta ocasión a CIG-Ensino pon á disposición do profesorado unha serie de vídeos extraídos dunha entrevista realizada a Miguel Vieito, avogado da asociación de familias de menores Trans* ARELAS, que explica dun xeito ameno e moi claro algúns dos bulos que circularon sobre a chamada “Lei Trans*” e cal é a realidade deste colectivo nos nosos centros de ensino.

Miguel Vieito diríxese fundamentalmente ao alumnado desde o seu coñecemento do marco xurídico e desde a súa experiencia intentando achegar a realidade do colectivo Trans*, especialmente da mocidade, ás aulas. Así mesmo, reivindica a importancia da conmemoración do Día do Orgullo como ferramenta de loita a prol dos dereitos humanos.

Animamos ao profesorado a que visualice xunto ao alumnado os vídeos que recollen diferentes momentos da entrevista e a que afonden máis sobre este tema!

1º vídeo: Que é ARELAS e que fai pola mocidade Trans*: Miguel Vieito, asesor xurídico de ARELAS, explica cal é a súa función dentro dunha asociación que loita polos dereitos das persoas Trans* menores de idade.

2º vídeo: Por que é importante reivindicar o Día do Orgullo: o 28 de xuño entendido como un día de celebración pero sobre todo de loita pola defensa dos dereitos humanos.

3º vídeo: Algúns datos de asasinatos, delitos e violencia que sofren as persoas Trans*: en Europa máis dun 50% de persoas do colectivo denuncian ser vítimas de discriminación, un 30% no ámbito escolar. No Estado español os delitos de odio por motivos de identidade sexual son os que máis medran e onde máis o fan é na mocidade.

4º vídeo: Incidencia das patoloxías mentais na mocidade Trans* A chave está na contorna e no acompañamento: hai estudos que indican que as persoas trans teñen maior índice de patoloxía mental e de intentos de suicidio pero as causas están principalmente na contorna e igualmente tamén demostran que cun acompañamento positivo deste colectivo non hai diferencias ao respecto das persoas cis.

vídeo: Desmontando os bulos da chamada “Lei Trans”: Miguel Vieito analiza cuestións que se atribuíron a esta lei como a hormonación en menores (xa regulado dende hai décadas a nivel internacional) ou falsidades como que se vaia a producir unha desprotección das mulleres vítimas de violencia de xénero, entre outras.

6º vídeo: A falta de referentes públicos de persoas trans e as violencias que sofre este alumnado en Galiza: o experto xurídico defende a necesidade de que existan medidas de acción positiva na sociedade heteropatriarcal para corrixir desigualdades históricas contra as mulleres e contra as persoas do colectivo LGTBIQA+. Ata que punto a sociedade acepta a diversidade?

7º vídeo: Cales son as carencias que ten a “Lei Trans”? As persoas non binarias non aparecen nesta lei como esixe a UE. As persoas migrantes non teñen os mesmos dereitos na Lei Trans. As persoas menores de 12 anos non poden cambiar o seu sexo no carné de identidade, só o seu nome. Estes son algúns dos puntos que esta lei non abordou e nos que queda aínda por avanzar.

Lista de reprodución con todos os vídeos. Ligazón

Volver