O Correlingua segue a percorrer o país levando a nosa música e cultura ao alumnado galego
Tras unha primeira parada en setembro en Pontevedra e o paso por Viveiro e polo Morrazo, hoxe actuará Mekanica Rolling Band, a banda gañadora do Cantalingua 2022, na Coruña
Miles de estudantes están a gozar desde o mes de maio das actuacións musicais dos grupos gañadores do certame Cantalingua, incluído no Correlingua, un proxecto organizado pola CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega que busca normalizar o galego a través de actividades lúdicas e baixo o lema este ano “Fálame!”.
O Correlingua non se detén. Despois de adaptarse á situación da pandemia e de aproveitar a Internet para facer chegar as actuacións musicais que se realizaron nos últimos anos por varios centros e cidades galegas, este curso comezou forte coa actuación en Pontevedra en setembro de Paco Nogueiras. Coa canción Fálame!, que aproveita o lema da edición deste ano desta actividade lúdico reivindicativa, foi recibido pola cativada do CEIP Praza de Barcelos para comezar o curso con enerxía e boa música. O actor e artista multidisciplinar foi o que acadou o segundo posto no concurso Cantalingua, ao que se presentaron nada máis e nada menos que 35 grupos nesta edición, o dobre que noutras convocatorias.
Pero ademais da animación que xa de por si inclúen estas actuacións con presentadores da talla de Isabel Risco ou Fran Rei, as actividades do Correlingua tocan tamén outras disciplinas artísticas alén da música. Así, a semana pasada o alumnado do instituto de Cangas María Soliño puido participar nun obradoiro de ilustración e escrita coa tamén polifacética María Lado, mentres que o alumnado do IES Johan Carballeira de Bueu puido descubrir o lado musical de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal grazas ao Dúo Vaguedades.
Mais o acto máis numeroso até o momento dos organizados pola CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pegagóxica Galega tivo lugar en Viveiro onde máis de 1000 rapaces e rapazas procedentes dun total de doce centros da comarca se xuntaron o 5 de outubro para escoitar a banda Pauliña, gañadora do certame o pasado ano e que obtivo nesta edición o terceiro posto co tema “Revolta eterna”. A banda capitaneada por Paula Chaves ateigou a capital da Mariña e fixo vibrar a rapazada coa súa mistura de rock, ska, folk, country ou blues, entre outros estilos.
Hoxe a banda gañadora no Centro Ágora da Coruña
E chegou por fin un dos días grandes da xira do Cantalingua. Na cidade herculina daranse cita ás 12 do medio día varios colexios e institutos no Centro Ágora para ver a banda gañadora deste certame, Mekánika Rolling Band, que estarán presentados por Isabel Risco. Coa canción “En busca da festa”, este orixinal grupo que combina animación de rúa, un show participativo e efectos visuais, fará as delicias da cativada coruñesa que poida asistir presencialmente ao concerto que, ademais, poderá ser seguido en directo a través da seguinte ligazón: https://youtu.be/B3utqXTxU2M
Deste xeito, en calquera aula de calquera centro de ensino galego poderán conectarse e seguir esta actuación dun grupo que leva exportando a música galega pola Península e por países como Alemaña, Austria, Francia e Italia nos seus 15 anos de existencia. Son coñecidos ademais por ser semifinalistas no famoso concurso televisivo Got Talent e lideran o ranking da plataforma Orquestras de Galicia.
As tres cancións finalistas xunto co resto de grupo participantes neste certame poden consultarse nesta ligazón.
Longa vida á lingua galega
O Correlingua, unha iniciativa que xurdiu para normalizar o noso idioma durante anos mediante a celebración dunha carreira de convivencia e que foi sumando actividades e concursos ao longo dos seus anos de vida, segue a ser máis necesario ca nunca. Así o pon de manifesto a dificultade para organizar actividades lúdicas que prestixien o galego entre o alumnado nos centros de ensino desde un punto de vista lúdico. Nos últimos anos por mor da pandemia non se puideron celebrar as carreiras nin actividades moi multitudinarias pero grazas sobre todo ao certame Cantalingua o galego seguiu presente nos colexios e institutos do país dando a coñecer ademais os novos valores da música galega.
Despois da parada de hoxe na Coruña a seguinte cita importante será en Lugo o vindeiro 26 de outubro no auditorio Gustavo Freire de Lugo onde actuará de novo Pauliña, presentada polo actor e humorista Fran Rei, e que poderá seguirse en directo a través nesta ligazón: https://youtu.be/DPZFNEI-t08
Desde a organización esperan que miles de estudantes poidan beneficiarse este ano destas actividades ás que se lle unirá Regueifando, unha actividade dirixida a 6º de Primaria e ESO e na que se pode participar co alumnado poñéndose en contacto coa organización do Correlingua.